Medo ao cambio?

A vida é cambio. Nós somos cambio, moito máis do que tendemos a pensar. E, aínda así, persistimos en formas e modos de organización social e política que, ao mellor, tamén poden mudar sen moito maior drama. Non dunha forma caótica, pero si como froito do natural devir, como forma de “aggiornamento” aos novos tempos... Invocar á tradición ou mesmo á Lei hoxe vixente pode ser, ás veces, un tanto reducionista... Ou non?

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 13/09/2023

Comparte esta noticia
A vida é puro devir, queridos e queridas. Nós mesmos, e a nosa fugaz vida, é un bo exemplo disto. Pero a outras escalas os cambios son moito máis rápidos. E, se non, que llelo pregunten ás nosas células, que forman parte íntima de nós mesmos.
 
Porque, ao igual que o río de Heráclito de Éfeso, aínda que o conxunto siga chamándose igual e teña o mesmo D.N.I. desde o comezo ata o fin dos seus días, o noso corpo é unha continua mudanza. Somos cambio continuo, máis que calquera outra cousa.
 
O noso entorno tamén, aínda que moitos dos procesos da Natureza sexan tan lentos que non sexamos quen de percibilo así. Imaxinen, por exemplo, unha Serra da Capelada na que o nivel do mar era cen metros máis baixo, de forma que moito do que hoxe é bañado polo mesmo hai moito tempo estaba moi terra dentro. Alguén dirá que desde iso xa choveu, e é
verdade... Pero se dan conta vostedes de que na cronoloxía do planeta, en toda a súa historia, o tempo no que a vida o colonizou é ínfimo comparado co todo? Para nós, todas esas mudanzas son moi lentas, pero a realidade é que estamos moi fóra de foco en relación cos prazos e os tempos da nosa Nai Natureza...
 
Así as cousas, e sendo todo cambio case daquela forma que Verne deu en chamar “Mobilis in Mobili”, por que ter medo ás novidades no organizativo ou no administrativo, e mesmo no político? Pensen que todas esas construcións pertencen ás capas da cebola máis externas da existencia, porque teñen sentido só en tanto introducimos na ecuación á especie humana
e ás súas formas de organización social. E que, por tanto, deberían estar máis chamadas ao cambio que o que é verdadeiramente estrutural. Non debe ser raro que as cousas cambien en como nos organizamos, e o certo é que na curta traxectoria da Humanidade, ou mesmo da Historia de Europa, o cambio está moi, moi presente. Se me apuran, que era o noso país hai unhas décadas? Ben distinto, non?
 
E por que me arranco agora con tamañas disquisicións, mirando ao mar, cando do que quero falar con vostedes é da actualidade? Pois porque, sinceramente, aprecio un verdadeiro salto conceptual desde tal visión ao que estamos vivindo hoxe en materia de organización do eido público. E, en particular, da política. Para min o feito de que nestas lides haxa maioritariamente xentes do Dereito ou mesmo da Economía, pode chegar a producir un certo patrón na forma como acontecen as cousas e, tamén, en como se contan. Porque quen se esforza en aprender o articulado de leis que moitas veces teñen moito de costume, de convención, pode que tenda a entender a mesma como inmutable. E iso contradí ao cambio na súa mesma esencia, na súa natureza. Non é o mesmo que quen estea especializado en entender os procesos químicos ou biolóxicos máis fondos e esenciais das transformacións do corpo. Aí si que está máis presente a continua mudanza, de forma que o que conveñen as persoas, en realidade, é moito menos transcendente. Hoxe as cousas pénsanse dunha maneira pero podería ser da contraria, tal e como a Historia nos mostra en mil e un ámbitos. Non é doutra maneira. E eu son dos que pensan que, agás no campo dos dereitos humanos e mesmo os dereitos socioeconómicos das persoas, no que entendo que temos que ter fitos que, alcanzados, non deben ter volta atrás, todo o demais é, en grande medida, convención. Por que non poderíamos ternos organizado doutra maneira, ou facer as cousas doutro xeito diferente? Non se trata, claro está, de ir dando bandazos continuamente, dunha maneira pouco planificada e segundo lle vaia á xente, pero de aí a presentar certas realidades como inmutables, cando todo é moito máis plástico ou incluso líquido, hai un mundo... Ou dous.
 
Dito así, a tradición como valor queda bastante tocada... Por exemplo, hoxe somos España pero ben poderíamos ser Iberia, fusionándonos co belo veciño Portugal. Ou, quen sabe, mudar a outras fórmulas aínda nin pensadas. Hoxe Cataluña forma parte de España, pero non por ningunha lei natural, e isto tamén pode ser revertido de forma tranquila e sen que ninguén seresgue as vestiduras. O mesmo para Galicia, Euskadi ou calquera outro territorio que, de forma pacífica e democrática,aspire a poñer en práctica determinados cambios cunha maioría cualificada que terá que ser decidida por consenso, tendoen conta que a actual Constitución –que non é inmutable tampouco- non o prevé. Por que non? Por que aspirar á unidade “porque sempre foi así”, cando realmente sabemos que isto é bastante recente en termos históricos?
 
Por que esta permanente diatriba e polarización social por case todo, cando o importante é organizarse rápido de forma sólida e consistente, e logo dedicarse a resolver problemas, que é o importante, e non a crealos? Estou seguro que se a mirada do lexislativo –do conxunto de lexislativos- neste país fose un pouco máis afastada do Dereito, moito mellor nos iría en
comprender que non é xa que sexamos parte dun continuo cambio, senón tamén que nós somos esencialmente tal cambio... E que, como acontece na Natureza, o que onte foi válido para os nosos propósitos agora xa pode non ser o formato ou o contido máis óptimo. A persistencia, como valor, é para min cuestionable. Somos puro devir. As nosas ideas tamén. E nós mesmos pasamos ao mundo dos recordos en escasos oitenta, noventa ou cen anos... Pode non gustar, pero para min é manifesto...
 
Isto tamén pode aplicarse aos retos máis urxentes e mesmo críticos. Estes días a Xustiza esixe reverter cambiosurbanísticos realizados en Barcelona como resposta á situación crítica medioambiental, baseándose unicamente... en leis epreceptos administrativos. E o fai con razóns poderosas no formal, nunha estrita mirada desde o Dereito. Pero hai máis...
 
Se non somos quen de comprender a necesidade de realizar cambios nos modos como resposta precisamente a outros cambios no entorno, entendo que estaremos sempre trabucados...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Concentración convocada pola plataforma 'Galiza con Catalunya' en Santiago de Compostela tras a sentenza do procés
Concentración convocada pola plataforma 'Galiza con Catalunya' en Santiago de Compostela tras a sentenza do procés
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.