CC.OO. Industria critica que CIG e UGT "claudicasen ante a patronal" ao asinar o convenio do metal en Pontevedra

Lamentou que non "respectasen o pactado con anterioridade" entre os tres sindicatos, quedando "mal parada" a unidade de acción sindical.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/08/2023 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras (CC.OO.) Industria de Galicia lamentou que UGT e CIG "claudicasen ante a patronal" tras asinar o convenio do metal da provincia de Pontevedra, "sen respectar o pactado con anterioridade" entre os tres sindicatos, quedando "mal parada" a unidade de acción sindical.

Nun comunicado asinado polo secretario xeral de CC.OO. Industria de Galicia, Juan Carlos López Corbacho, a organización asegura que a patronal "saca maior tallada" do acordo. Un acordo que foi rexeitado en asemblea polo 60 % da afiliación de CC.OO., polo que só UGT e CIG asinaron o novo convenio.

En concreto, no apartado de salarios, Corbacho critica que o acordo perde a revisión salarial sobre o IPC anual ao 100 %, xa que recolle unha subida do 3 % e un 2 % máis se o IPC é superior (isto supón que se o IPC sobe un 6 %, a subida máxima dos soldos sería do 5 %). Ademais, CC.OO. lembra que os incrementos acordados son inferiores aos alcanzados recentemente noutros convenios do sector e van por baixo do pactado a nivel estatal no marco do Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva.

"Resulta paradoxal ver como a CIG, que no seu momento criticou duramente a UGT e CC.OO. pola firma do acordo estatal AENC, bótase agora a correr para asinar incrementos que non alcanzan aqueles limiares. Máis incomprensible é a actitude de UGT que non respecta nin o asinado a nivel estatal", lamentou. Corbacho tamén criticou que non se conseguise a subrogación de traballadores entre empresas ou a redución de só dous días de xornada laboral ao ano.

Así mesmo, criticou a "criminalización e o menosprezo continuo" que se fai aos traballadores do metal por parte da patronal Asime, segundo dixo, "que de novo o pasado venres aproveitou un comunicado para vender a firma do convenio con UGT e CIG para tratar como delincuentes á clase traballadora na súa loita para mellorar os seus dereitos". Para el, o "único delincuente" é Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, "que coa súa prepotencia ocupouse de provocar á masa social con continuos menosprecios públicos".

Miles de traballadores do sector do metal maniféstanse polas rúas de Vigo, a 15 de xuño de 2023, en Vigo
Miles de traballadores do sector do metal maniféstanse polas rúas de Vigo, a 15 de xuño de 2023, en Vigo | Fonte: Javier Vázquez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta