(Vídeo) Ana Pontón volve a formatos de Ana Kiro adaptados ás redes sociais

A lider do BNG lanza un programa de entrevistas a través das redes sociais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/09/2023 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lanzouse a un novo formato en redes sociais co obxectivo de abordar as diferentes temáticas de actualidade e preocupacións da cidadanía cun formato distendido e con persoas referentes de cada un dos ámbitos, o que busca chegar a colectivos máis aló do 'corpiño' do discurso político tradicional.

Faino a través da apertura simultánea en redes sociais do que denominou #CódigoAna, no que, segundo as fontes nacionalistas, faranse charlas "francas e distendidas" con temas que "interesan e preocupan" á cidadanía e cos protagonistas, nunha cara a cara con Pontón, con quen se poderán sentir "identificadas ou interpeladas" outras persoas.

Ana Pontón en #CódigoAna
Ana Pontón en #CódigoAna | Fonte: BNG

Trátase dun novo formato de comunicación a través das RRSS no que  Ana Pontón comparte charla e reflexións con referentes de todos os ámbitos sociais. Nos próximos días coñecerase quen é a primeira persoa convidada en #CA.

Este novo salto de Pontón, que tamén foi a primeira política galega en lanzarse en TikTok buscando achegarse aos máis novos, quere desta maneira mostrar a súa faceta "máis humana e persoal" a través de conversacións con referentes do mundo da cultura, da ciencia, da economía, do audiovisual, do feminismo e de calquera ámbito que hoxe preocupe á sociedade galega.

Así as cousas, #CódigoAna arrinca este mes de setembro nas súas respectivas canles de Facebook, Instagram, X (antes Twitter) e Youtube. A emisión será regular, en función da axenda política da líder do Bloque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta