Por Xurxo Salgado | Lalin | 21/05/2015 | Actualizada ás 15:30
Xosé Crespo, aínda que non o di, insinúa que vai revalidar no cargo porque os seus veciños, afirma, saben apreciar o traballo que, durante 25 anos leva feito polo pobo. Destaca que, contra el, ten a cinco candidaturas enfrontadas ente si. Evita falar de resultados pero insiste que é o único candidato “capaz de liderar o proceso de recuperación do pobo de Lalín”.
En Lalín a cousa vai lanzada. Como levas a campaña, notas que segues tendo feeling cos veciños?
A campaña esta indo razoablemente ben, son días de muito traballo pero ver que os veciños están respondendo a nosa convocatoria compensa o esforzo.
Pregúntocho porque xa levas 25 anos na alcaldía e aspiras a revalidar outros catro. Non son moitos anos exercendo o poder?
25 anos? As veces non mo creo, o tempo pasa voando cando un traballa con intensidade e paixón eu considero que aínda queda moito traballo por diante antes de alcanzar o Lalín que eu desexo
E logo de tantas lexislaturas, que pode ofrecer Xosé Crespo que non ofrecera ou fixera xa antes?
Nos podemos ofrecer un equipo solvente e con experiencia que soubo capear os peores momentos e que é o único capacitado para liderar o proceso de recuperación do pobo de Lalín, en fronte temos 5 candidaturas que xurden de escisións, de desencontros e que loitan desunidos cun único fin.
Cales sons os principais puntos do teu programa cos que pretendes convencer aos lalinenses?
O noso programa esta pensado para mellorar o nivel de vida do lalinenses e divídese en 4 apartados; traballando polas persoas, mellorando a calidade de vida no rural, traballando polo emprego e xestionando por e para Lalín.
O teu traballo é continuación doutro que fixo xa outro gran lalinense, Xosé Cuíña, do que sempre tiveches boas palabras. Agora preséntase o seu fillo, Rafa Cuíña, para disputarche a alcaldía. Cres que terá repercusión?
Non me gusta xogar a pitoniso, o día 25 saberémolo. O pobo de Lalín e un pobo intelixente e sempre pon a cada un no seu sitio.
El apuntaba nunha entrevista a este medio que, precisamente, o PP gaña en Lalín porque carreta votos, algo que xa facía seu pai. Carreta moito Crespo?
Ao mellor é que leva moito tempo desconectado do PP, el non debería falar así do seu pai o que lle debe absolutamente todo, porque aparte do fillo de Cuíña que máis é?.
Tamén dicía que a súa candidatura abriu feridas nas “mentes mediocres” que non separan o persoal do político. Que tal te levas ti con Rafael Cuíña?
Eu distingo perfectamente os dous ámbitos, teño una excelente relación persoal con moitos políticos doutros partidos.
E entón a quen se refire?
Non o sei, terías que preguntarllo a él.
Cres que as mareas ou outras candidaturas terán repercusión nas eleccións?
Polo que din as enquisas, nuns sitios terán mais que en outros, pero como dixen antes o pobo falará o 24 e o 25 será o día de facer balances, todo o demais e xogar a ser adiviño.
E, se te mollas, que resultados haberá o 24M en Lalín?
Nunca falo antes do día, só a prepotencia e a chulería poden levar a alguén a presumir de que vai gañar ou perder, mire o que pasou no Reino Unido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.