Inspectores de servizos sociais: inspeccións “filtradas”, empresas molestas e sancións inexistentes

O BNG denunciaba hai unha semana “presións” aos inspectores de Servizos Sociais no seu labor referido ás residencias de maiores. O PPdeG pedía non dubidar do traballo dos funcionarios mentres que as acusacións de connivencia entre Xunta e empresas privadas van en aumento. A todo isto débeselle sumar o escaso número de funcionarios con tarefas de inspeccións e as dificultades que encontran para realizar o seu traballo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/08/2023 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luis Bará reclamaba o pasado 14 de agosto de 2023, a investigación por parte da Xunta de “filtracións” ou avisos con antelación das inspeccións  en residencias de maiores. As sospeitas sobre estas prácticas xa foran denunciadas por familiares dos usuarios: “a primeira sospeita veu cando o evidente non era notificado polas inspeccións” di Pepe Bernárdez de Vellez Digna. Ás presuntas filtracións e “presións” sobre os inspectores hai que sumar o número insuficiente de profesionais para levaren adiante estas tarefas. “Dentro do que é Maiores e outras áreas son en total 14 inspectores, mentres aumenta o número de centros e entidades autorizadas” di Marcelino Vidal, da Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (AGISS).

Protesta dos traballadores de residencias de Política Social ante a Xunta.
Protesta dos traballadores de residencias de Política Social ante a Xunta.

FILTRACIÓNS

As protestas de familias, traballadores e colectivos ante a filtración de inspeccións, levaron á creación dun sistema polo que cada inspector ou inspectora recibía un número determinado de centros para atender. “Isto negociouse coa Secretaría Xeral Técnica de Política Social e Xuventude, así cada inspector iría o día e hora que estimase oportuno”, sen avisos previos. “Este método estivo vixente durante seis meses até que a situación sobre as residencias calmou e, da noite para a mañá, o novo sistema foi cancelado di Marcelino Vidal. “A orde foi: non podedes seguir con este método”.

O método actual séguese mediante unha aplicación informática que programa as visitas inspectoras unha semana antes, desta maneira xa está predeterminado o lugar e hora da visita. “Co método anterior só o sabía o ou a inspectora, o método actual non ofrece garantías para as persoas usuarias” remarca Vidal. 

A deputada do BNG, Rosana Pérez, insiste tamén en que a Xunta debe pór freo ás filtracións e depurar responsabilidades ao respecto. “Dentro da mesma pandemia houbo connivencia entre residencias privadas e Xunta, algo que afecta a un colectivo vulnerable” como son as persoas maiores. A maiores disto, Rosana Pérez sinala que “isto dicímolo nós, houbo intentos de presión sobre os inspectores e funcionarios públicos para calar as críticas e denuncias, isto é vulnerar a lei”.

Desde a Xunta negan as acusacións da Asociación de Inspectores de Servizos Sociais sobre avisos previos de inspeccións a residencias: "carecen de absoluta veracidade e fanse sen ningún tipo de proba". Remarcan que non se dá ningún tipo de aviso á dirección dos centros; "e isto corrobrao o feito de que se seguen interpoñendo expedientes sancionadores cando se atopan cuestións que non están acorde á normativa". Así mesmo, "sempre que se notifica unha incidencia de gravidade nun centro, a Xunta actúa con toda contundencia".

OCULTAR OS FALLOS?

“Déronse casos de residencias con máis usuarios do debido, ante isto e avisadas das inspeccións, algunhas agochaban o número excedente de usuarios nun alboio como ocorreu nunha delas” apunta Pepe Bernárdez. “Os familiares que contactan con nós sempre nos din que a inspección non encontrou irregularidades, mesmo na de Ribadumia a inspección quixo ir de “sorpresa” e cando chegou caeulles o sistema informático da Xunta”.

“Estase a obstruír o labor da inspección ademais de incumprir coa lei de Inspección, isto está favorecendo a connivencia da Xunta con empresas amigas do PP” di Rosana Pérez. “Non se pode acceder á documentación das residencias, algo que xa denunciamos á Valedora do Pobo sen que a Consellería de Política Social teña contestado”.

En 2008 aprobouse a le de Servizos Sociais que desde aquela non se revisou e que estipulaba sancións de 3.001€ por falta grave” sinala Marcelino Vidal. “Logo saíron a Lei 15 de Procedemento Administrativo e a lei 40 de Administracións Públicas que rebaixaban as sancións un 20% se se facía o pagamento por adiantado e un 10% por recoñecer os feitos”.

Alén disto último, os e as inspectoras teñen o servizo centralizado en Santiago. Isto trae como consecuencia “que eu teño encher o depósito de combustible, botar ao mellor tres horas de ida e tres de volta e no medio realizar a inspección” sinala Vidal. “O servizo podería estar descentralizado por provincias con sede central en Santiago”.

Desde a Xunta "descoñecemos a motivación das acusacións realizadas, pero entendemos que non benefician en ningún caso a boa labor que fan os inspectores de servizos sociais para garantir o bo funcionamento dos centros". A Xunta "confía no traballo dos seus servizos de inspección, que son os que garanten a calidade asistencial nos centros e a seguridade dos seus usuarios", e no método de asignación de inspeccións, do que as residencias non teñen coñecemento xustamente para garantir a súa eficacia.

As denuncias sobre presións a inspectores de Servizos Sociais lévanse denunciando desde hai tempo por parte de familias de usuarios en residencias para maiores. A pesar disto e dos feitos acontecidos durante a pandemia, as cousas non parecen ter cambiado segundo declaracións de familiares. Pola súa parte, os funcionarios de Inspección reclaman melloras nos seus horarios e na aplicación metodolóxica das súas tarefas laborais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta