Por Galicia Confidencial | OURENSE | 16/09/2023 | Actualizada ás 22:00
O despoboamento rural semella ser xa un mal endémico da nosa rexión. En Galicia, a crise demográfica é unha das principais ameazas de cara ao futuro. Nunha sociedade que históricamente foi predominantemente agrícola, hoxe os campos quedan sen xente moza que os traballe, os oficios pérdense e os máis novos ou emigran cara outros países ou buscan oportunidades máis 'modernas' nas cidades. Así, todos os concellos do interior van perdendo poboación a pasos axigantados, moito máis rápido do previsible, se cabe. Os anciáns non van vivir eternamente, e o relevo xeracional en zonas de montaña vese altamente comprometido.
Un estudo do ano 2015, 'El despoblamiento en Galicia: la visualización de la 'catástrofe'", de Alberto José Pazo e María Pilar Moragón, da Universidade de Vigo (UVigo), pono de manifesto. Aínda que non se realizou unha actualización dos datos, pode presupoñerse, pola tendencia, que na actualidade son aínda máis alarmantes. Por aquel entón, os municipios galegos que tiñan un número de habitantes maiores de 65 anos inferior ao 15 % eran moi escasos: tan só Ames, Arteixo e Oroso, na provincia da Coruña; e Salceda de Caselas, na de Pontevedra; ningún nas de Lugo e Ourense. Fixándonos un pouco, podemos comprobar que todos estes concellos son periurbanos, é dicir, que están preto de grandes cidades, e actúan como cidades dormitorio para os traballadores das mesmas.
Mentres, cunha poboación de máis de 65 anos superior ao 40 % atopábanse en Lugo 19 municipios: Ourol, Muras, Abadín, Riotorto, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, O Incio, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada e Antas de Ulla; e na provincia de Ourense a frioleira de 49: A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Parada de Sil, A Teixeira, Laza, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, Monterrei, Cualedro, Trasmiras, Sarreaus, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambia, Sandiás, Paderne de Allariz, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Muíños, Lobeira, Bande, Verea, Entrimo, Rairiz de Veiga, A Bola, A Merca, Cartelle, Ramirás, Gomesende, Quintela de Leirado, Padrenda, Castrelo de Miño, Cenlle, San Amaro, Melón, Carballeda de Avia, Avión, Beariz, Boborás, O Irixo, San Cristovo de Cea, Larouco e Montederramo.
Moi ao contrario, na provincia de A Coruña non había ningún concello que padecese esta crise, e na de Pontevedra tan só dous: Cerdedo e Forcarei. E que pasa se elevamos a porcentaxe ao 50 %? Obtemos como resultado que na provincia de Ourense había sete concellos cuxa metade de habitantes eran maiores de 65 anos fai tan só oito anos: O Bolo, Calvos de Randín, Lobeira, Parada de Sil, San Xoán de Río, A Teixeira e Verea. Todas elas son comunidades pertencentes ao que varios autores deron en chamar rural profundo ou 'de montaña', máis próximos á orografía escarpada das cordilleiras galegas.
Subindo a idade, cunha porcentaxe de maiores de 80 anos superior ao 15 % atopábanse xa no 2015 na provincia de Lugo 36 municipios (o 53,2 % de todos os que a compoñen); na de Ourense, 58 (aínda peor balance, o 63 % do total de concellos da provincia); na da Coruña, 5 (o 5,3 %: Boimorto, Cerdido, Mañón, Sobrado e Vilasantar); e, na de Pontevedra, 4 (o 6,9 %: Agolada, Cerdedo, O Covelo e Forcarei). Chama a atención que incluso nas provincias costeiras son os municipios das áreas de montaña os máis afectados polo avellantamento.
FALTAN MOZOS
Pola contra, se analizamos os mozos que hai ao longo da xeografía galega, os datos son demoledores. No 2015 había un total de 48 concellos na provincia de A Coruña (o 51 %) nos que o número de menores de 15 anos non representaba nin o 10 % da poboación total. Na de Pontevedra, eran 15 (o 22,7 %); na de Lugo, 58 (o 86,6 %); e na de Ourense, 82 (o 89,1 %). Se aumentamos un pouco a idade, ata os 20 anos, quedánse en 6 concellos na provincia da Coruña, en cinco na de Pontevedra, en 40 na de Lugo e en 72 na de Ourense.
As excepcións nas provincias orientais (Lugo e Pontevedra) correspóndense con espazos litorais de certa puxanza industrial ou pesqueira, como pode ser o caso de Burela ou Foz, na Mariña lucense; ou ben coas capitais provinciais e os seus espazos periurbanos, así como certas vilas interiores que se sosteñen grazas aos efectos do que se coñece como 'emigración en cascada'. En Lugo estes casos danse en Lugo cidade, Monforte de Lemos, Xove, Outeiro de Rei, Ribadeo, Sarria e Viveiro. E en Ourense, en Ourense cidade, Allariz, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, San Cibrao das Viñas e Xinzo de Limia.
ÍNDICE DE RECAMBIO
Outro indicador importante a ter en conta é o chamado 'índice de recambio', que ben a ser a relación entre maiores de 75 anos e menores de 10 nun territorio. A maior valor deste índice, supóñense unhas perspectivas de recambio xeracional máis comprometidas e negativas, estando o equilibrio entre ambas idades no valor 100 de 100, e estando as mellores perspectivas canto máis por debaixo dese valor 100 mellor. Xa no 2015 a dualidade entre litoral e interior era moi marcada.
Cun indicador de 500 sobre 100 (moi negativo), había un total de dez concellos na provincia da Coruña: Ortigueira, Mañón, Moeche, Monfero, Irixoa, Aranga, Vilasantar, Sobrado, Toques e Tordoia; sete na de Pontevedra: Agolada, Rodeiro, Dozón, Forcarei, Cerdedo, Crecente e O Covelo; 39 na de Lugo; e 65 na de Ourense. E se miramos cales son os que superan o valor 1.000 sobre cen, aparecen oito concellos en Lugo; 26 na provincia de Ourense; e ningún nas áreas da Coruña e Pontevedra. Pola contra, aqueles municipios que non superan o 100 no interior de Galicia únicamente son o próspero concello costeiro de Burela, no norte de Lugo, e a área de expansión urbana natural da capital ourensá Barbadás, na provincia de Ourense.
Na provincia da Coruña son nove: de novo áreas periurbanas e de desenvolvemento suburbano na capital provincial e en Santiago; e en Pontevedra non chegan a ese 100 sobre 100 trece concellos, todos eles litorais ou de entornos urbanos. Hai que destacar neste senso que non se atopa no listado ningún dos municipios que acollen ás sete cidades principais de Galicia, o que evidencia tamén a concentración de persoas de idades superiores nas áreas urbanas como efecto acumulado do éxodo rural de décadas anteriores. Todo isto propicia, como é lóxico, unha mortalidade elevada e unha natalidade baixa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.