Ethel Vázquez reunirase co secretario de Estado de Transportes para tratar "cuestións pendentes" con Galicia

A conselleira de Infraestructuras pedirá información sobre o Corredor Atlántico, a AP-9 ou os trens Avril

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2023 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reunirase o próximo 4 de outubro co secretario de Estado de Transportes para tratar de "avanzar e concretar" cuestións "pendentes" do Goberno de España con Galicia en materia de infraestruturas, por exemplo, o Plan Director do Corredor Atlántico, a transferencia da AP-9, ou a chegada dos trens Avril.

Así o confirmou este domingo a representante autonómica nunha entrevista na Radio Galega na que sinalou que espera que neste encontro poidan alcanzar "algún avance" neste ámbito, xa que, na súa opinión, "máis Sánchez" significou ata o momento "menos Galicia".

Ademais, a conselleira tamén afirmou que outro dos temas que estarán sobre a mesa e sobre os que pedirá información ao secretario de Estado será a reconstrución do viaduto da A-6. Máis en concreto, sobre o Corredor Atlántico de Mercadorías, Ethel Vázquez lamentou que "oito meses despois de contar cun comisionado", sigan sen ter coñecemento da existencia dun Plan Director e sen que "escoiten" á Xunta.

Nesta liña, lembrou que o Goberno galego, xunto con Asturias e Castela e León, identificou os "8.000 millóns de euros necesarios" para o Noroeste, posto que demandan "igualdade de oportunidades co Corredor Mediterráneo" e cre que se deberían incluír puntos como o saída sur de Vigo, o porto da cidade olívica ou o Porto de Ferrol.

TRENS AVRIL

En relación cos trens Avril, Vázquez volveu a lamentar un tema no que "fallaron todas as datas anunciadas pola ministra de Transportes". "Falamos de atrasos sobre máis atrasos. Parecen atrasos ao cubo", ironizou.

A última data anunciada pola ministra, novembro de 2023, segundo relatou a conselleira, foi "outro engano máis en campaña electoral", xa que "aínda non comezou a formación dos maquinistas e hai outro novo atraso".

"Non temos información oficial a pesar de solicitala a través da Consellería e polo presidente da Xunta. Pedir información ao Ministerio de Transportes é como clamar no deserto, porque non nos dan información e xa non digo se pedimos investimentos", censurou.

RENFE E AUTOBUSES

Sobre as frecuencias e os atrasos no transporte ferroviario en Galicia e o aumento da demanda do servizo de autobús, Ethel Vázquez reprochou a "deficiente xestión" e a "falta de medidas" ante a demanda de trens co inicio do curso académico. "Vemos falta de prazas, de frecuencias, avarías constantes, falta de persoal...", enumerou. Así, manifestou que esta problemática "vén de longo" e que se arrastra desde a pandemia, posto que "non se recuperaron as frecuencias"

Neste contexto, a titular de Mobilidade explicou que "ante a falta de prazas en tren e a falta de frecuencias", a Xunta constatou "un transvasamento de usuarios de tren a usuarios de bus". Por este motivo, asegurou que o pasado 15 de setembro, coa volta ás aulas, "as empresas concesionarias de autobús da Xunta puxeron 200 autobuses máis para tentar atender a demanda de usuarios".

"Pedimos ao Goberno de España o mesmo que pedimos ás concesionarias de autobuses: que reforcen os servizos, que se anticipen para atender a todos os usuarios", salientou a conselleira.

Precisamente, para abordar esta situación, a conselleira convocou este martes ás federacións de transportes para facer "un seguimento continuo" e ter "unha planificación e anticipación" para poder atender a demanda de usuarios de transporte público.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, fai declaracioes aos medios. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, fai declaracioes aos medios. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta