As cores do outono, o festival de referencia das nosas músicas no sur de Lugo

Tres días de actividades, do 22 ao 24 de setembro, para exaltar a música galega de raíz e outras manifestacións culturais como o baile, o circo e o teatro. Na noite de concertos do sábado 23 actuarán Abril, Xurxo Fernandes e Mondra.

Por Galicia Confidencial | A Pobra do Brollón | 23/09/2023 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

As actividades do programa do festival As Cores do Outono, que este ano chega á súa IX edición, empezaron o venres 22 de setembro cunha charla sobre crianza e sexualidade e un espectáculo de circo para público familiar.

Xurxo Fernándes, espectáculo 'Levaino!'. Cedida polo grupo.
Xurxo Fernándes, espectáculo 'Levaino!'. Cedida polo grupo.

Este sábado 23, preséntase como o día grande contando pola tarde xa cun obradoiro de baile tradicional con Ruth Pérez, e cunha noite de concertos a partir das 21:00 h. na área recreativa de Samugueiros, lugar no que tamén haberá postos de artesanía e de produtos de alimentación do país.

Os concertos son o foco do festival e este ano hai tres propostas que buscan adaptar a tradición mediante o diálogo con outras culturas, ritmos e instrumentos: Mondra, Abril e Xurxo Fernandes co seu espectáculo Levaino!.

Abrirá os concertos Abril, trío vigués de violín, pandeireta e guitarra clásica que interpretan melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados.

A continuación estará no escenario Xurxo Fernandes que presentará xunto coa súa banda o espectáculo Levaino!, unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental a través da creación popular colectiva.

Tras Abril e Xurxo Fernandes, a sesión de música rematará con Mondra e a súa proposta renovadora que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo.

Os concertos contarán con presentacións improvisadas a cargo das Brindeiras da Guimaralia.

SESIÓN DE TEATRO

Como remate a esta ampla programación, o domingo ás 19:00 h. a Casa da Cultura Olga Novo acollerá a obra de teatro 'O Auto do Castromil' da Cía Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego e dirixida por Quico Cadaval.

A obra foi escrita por Manuel María e forman o elenco: Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. Eles serán os encargados de levar ao público por unha viaxe onírica abordo dun coche de liña ‘a través da curiosa historia da Galiza’. 

O Auto do Castromil chega á Pobra do Brollón a través da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta