Que vai pasar en Galicia logo dos resultados do 23X?

Os dirixentes dos principais partidos galegos insisten en que os resultados dos comicios do domingo nada teñen que ver cuns resultados en Galicia. Con todo, os socialistas falan xa dun adianto electoral.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/07/2023 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

Pode Madrid condicionar a axenda política galega?. Esa é a pregunta que na noite do domingo e a mañán deste luns estivo en boca de moitos e moitas xornalistas deste país que consideran que o que pasou o 23X ben pode ter unha lectura "á galega".  Unha lectura na que o PPdeG sae máis reforzado que nunca e no que a esquerda, novamente fragmentada en tres cachos, pode telo moi complicado para acceder a San Caetano. 

Unha persoa exerce o seu dereito a voto durante as eleccións xerais
Unha persoa exerce o seu dereito a voto durante as eleccións xerais | Fonte: Carlos Castro

PPdeG, PSdeG e BNG adicaron este luns a facer valoracións dos resultados e, cada un deles, obviamente, barre para a casa. Populares e nacionalistas insistían en que aumentan en número de votos, e os socialistas en que conseguiron frear o ritmo descendente que se viu nas pasadas municipais.

Así, o voceiro do PPdeG, Pedro Puy, destacou que os populares galegos "reforzan as súas posicións", aínda que vitou facer especulacións sobre cando optará o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por fixar as autonómicas. Preguntado sobre un posible adianto se se repiten as xerais, respondeu que non toca abordar esta cuestión."Non é o momento para falar diso. O que procede constitucionalmente é elevar a proposta de candidato para a investidura. Isto é o fundamental", dixo.

O BNG SEGUE SUBINDO

Pola súa banda, a voceira do BNG, Ana Pontón, lamentou que a campaña fose "desigual" e "moi centralista", posto que a líder nacionalista argumentou que estivo centrada "nas forzas de carácter estatal" e sen que os temas galegos "tivesen o peso, a consideración e a importancia" que querían que tivesen. Con todo, destacou que o BNG é unha forza política "que segue subindo" con "30.000 votos máis nun contexto marcado polo bipartidismo".

Sobre unha hipotética extrapolación dos resultados das xerais a unhas autonómicas, foi clara: "Calquera persoa sabe que non se poden extrapolar uns resultados dunhas eleccións a outras". Así, expuxo que nos anteriores comicios o BNG tamén sacara un escano e nas eleccións galegas "triplicaron" o resultado e foron segunda forza política.

Ademais, a preguntas dos medios sobre se ve posible un adianto electoral en Galicia, Pontón sinalou que están "preparados para calquera adianto electoral", pero apuntou que esa é unha pregunta que "hai que facerlle ao presidente". Con todo, recoñeceu que "o vai a facer cando considere que é mellor para o PP, non cando considere que é mellor para Galicia".

ADIANTO ELECTORAL

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, afirmou que este domingo foi "a peor noite electoral" de Alberto Núñez Feijóo e asegurou que o candidato do Partido Popular "non vai ser presidente". Así mesmo, reiterou a insistencia dos socialistas en campaña "da importancia do voto útil". 

Cuestionado sobre un posible adianto electoral en Galicia, Álvarez ve tres escenarios: un "adianto técnico" en marzo, outro "menos plausible" que, na súa opinión, faría que a lexislatura terminase en xuño do próximo ano, ou a opción que para el "cobra cada vez máis forza", un adianto electoral. "Que Rueda convoque cando considere pertinente", engadiu antes de lembrar que "atoparán en fronte a un PSOE sendo primeira forza, tanto nas municipais como nestas xerais celebradas onte".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O único que está a pasar en Galicia é que se multiplica a Ditadura do Supermercado ! Non sei de onde saen esas alegrías electorais... será que non comen o que non pagan o que comen ? É un misterio ver que aínda ninguén asaltou un Supermercado en nome da Democracia !