Cando falar a lingua de Rosalía en Madrid pode ser sinónimo de algo... ou non

O PSOE aposta por José Ramón Besteiro como cabeza visible de Galicia no Congreso. Foi o primeiro deputado en falar galego na Cámara nun guiño de Sánchez ao seu posible liderato no PSdeG. Pero todo depende dunha Investidura que ninguén sabe como acabará e dunhas primarias que non teñen data.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2023 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

"O primeiro deputado en falar en galego no Congreso". Así "venden" no PSdeG ao que está chamado a ser, novamente, o líder do partido en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. Iso, sempre e cando gañe unhas primarias que, a día de hoxe, non se sabe cando se van convocar ou se, realmente, terán lugar. 

Pedro Sánchez con José Ramón Besteiro
Pedro Sánchez con José Ramón Besteiro

Besteiro é o home elixido polo "establishment" socialista desde que deixou estar imputado nas numerosas causas que tiña abertas pola xuíza Pilar de Lara. De feito, se non fora por ela, quizais a sorte do que foi presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG, tería sido ben diferente. Parte do seu partido sempre estivo agardando o seu retorno aínda que teña sido moi diferente ao esperado. Foi nomeado delegado do Goberno en Galicia en abril de 2023 para tentar confrontar con Rueda pero estivo no cargo só dous meses, o máis breve da historia que estivo neste órgano.  A convocatoria de eleccións anticipadas fixo que o seu destino fora Madrid como cabeza de lista do PSdeG por Lugo e alí segue á espera do que pase na Moncloa e na Xunta.

A situación actual do PSdeG --terceira forza política no Parlamento galego, cun ex secretario xeral que controla a metade do grupo parlamentario e un secretario xeral forzado a asumir ese cargo por circunstancias-- fan que a volta de Besteiro sexa moi complicado. Ten diante enormes dificultades para facer do PSdeG o que foi na época de Touriño, cando os socialistas chegaron á presidencia da Xunta.

Besteiro conta co apoio da actual dirección do PSdeG e tamén co apoio de Pedro Sánchez, -- polo menos iso din desde a executiva socialista galega-- que este domingo, na festa dos socialistas galegos en Oroso, apostou por el para ser o defensor do galego no congreso. Un feito que a dirección interpreta como unha presentación xa como o futuro líder do PSdeG. De feito, para visibilizar ese apoio anunciou que sería o deputado encargado de defender, en galego, a polémica medida de utilizar as linguas cooficiais do Estado tamén no Congreso. "Pedro Sánchez non deu unha soa clave do que el pensa para Galicia.  E aquí estratexia está desbaratada cun BNG 10 puntos por riba nosa", din fontes críticas coa actual dirección.

PRESENTANDOSE EN GALEGO

"É unha dobre honra falar na miña lingua materna, o galego", dixo este martes ao comezo dunha intervención na que alternou o galego e o castelán. Tras dar os bos días en castelán, galego, catalán e euskera, agradeceu ao seu grupo que lle permitiu a honra de estrear o sistema de tradución simultánea que se instalou para que todos poidan entenderse dentro de Salón de Plenos.

Besteiro, Pedro Sánchez, Lara Méndez e Formoso, nun acto en Lugo durante a pasada campaña electoral
Besteiro, Pedro Sánchez, Lara Méndez e Formoso, nun acto en Lugo durante a pasada campaña electoral | Fonte: Carlos Castro

No PP ven nel xa a un futuro rival e, de feito, o presidente da Xunta non deixa pasar ningunha oportunidade para tentar atacalo. Este mesmo martes, despois da súa intervenció no Congreso, dicía que ten a "impresión" de que hai "unha competición" entre os socialistas para non ser candidato a presidir o Executivo galego nos próximos comicios galegos, que tocan o ano próximo. Neste sentido, lembrou que, se convocase de inmediato as eleccións autonómicas, habería un partido sen candidato, en referencia ao PSdeG, despois de que Ferraz ordenase frear as primarias.

E non lle falta razón ao líder do PPdeG. Os socialistas galegos convocaron primarias para este setembro que foron paralizadas por Madrid á espera do que pasa na Investidura. Unha decisión que puxo en entredito ao secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, e ao actual secretario xeral, Valentín González Formoso, e que sirve de munición para os rivais políticos e os inimigos internos.

PRIMARIAS SI OU PRIMARIAS NON?

Formoso tentaba hai uns días enmendar esta situación e avanzaba que estas primarias poden ter lugar a mediados de outubro que é cando el cre que Sánchez pode ser investido presidente do Goberno español. Algo que aínda está por ver e vai depender do xogo de intereses dos independentistas cataláns.

De feito, voces internas dentro do PSdeG ven probable que, finalmente, o futuro líder do PSdeG acabe sendo designado "a dedo", ou por "aclamación" se se produce unha repetición electoral ou Alfonso Rueda acabe adiantando as eleccións, algo que colle cada vez máis forza. 

"QUE NON SEXAN PRIMARIAS TELEDIRIXIDAS"

O sector crítico, que aínda se mantén forte dentro do PSdeG, insiste na necesidade de celebrar primarias e cren que a Executiva galega foi xa desautorizada pola Federal. "Temos que ter os nosos tempos porque houbo  unha decisión federal para suspender a convocatoria galega. As Primarias figuran estatutos a nivel galego e federal e entendo que, cando corresponda, cumprirá darlle palabra á militancia para que non sexan primairas teledirixidas", asegura quen foi secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en declaracións a GC.

Sobre se haberá candidatura alternativa a Besteiro se este se presenta ou, finalmente, hai primarias, Caballero insiste el iniciou un proceso de escoita ao longo do verán "para superar os reveses das municipais e das xerais". "Cando a direccion federal aprazou o calendario das primarias deicdimos esperar a novos tempos, pero seguimos coa idea de enderezar o rumbo do partido en Galicia", apunta sen aclara se el ten intención de presentarse a ese proceso.

Por agora, Caballero di que non dará a batalla porque "todo o partido ten que estar centrado na investidura de PedroSánchez" e agarda que haxa "un bo acordo dentro da Constitución para evitar unha repetición electoral. E sobre se Besteiro é ou non o elixido, o ex líder socialista avisa; "os candidatos elixense nas primarias". "Non vou entrar en máis. No Congreso hai moitos deputados e elexiron a un para presentar esta nova medida --a do uso dos idiomas cooficiais-- como podía ser outro", sinala.

Con primarias ou non, o certo é que o papel do futuro líder do PSdeG vai ser complicado. A pesar de que conta co apoio do aparato do partido en Galicia e en Madrid, e as estruturas provinciais de Lugo e A Coruña, o camiño do elixido para enfrontarse a Rueda non vai ser un camiño de rosas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta