O BNG pide ao Goberno que concrete a posta en marcha dos trens Avril en Galicia: "Xa abonda de bailes de prazos"

.Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, criticou este mércores a "crónica de atraso sobre atraso" da chegada dos trens Avril a Galicia e pediu ao Goberno unha "planificación concreta".

Por E.P. | MADRID | 20/09/2023 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O BNG volveu a rexistrar iniciativas no Congreso co obxectivo de coñecer as previsións do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para a posta en funcionamento dos trens Avril en Galicia.

"Xa abonda de modificacións de datas de entrega, de bailes nos prazos establecidos, de atrasos e demoras. Hai que pasar das palabras e promesas aos feitos", subliñou o deputado nacionalista, Néstor Rego. Nun comunicado, o Bloque explicou que estes trens permitirán aumentar as frecuencias ferroviarias á Comunidade e desenvolver unha política tarifaria "máis barata e atractiva".

Por iso, Rego demandou ao Goberno que aclare as declaracións da ministra Raquel Sánchez en plena campaña electoral, que dixo que estarían listos en novembro e que funcionarían a principios de 2024. Así, pide que se estableza un calendario para a entrega e a posta en marcha dos Avril e os Avlo.

O deputado do BNG, Néstor Rego, no Congreso. BNG
O deputado do BNG, Néstor Rego, no Congreso. BNG | Fonte: Europa Press

A XUNTA TAMÉN SE AMOSA CANSA DE ATRASOS

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, criticou este mércores a "crónica de atraso sobre atraso" da chegada dos trens Avril a Galicia e pediu ao Goberno unha "planificación concreta". Nun encontro cos medios de comunicación tras reunirse en Vigo co presidente do Porto, Carlos Botana, Vázquez lamentou o "incumprimento sobre incumprimento" das promesas do Executivo central, que asegurou que estes convois chegarían en 2022 para o Xacobeo e "non foi así".

Máis tarde, a ministra de transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dixo que estarían dispoñibles a principios de 2023, segundo lembra Vázquez. "E agora decatámonos polos medios de comunicación que este ano todo indica que tampouco se van a cumprir os anuncios", subliñou a titular de Infraestruturas, quen volveu a pedir información ao Goberno.

Ela lembrou que estes trens son necesarios para a chegada da alta velocidade a outras cidades galegas como Santiago, A Coruña ou Vigo, xa que os trens actuais só permiten que o AVE acceda á estación de Ourense. "Xa estamos cansados de atrasos", reiterou, solicitando unha reunión co secretario de estado para que aclare un calendario "concreto" e unha "planificación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta