Zancudos, gatos inquedos, tambores e espectáculos de luces e son inundarán Pontevedra entre o mércores e o venres

O Festival Itineranta, dedicado aos espectáculos de rúa, regresa con actuacións de nove compañías diferentes.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/07/2023 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O Festival Itineranta, dedicado aos espectáculos de rúa, regresa a Pontevedra a partir deste mércores, 26 de xullo, con actuacións de nove compañías diferentes con espectáculos de luz e son.

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou este luns 'Itineranta. XII Festival Internacional de animación de rúa' xunto a Sergio Rodríguez, un dos responsables da compañía viguesa Troula que organiza este evento que se desenvolve polas rúas do centro histórico pontevedrés.

"Como 'experiencia de usuario' teño que dicir que só hai que saír á rúa e deixarse levar para gozalo con todos os sentidos", recomendou o concelleiro á cidadanía para que se anime a participar neste festival de artes de rúa.

Sergio Rodríguez destacou que Itineranta é unha cita cultural "asentada" no calendario cultural galego e que "Pontevedra é un marco incomparable" para desenvolver todas estas actividades xa que a cidade "adáptase perfectamente a este tipo de espectáculos nos que pode ocorrer calquera cousa, en calquera momento e en calquera lugar".

Para o mércores, 26 de xullo, desde as 20.00 horas, están programadas as actuacións de: Todo Zancos, con 'Mediterraneus'; CIA Cirteani, con 'Trotaclowns'; Latexo Percusión, con 'O son dos tambores' e de Pablo Méndez Performance con 'Méxican Parade'.

O xoves, 27 de xullo, ás 20.00 horas, sairán as animacións de Actúa Produccións, con 'Wonderwool' na que dous gatos travesos percorren as rúas e prazas da cidade co seu orixinal cocheciño creando divertidas e insólitas situacións co público; Fadunito, con '+75' que pon en evidencia coa súa performance os problemas de accesibilidade dos espazos públicos; Todo Zancudos, con '"Cercles'; e Yera Teatro, con 'Lumen' coas súas marionetas xigantes de luz.

Finalmente, o venres, 28 de xullo, no mesmo horario, será a quenda de Actúa Produccións, de novo co espectáculo 'Wonderwool'; e Todo Zancudos presentarán outra animación distinta, 'Metamorphosi'. O venres estrearanse polas rúas de Pontevedra a compañía portuguesa PIA (Projectos de Intervençao Artística), con 'Entremundos', unha performance de teatro físico, obxectos e formas animadas, manipulando marionetas de grandes dimensións. E tamén a veterana compañía vasca Deabru Beltzak que trae á Boa Vila o seu espectáculo 'Lles tambours de feu', que ten como protagonista a Aker, o diaño do aquelarre e o seu séquito de percusionistas con música en directo, pirotecnia e grandes efectos especiais.

Cada un dos espectáculos de Itineranta durará aproximadamente unha hora e desenvolveranse de maneira simultánea para que se solapen e o público se mova polas diferentes rutas preestablecidas.

Cartel da edición 2023 de Itineranta
Cartel da edición 2023 de Itineranta | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta