Rueda será o delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo este martes 25 de Xullo

O Rei Felipe VI exerceu o pasado 25 de xullo, Ano Santo, por cuarta vez este papel, que habitualmente se lle designa a un delegado rexio entre as personalidades políticas da Comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2023 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exercerá este martes, por primeira vez, como delegado rexio na Ofrenda Nacional ao Apóstolo, que se celebrará na Catedral de Santiago.

O Rei Felipe VI exerceu o pasado 25 de xullo, Ano Santo, por cuarta vez este papel, que habitualmente se lle designa a un delegado rexio entre as personalidades políticas da Comunidade.

Remontándose no tempo, no 2000 exerceu este papel tamén o presidente da Xunta, naquel caso Manuel Fraga, mentres que o alcalde compostelán foi a personalidade elixida en 2001, 2005 e 2008.

A infanta Cristina, pola súa banda, realizou a ofrenda no ano 2002 e o entón presidente do Parlamento, José María García Leira, encargouse en 2003. En 2007 foi a súa sucesora na Cámara autonómica, Dolores Villarino, e un ano antes, en 2006, outro presidente autonómico, Emilio Pérez Touriño.

O expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo exerceu como delegado rexio nos anos 2009, 2015, e 2017. Fora designado tamén para a Ofrenda de 2013, que non chegou a celebrarse polo accidente de Angrois.

Dous presidentes do Parlamento --Pilar Rojo e Miguel Santalices-- foron designados os anos 2011, no caso da primeira, e 2016 e 2018, do segundo, mentres que en 2012 exerceu este papel o entón rexedor popular da cidade, Ángel Currás. En 2019 fíxoo por cuarta vez Xosé Sánchez Bugallo, tras volver á Alcaldía oito anos despois.

A Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago foi instituida en 1643 por Felipe IV e, ao longo dos anos, mantívose a tradición de que reis, xefes de Estado ou personalidades coas máis altas responsabilidades rendan homenaxe ao Patrón das Españas para pedir a súa intercesión en asuntos de actualidade ou de preocupación colectiva.

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, será o encargado de presidir a celebración, que arrincará ás 10,00 horas deste martes na Praza do Obradoiro, cunha cerimonia civil e pase de revista ás tropas. A esa mesma hora iniciará a procesión do Padroado, que sairá pola porta de Pratarías para encamiñarse cara á Praza do Obradoiro.

Posteriormente, a procesión relixiosa e a civil uniranse para acceder á Catedral, onde se celebrará unha Eucaristía con Ofrenda ao Apóstolo Santiago, Para concluír os actos, haberá unha recepción no Pazo de Raxoi.

A ALCALDESA DE SANTIAGO NON PARTICIPA

Nesta ocasión, como xa ocorreu durante a alcaldía liderada por Martiño Noriega, a alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, anunciou que que acudirá á parte relixiosa da Ofrenda, aínda que si participará en todos os actos institucionais con motivo do Día de Galicia, o 25 de xullo.

"Como representante da cidade e atendendo á condición de estado laico, a miña participación centrarase nos actos institucionais", dixo no seu momento a alcaldesa tras unha reunión co arcebispo compostelán.

Arquivo - O botafumeiro na Catedral de Santiago nunha imaxe de arquivo.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O botafumeiro na Catedral de Santiago nunha imaxe de arquivo.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta