Un gato con sobrepeso pode acabar con diabetes, cálculos renais, cardiopatías ou problemas ortopédicos

O hospital veterinario universitario Rof Codina xunto con Pet-Select ofrecen aos propietarios de gatos con problemas de obesidade unha revisión completa e gratuíta do seu estado de saúde. Ademais, recibirán como agasallo unha dieta húmida e hipocalórica específica para a súa mascota por un período de tres meses.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 28/09/2023 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus de Lugo da USC recibe cada ano un promedio de 600 gatos, mascotas felinas que, fundamentalmente, presentan “patoloxías de tipo renal”, sinala o director veterinario do complexo hospitalario.

Un gato na súa gaiola, antes da súa revisión no hospital veterinario Rof Codina
Un gato na súa gaiola, antes da súa revisión no hospital veterinario Rof Codina | Fonte: USC

O profesor Antonio González Cantalapiedra considera asemade que boa parte destas patoloxías están relacionadas co sobrepeso, ao tempo que subliña que “unha dieta sana e equilibrada axudaría a previr moitas destas enfermidades, ao tempo que recudiría os riscos para o animal en caso de intervención cirúrxica”.

“Os gatos son as mascotas do futuro, porque non requiren esforzo algún por parte dos seus titores”, di González Cantalapiedra, para, de seguido, advertir da crecente problemática que está a provocar o sobrepeso neste tipo de mascotas por mor da súa vida cada vez máis sedentaria.

“Un gato con sobrepeso é unha bomba andante”, alerta o director veterinario do hospital Rof Codina, para logo sinalar a obesidade como posible causa de múltiples patoloxías que presentan este tipo de mascotas, tales como poden ser a diabetes, formación de cálculos renais, cardiopatías e obstrucción de vías, problemas ortopédicos e de mobilidade...

O peso medio dun exemplar adulto de gato europeo de pelo curto, que é o máis común en Galicia, sitúase entre 3 e 4 quilos, relata o profesor González Cantalapiedra, quen recoñece que “moitos das mascotas felinas atendidas no hospital veterinario chegan ao Rof Codina pesan máis do dobre, entre 6 e 9 quilos”.

Os cambios advertidos tanto na fisonomía como no propio comportamento dos gatos están relacionados coa elección deste animal como mascota, un feito que transforma o seu estilo de vida activa e saudable en espazos libres na natureza noutro máis sedentario e confortable no interior dun fogar, explica González Cantalapiedra, que cifra en máis dun 30 % a porcentaxe de gatos obesos.

CONTROL DE SOBREPESO

A inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións fai imposible dispoñer dun censo de mascotas actualizado, o que dificulta a vixilancia da súa saúde e a prevención de posibles patoloxías, tal e como é o sobrepeso. Para facer fronte a esta realidade, o hospital veterinario universitario Rof Codina e a compañía Pet-Select manteñen aberta ata finais de ano un  programa de control de sobrepeso e adelgazamento de gatos obesos ou cun peso maior ao recomendable.

O obxectivo do programa ‘Obesity’ para gatos pasa por mellorar o seu grao de benestar e contribuír a ampliar a esperanza de vida destas mascotas a partir da súa perda de peso. Daquela, este proxecto de investigación promovido desde o hospital veterinario universitario Rof Codina xunto con Pet-Select supón unha oportunidade para que as persoas propietarias deste tipo de felinos se animen a realizar unha revisión completa e gratuíta do seu estado de saúde nas instalacións hospitalarias do Rof Codina.

O único requisito que deben cumprir os animais para participar neste programa de investigación é que estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas (pienso). Ademais de acceder a unha revisión veterinaria gratuíta, os titores dos gatos recibirán como agasallo unha dieta húmida e hipocalórica específica para a súa mascota por un período de tres meses. As persoas interesadas poden acadar máis información sobre este programa de perda de peso para mascotas, a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity@rofcodina.org.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta