A meirande parte do tempo consómese en darlle voltas ao propio expediente e ver de establecer unha boa defensa. É lóxico. O importante é estar libre canto antes.
Pero iso non impide que se susciten por dentro outras preguntas: E ao día seguinte, que? Que fago coa miña liberdade? De verdade son libre? De verdade sei ser libre e actuar con liberdade? E a sociedade axúdame e permíteme ser libre? Diría máis: Quérenme libre?
As grandes figuras de encarcerados dos que temos memoria préstanse para unha reflexión a fondo: Mahatma Gandhi, Nelson Mandela, Pablo de Tarso, Pedro o Apóstolo, Xesús de Nazaré, “o preso”, etc.
Máis próximo a nós, territorialmente, temos a Frei Luís de León. Durante cinco anos permanece illado nunha cela da Inquisición sen saber quen o acusa e, durante algún tempo, de que se lle acusa. No entanto, será no cárcere onde escribirá algúns dos seus mellores e máis famosos poemas, como aquel que comeza:
Aquí la envidia y la mentira
me tuvieron encerrado.
Dichoso el humilde estado
del sabio que se retira
de aqueste mundo malvado,
y con pobre mesa y casa
en el campo deleitoso
con sólo Dios se compasa,
y a solas su vida pasa,
ni envidiado ni envidioso
En 1576 sae libre do proceso con máis vigor e enerxía moral do que antes de entrar, aínda que a súa saúde fica moi quebrantada. Fíxose famosa a frase na súa volta á cátedra de Salamanca: «Decíamos ayer...». Con ela quere indicar o seu triunfo interior contra a maldade dos seus inimigos.
Para crecermos como persoas precísase aproveitar moito a prisión e tamén as crises persoais para, desde aí, modelar un auténtico proceso de experiencia de maduración interior. Non é fácil e custa moito. Ninguén nos dixo que os momentos das grandes probas, persoais e familiares, sexan doados.
Para medrarmos como persoas é preciso abrirse a novas e grandes utopías. Que vou facer na miña vida de liberdade que valla a pena?
É fácil falar de memoria. Da dor e do sufrimento sempre nos falan os que non pasaron por el. E iso, de que nos serve? Mesmo por iso, miremos de novo a eses modelos que pasaron polas mesmas circunstancias: Ex.: Mandela, 27 anos preso, etc. Vale a pena coñecelos a fondo.
Só cando hai un ideal de vida, se loita por unha vida con ideais. Aí están eses compañeiros africanos que se lanzan con riscos de vida a loitar pola vida.
Anímaste a descubrir e traballar un modelo de futuro de vida que encha a túa vida e a dos teus? Iso merece liberdade e abrirase paso. Pero para iso hai que traballar arreo, a diario e con teima neses proxectos aos que alude a Constitución art. 25, § 2.
Os modelos van diante testemuñándonos que as utopías son posíbeis. Pero cómpre sermos moi realistas e con decisións valentes.
Un compañeiro que agora xa está en liberdade tróuxome un día esta frase do latín clásico: “Hoc non pereo habebo fortior me”. Alguén a deixara gravada anteriormente nunha cela do módulo 7. “O que non me mata, faime máis forte”, ou doutro xeito: “Se saio desta proba con ben, sairei máis fortalecido”.
Anímaste?