Activa para este martes a alerta laranxa por altas temperaturas que chegarán aos 40 grados na zona do Miño de Ourense

O nivel amarelo estará activo por máximas de 36 graos no noroeste, no sur e na zona de Valdeorras da provincia ourensá, así como no sur de Lugo.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/08/2023 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A dirección xeral de Emerxencias activou para este martes a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece ao redor do mediodía con temperaturas máximas de ata 40 graos. Este luns xa está activa a alerta amarela por máximas de 36 graos nesta zona da provincia ourensá, así como no sur da provincia.

Ademais da alerta laranxa na zona do Miño en Ourense, o nivel amarelo estará activo por máximas de 36 graos no noroeste, no sur e na zona de Valdeorras da provincia ourensá, así como no sur de Lugo. Tamén se esperan máximas de 34 graos no litoral galego, polo que o aviso será tamén amarelo no suroeste e no interior da provincia da Coruña e nas Rías Baixas e no interior e na zona do Miño na provincia de Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, espérase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables, como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol.Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Bañistas nunhas pozas termais, a 8 de agosto de 2023, en Ourense
Bañistas nunhas pozas termais, a 8 de agosto de 2023, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta