Ataque á Sanidade Pública

En tempos de crise e quebranto económico, os criterios de bo goberno deberían levar aos nosos dirixentes a adoptar as medidas máis extremas para garantir unha atención sanitaria de calidade a toda a poboación -sobre todo, aos máis necesitados-, a través dos servizos públicos. Ademais de mellorar a recaudación cunha fiscalidad progresiva, os servizos sanitarios deberían reorientarse cara ao maior protagonismo da Atención Primaria (AP) e a priorización das tarefas de promoción da saúde e prevención da enfermidade.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 22/05/2015

Comparte esta noticia
O actual goberno, con total premeditación, fixo o contrario: deixou sen protección sanitaria a miles e miles de cidadáns, externalizou de forma apresurada numerosos servizos para beneficiar a empresas afins e anulou o nivel de  AP coa creación das Áreas de Xestión Integrada, que leva á desaparición das Xerencias de AP (suspende definitivamente a capacidade de xestión propia deste nivel, necesario para asumir o seu papel protagonista no sistema) co que, no canto de converterse no elemento central e axente de coordinación, pasa a converterse nun apéndice pobre do hospital.
 
O funesto Real Decreto 16/2012 é a principal ferramenta utilizada polo goberno para este retorno ao pasado. Representa unha auténtica contrarreforma sanitaria que deixa sen cobertura a amplos colectivos da poboación e que castiga aos enfermos, aos pobres e aos dependentes con severos copagos, en moitos casos inasumibles para as economías familiares. A sanidade deixa de ser un dereito. Estannos expropiando dereitos consolidados: fan caso omiso do principio de "prohibición do retroceso social". Mentres impoñen de forma implacable esta lei tan cruel, as empresas, en complicidade cos gobernantes, dedícanse a facer negocio: os gobernos da dereita entregaron a mans privadas hospitais enteiros, decenas de servizos e actividades sanitarias, os sistemas de información, a investigación e o control da tecnoloxía. 
 
Todas estas actuacións foron realizadas co maior sixilo, lonxe da vixilancia dos cidadáns. O PP ocupou o poder para destruír, desde dentro como os térmites, o Estado de benestar. Danaron gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais, desmantelaron o incipiente desenvolvemento da lei de dependencia e laminaron os dereitos dos traballadores coa infame reforma laboral. Todo iso inducido pola súa ideoloxía clasista e o seu afán desmedido de favorecer ás empresas afins para realizar negocios e negocietes a expensas dos orzamentos públicos. Todo indica que estamos ante unha facción organizada, que se dedica a saquear as arcas do Estado. E fixérono a conciencia: xa comezaron a desvalixar o Fondo de Reserva da Seguridade Social. Si non freamos esta sangría todos os cidadáns perderemos. Os que cheguemos á idade de xubilación, dentro duns anos, poderiamos estar no desamparo. Hai que impedir este saqueo infame, que enriquece obscenamente a uns poucos mentres degrada a vida da maioría da xente. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.