A nosa Sanidade Pública

A atención sanitaria, tal como hoxe a coñecemos, ten unha curta vida. Pouco máis de tres décadas. A extensa rede de hospitais e centros de saúde que cobren toda a xeografía fíxose nun tempo moi recente. Recordemos que a guerra civil deixou a este país sumido na miseria máis absoluta, baixo a opresión do dictador e co medo e a pobreza esmagando á maioría da poboación. Ninguén visitaba ao médico salvo en casos de extrema gravidade.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 11/05/2015

Comparte esta noticia

Durante a II República xa se crearon diversos seguros para protexer a saúde dos traballadores. Pero, tralo final da contenda, non é ata 1944 cando se implanta o Seguro Obligatorio de Enfermidade (SOE), dirixido a protexer aos traballadores económicamente débiles. Tiveron que pasar corenta anos máis para que se aprobasea Lei Xeral de Sanidade (LXS), promovida polo ministro Ernest Lluch, que senta as bases do actual modelo sanitario de España. Seguiuo esquema doNational Heltth Service (NHS), -que xa en 1948 propuxo unha asistencia preventiva e curativa “para todo cidadán sen excepción”-; ademais do Reino Unido, os países nórdicos e outros europeos estableceron sistemas sanitarios baseados no financiamento público, acceso universal e unha oferta de servizos sanitarios con independencia dos ingresos, da posición social ou lugar de residencia (J. Benach).

En España este proceso foi máis tardío.Na LXS establécese a universalizacion do dereito á atención sanitaria, cun modelo baseado na prevención e a promoción da saúde, que integra os servizos sanitarios e que ten unha provisión maioritaria e hexemónicamente pública (Sánchez-Bayle). Esta lei garante o dereito dos cidadáns á atención sanitaria e configúrase un Sistema Nacional de Saúde (SNS) como elemento integrador e coordinador dos servizos sanitarios transferidos ás Comunidades Autónomas (CCAA).

Ademais da LXS foron importantes para o bo desenvolvemento do sistema outros feitos. Para conseguir uns hospitais con elevado nivel de calidade foi decisiva a creación, nos anos setenta, dosistema MIR (Médicos Internos e Residentes) para a formación postgraduada, o que dotou aos nosos hospitais de especialistas altamente cualificados que, á súa vez, formaron a outros compañeiros. Para o desenvolvemento do nivel deAtención Primaria(AP) foron momentos crave a creación da especialidade de Medicina de Familia (1978), e o Decreto de Estruturas Básicas de Saúde (1984) que favoreceu a construción de numerosos centros de saúde para acoller o traballo de equipos multidisciplinares que integraron as actividades curativas coas de promoción e prevención.

O dereito á atención sanitaria foi unha das conquistas sociais máis importantes da segunda metade do século XX, un ben público equiparable ao dereito ao voto, a educación ou ter unha pensión (J. Benach). Este dereito está garantido polo SNS. Pero este SNS non é perfecto. A súa deficiencia máis notable é o escaso financiamento. Vicenç Navarro recorda (no libroLa salud como negocio) que a Transición non foi tan modélica: “os herdeiros da ditadura controlaban os aparellos do Estado e os medios de comunicación, mentres que as forzas democráticas acababan de saír da clandestinidad”. O dominio das forzas conservadoras fixo que o Estado fose moi pouco redistributivo: “España é o país que ten un dos gastos públicos sociais per capita (incluíndo o sanitario) máis baixos da UE-15 (o grupo de países da UE de semellante nivel de desenvolvemento) así como un Estado moi pouco redistributivo”.

A insuficiencia financeira, que arrastra o SNS desde o seu nacemento, débese, sobre todo, ao déficit recaudatorio do Estado. España non é un país pobre: o diñeiro existe pero o Estado non o recauda. As clases podentes teñen un gran poder e non contribúen a financiar o Estado do benestar na mesma proporción que as súas homólogos da UE-15. Aí é onde está o problema, segundo sinala en profesor Navarro: “as rendas do capital, que supoñen a maioría das rendas das clases máis podentes do país, aportan ao Estado moito menos que as rendas do traballo”.

Pese a que a porcentaxe de PIB dedicado á saúde é dos máis baixos da contorna, os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo. O SNS constitúe un elemento crave para a cohesión social. O SNS xerou bos resultados no estado de saúde da poboación, na cobertura sanitaria, na calidade e seguridade das prestaciones e na satisfaccción dos usuarios. Os cidadáns españois dispoñen, aínda hoxe, dun SNS con boa relación custo-calidade, e é un sector crave do Estado de benestar, así como un elemento estratéxico da economía, de alto valor engadido e xerador de emprego. É necesario defendelo ante oataque depredador da dereita gobernante, empeñada en subtraer un dereito aos cidadáns para converter a sanidade nun espazo de negocio.http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

(Este texto forma parte do libro “La Sanidad no se vende”, Editorial Akal Foca, 2015).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.