O PSdeG denuncia "precariedade laboral" do servizo de prevención de incendios da Xunta

Neste eido, o BNG reclama a falta de persoal no operativo antiincendios ao que a Xunta responde acusando ou grupo nacionalista de "desinformar" e "crear alarma social".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/08/2023 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A deputada do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou este xoves "a precariedade laboral" do persoal do servizo de prevención de incendios da Xunta ante "unha situación de grave risco" de lumes polas altas temperaturas.

Os socialistas remarcaron que "dous terzos dos traballadores deste servizo dependente da Xunta de Galicia teñen unha vinculación de carácter eventual", o que impide, segundo a parlamentaria, que "se realicen correctamente os labores de prevención de incendios ao longo do ano", o que reduciría o risco de lumes forestais no verán, así como o seu alcance.

Carmen Rodríguez Dacosta criticou o "desinterese" que, ao seu modo de ver, mostra o goberno de Alfonso Rueda ante a prestación dun servizo que considera "esencial para a seguridade das persoas e os seus bens". Ademais, incidiu en que "parece que a única vacina que ten o goberno galego é "ti vai facendo a ver se coa", deixando "en mans do tempo o éxito ou non da campaña anti incendios".

Do mesmo xeito, denunciou que a Xunta "non fixo os preceptivos concursos de traslados durante os últimos anos e a correspondente estabilización do emprego público como así obriga a normativa europea".

Brigadas forestais e veciños colaboraron no control das lapas dos incendios forestais
Brigadas forestais e veciños colaboraron no control das lapas dos incendios forestais | Fonte: Rosa Veiga

BNG

Neste sentido, a Xunta foi criticada tamén polo BNG en relación á falta de persoal no operativo de loita contra incendios ao que o conselleiro do Medio Rural, José González esgrimiu que, das 3.057 prazas que dependen directamente do Executivo autonómico, o 95%, 2.901 están activas. Concretou que hai 156 baixas pendentes de cubrir, un 5% do total, que na súa maioría son recentes e de "curta duración".

Neste sentido, Carme Aira, nun comunicado, lamentou a política de persoal da Consellería do Medio Rural, "con baixas sen cubrir" en áreas "tan sensibles" como a Valdeorras, Os Ancares e o sur das provincias de Lugo e Ourense.  A esto José Gonzalez respondeu convidando aos dirixentes do BNG a "visitar un pouco máis o territorio, a que vexan os tractores e as maquinarias de roza que levan moitos meses traballando". "Que vexan ese traballo conxunto da Xunta e dos concellos", apelou, antes de exemplificar cun convenio en marcha coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) con "máis de 40 tractores que fan, aínda hoxe, traballos de prevención en diferentes municipios".

CRÍTICAS DE FALTA DE PERSOAL

En canto aos períodos nos que traballan, o conselleiro remarcou que hai "uns 2.000 de 12 meses" e lembrou que este ano "se pasou aos que estaban de nove a 12 meses". "É dicir, 2.000 traballadores máis ou menos de 12 meses e mil traballadores de seis meses", remarcou. Ademais, agrega que o operativo ascende a un total de 7.000 efectivos porque incorpora tamén persoal de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, do Exército, de Protección Civil, e Policía Local, entre outros.

"Se imos buscar unha brigada que ten a dous compoñentes de baixa, é probable que exista, eu non digo que non", esgrimiu o conselleiro, antes de engadir, que, en todo caso, "a realidade, o certo e verdade é que o 95% das prazas do servizo autonómico de prevención e extinción de incendios de Galicia están activas a día de hoxe".

"RESPONSABILIDADE" E NON XERAR "ALARMA SOCIAL"

"Eu o que non acabo de entender é cal é a filosofía que está detrás de denunciar unha situación que non existe en canto hai tres incendios. Gustaríame que todos os grupos parlamentarios, en concreto o BNG, apoiasen o traballo de todas as administracións contra os incendios e non estivesen desinformando con datos que non se corresponden á realidade", apelou José González.

A Xunta recalcou que "non existe, en absoluto" falta de persoal e negou que os efectivos despregados sexan "insuficientes", antes de pedir "responsabilidade" á hora de realizar determinadas afirmacións que, ao seu xuízo, xeran "alarma social" e "non valoran a profesionalidade e o magnífico labor" dos traballadores contra incendios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta