O PPdeG reclama unha transferencia da AP-9 que "non supoña unha carga económica" para os galegos

O BNG asegura que o PP é o "máximo responsable" de que non se efectivizase o traspaso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2023 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, destacou que a súa formación quere unha transferencia da AP-9 que "non supoña unha carga económica" para os galegos. Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, o dirixente popular lembrou que o pleno que empeza este martes arrincará co debate da lei galega para o traspaso desta infraestrutura, un asunto para o que tanto PPdeG como o BNG presentaron senllas proposicións non de lei.

Na súa intervención, Pazos sinalou que se trata dunha nova solicitude tras decaer a que se estaba tramitando no Congreso a consecuencia da convocatoria das eleccións xerais no mes de xullo. "Queremos unha AP-9 plenamente galega e sobre a que podamos decidir e mellorar o servizo que reciben os seus usuarios, pero nunca que supoña unha carga para os galegos", asegurou Pazos.

Ademais, o dirixente popular asegurou non acabar de entender a postura do BNG cando, por unha banda, "se enorgullecen de conseguir unha rebaixa histórica das peaxes, sen mencionar a subida sufrida cada ano, e agora pretenden que esa rebaixa histórica recaia nos petos de todos os galegos" ao asegurar que coa súa proposición de lei "serían os que terían que pagar á concesionaria".

En fronte, o viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará asegurou que o PPdeG ten "mala conciencia" en relación ao traspaso da AP-9 tendo en conta que é "o máximo responsable" de que non levase a efectivizar a súa transferencia. Noutra rolda de prensa celebrada este luns no Pazo do Hórreo, o dirixente nacionalista lembrou que a iniciativa do Bloque foi rexistrada o pasado 21 de xuño, mentres que sostivo que os populares presentaron a súa cinco días "máis tarde", o "26 de xuño". "O PP vai a rebufo do camiño que marca o BNG, sempre o fixo neste tema, chupando roda", incidiu.

Ademais, asegurou que os populares teñen "moitos motivos para ter mala conciencia" porque ao longo de todos estes anos, desde "o ano 2016 que se abriu o debate", é o "máximo responsable de que non se chegase a efectivizar a transferencia" desta infraestrutura. Así as cousas, considerou que o debate no pleno "servirá para quitarlle a careta" ao PP e "deixar claro quen estivo a impulsar a transferencia da AP-9, o BNG".

COMISIÓN DAS CAIXAS GALEGAS

Por outra banda, na rolda de prensa e preguntado polas conclusións da comisión parlamentaria posta en marcha fai dez anos para analizar a desaparición das caixas galegas tras a marcha do que fose relator principal neste órgano Pedro Puy, Pazos sostivo que a designación dos novos integrantes é unha cuestión orgánica do propio grupo. Por iso, sostivo que non daría eses nomes antes de comunicarllos aos propios afectados. Ademais, dixo que moitas das conclusións estaban "moi adiantadas" e confiou en que "haxa vontade de consenso" entre os grupos e que non se utilice este asunto para "empezar a campaña antes de tempo".

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en rolda de prensa
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en rolda de prensa | Fonte: PPdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta