Arrinca a XVI Feira do Viño Monterrei no medio dun proxecto de recuperación das súas ladeiras de viñedos históricas

O conselleiro de Medio Rural, José González, presidiu este venres a inauguración da festa, celebrada na Praza Maior de Verín.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/08/2023 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, presidiu este venres a inauguración da XVI edición da Feira do Viño Monterrei, celebrada na Praza Maior de Verín. No acto estivo acompañado, entre outras autoridades, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Durante a súa intervención, González reivindicou a importancia do sector vitivinícola para Galicia e incidiu na tradición das variedades autóctonas. Nesta liña, destacou a recuperación das ladeiras históricas de viñedos como "unha feito clave" para pór en valor os viños con denominación de orixe, neste caso, o de Monterrei.

Tamén neste contexto o conselleiro puxo en valor o Plan Monterrei, ao que se referiu como "un proxecto tractor de recuperación integral e sustentable para darlle maior cohesión ao territorio". Esta iniciativa, explican nun comunicado, pivota sobre os instrumentos de recuperación postos en marcha pola Consellería, como a aldea modelo de Infesta ou o polígono agroforestal de Vences, que lograron mobilizar ao redor de 65 hectáreas.

Con todo, o Plan Monterrei prevé alcanzar as 4.000 hectáreas de viñedo, plantación de castiñeiro, horta e gandaría en extensivo. Así mesmo, José González sinalou que a próxima semana publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo de Infesta.

Apuntan que se valorarán aqueles proxectos que busquen pór en produción, de forma sustentable, as terras abandonadas. O títular de Medio Rural referiuse tamén á gran cantidade de viños da zona e da comunidade en xeral, como unha característica intrínseca de Galicia.

Presentación da XVI Feira do Viño de Monterrei
Presentación da XVI Feira do Viño de Monterrei | Fonte: Concello de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta