Ramón Bermejo, o canto útil

É uma delicia para a vida diaria do canto e da educaçom vocal a presenza do profesor criativo Ramón Bermejo. Tem sido mestre constante e por intensivos de muitas das vozes galegas que andam entre palcos e discos. Agora com o Coro da Rá aporta novas sonoridades e escenas ao canto coleitivo, que tanta falta fai para a saude da sociedade.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 01/06/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Ramón navega entre propostas, delicadeza e seriedade tanto nos processos musicais da cidade de Compostela como na aula individual onde se dá firme e sinceiro como mestre e como alumno que sabe cambiar de roles. Esta entrevista estivo congelada durante tempo  e nom dim atopado o momento até que o momento chegou. Foi feita antes dos resultados e eleiçons municipais onde houbo cambios profundos na política da cidade compostelá. É agora um novo panorama para as vozes faladas e cantadas, novas emoçons reagirom e o canto cerne fundamental energético do povo galego tem novas alboradas, nelas o sr. Bermejo, um prazer, mestre. 

Prezado profesor e amiguinho que conheci como alumna nas suas aulas de técnica alá em anos atrás. Prezado Ramón como vé a educazom vocal atualmente na Galiza bem a nivel institucional ou alternativo.

Cando falamos de nivel institucional estámonos referindo a conservatorios, escolas municipais de música e sistema educativo de primaria e secundaria, entendo. Ben, se comparamos a situación coa que había cando eu marchei a estudar a Barcelona, no ano 1980, a diferencia é abismal. No que ao canto popular se refire, que eu saiba, non había ninguén, e no canto lírico as posibilidades eran moi poucas. Incluso dende cando voltei, no ano 1993, a diferencia xa é moi grande. Daquela éramos moi poucos os profesores de canto moderno, e había grandes carencias na preparación técnica de cantantes de tradicional, folk, pop, rock, orquestas, etc. Agora, afortunadamente, hai moit@s máis profesores e profesoras, e a preparación é cada vez mellor. Moit@s d@s alumn@s que tiven estes anos sairon fóra e formáronse estupendamente seguindo diferentes escolas de técnica vogal, e agora a oferta de mestres está crecendo de forma importante. Tamén están vindo moitos e interesantes mestres de fóra a impartir cursos de técnicas novedosas, coma o Voice Craft, que introducen outras visións que complementan os métodos clásicos de forma moi efectiva. Se a isto lle sumamos o que aportan a nivel físico as ximnasias que axudan a traballar físicamente o aparato respiratorio (ioga, pilates, etc.), podemos concluir que o salto que demos foi moi grande. E claro, gracias a internet, o acceso a todo tipo de material é agora prácticamente ilimitado, e todo isto xunto fixo que neste momento esteamos vendo rapazas e rapaces moi novos que xa cantan de marabilla e que técnicamente están moi ben preparad@s.

552139_396151673825712_999837618_n

Depois de tanto tempo adicado ao instrumento vocal qué diria voçê que é o fundamental para uma boa saude e higiene vocal na oratoria e no cante?

 O fundamental e ter un pouco de sentido común. Tod@s podemos intuir cousas evidentes que poden facer dano á nosa voz: o tabaco, berrar en exceso, expoñernos ao frío… Pero se ademais disto facemos un pouco de ximnasia vocal supervisada por un/ha especialista, a nosa voz estará en perfectas condicións. A voz é parte do noso corpo, e como o resto, hai que coidala e entrenala. Así de simple.

Na sua vida profesional tivo achegas ao mundo catalá, concretamente o seu passo por Barcelona na práctia e no estudo como o marcou? Uma vez vivida esa etapa qué te moveu para adicar-te á educazom aqui no pais?

A miña etapa barcelonesa foi moi interesante por varias razóns, entre as principais, o feito de sair de Galicia e vivir nunha cidade que che daba a oportunidade de coñecer diferentes profesores, profesionais e métodos. Estiven con mestres de canto lírico e de jazz que che ofrecían perspectivas moi diferentes. Cantei en coros clásicos, grupos vogais de jazz, etc. Pero é que ademais, Barcelona, naquel momento era un fervedoiro de xente nova chea de inquedanzas artísticas. Pintores, bailarinas, actores a actrices, músicos, escritores…en fin, un lugar marabilloso para estar e compartir experiencias artísticas con multitude de xente interesante.

A tua impronta no teatro galego é ampla e variada. Qué nos podes dizer do que te aportou e do que pensas que aportaches?

 Bueno, a miña relación co teatro veu un pouco pola necesidade que había de educación vocal e tamén polas ganas de cantar que tiña a xente do teatro. Tiven entón a oportunidade de traballar con moitos grupos que querían incluir cancións no seu espectáculo e espero ter sido de algunha axuda nese sentido. De volta, eu creo que o teatro ensinoume algo que polo demais xa sabía: a importancia que ten unha boa posta en escena para facer chegar a música máis facilmente aos oíntes. E isto é algo que ti sabes moi ben e que dominas á perfección. Pero por exemplo, no mundo do jazz, iso é algo que todavía está por aprender e traballar. Na escola Estudio de Santiago, nalgunha época houbo clases de posta de escena, sobre todo para cantantes, pero non era algo que a xente valorase o suficiente como para seguir con elas. No coro, iso si o teño claro, traballamos ese aspecto coa xente do teatro que canta nel, e desde que o facemos, a posta en escena cambiou radicalmente a mellor.

Desde hà tempo lideras um dos coros mais interesantes da Galiza. Conta-nos que é o Coro da Rá para quem nom tenha informazom ao respecto.

O Coro da Ra, en primeiro lugar, é o meu proxecto musical máis importante. É ao que máis tempo lle dedico e o que máis satisfaccións me da actualmente, e por iso levamos tanto tempo. Poucas formacións poden dicir que teñen 21 anos de existencia, e que van a máis. Que ten de particular? Pois que fomos a primeira formación coral de Galicia que se atreveu cun repertorio unicamente de música popular moderna, indo dende o gospel ata a música brasileira. Non sei se é así, e ao mellor é un pouco pretencioso pola miña parte, pero gústame pensar que animamos e demos paso á formación de outros coros que agora van polos mesmos ou parecidos derroteiros. E isto é para min do máis importante de todo. Pero se me preguntas que é o Coro da Ra máis concretamente che diría que é o meu proxecto musical máis importante, e no que está inmerso moita da xente que máis quero, e isto é para min do máis importante de todo. Nada hai mellor que música e amizade xuntas.

A situazom da música ao vivo em Compostela, a tua cidade de vivéncias actual polo que parez é um tanto quebrada. Cómo é actualmente fazer música nesta cidade que foi centro musico-cultural em Galiza e nom vive atualmente um momento dourado polo que parez.

Neste momento, o problema preséntase en Compostela, pero mañán pode ser Coruña ou Ourense, da igual. A cuestión é que a normativa que rexe a nosa actividade ao vivo é de carácter autonómico, e tan restrictiva que calquera concello que lle dea por aí, acolléndose a esa lexislación, pode deixar sen música ao vivo calquera poboación de Galicia. Esta situación ten que cambiar xa. Afortunadamente, se para algo está servindo isto, é para que o colectivo de músicos e artistas que nos vemos afectad@s estemos agora máis concienciad@s que nunca de que asociarse para reivindicar algo tan básico como un marco legal que ampare a nosa actividade é fundamental. E niso estamos traballando, entre outros colectivos, desde Músicos Ao Vivo.

552139_396151673825712_999837618_n

Performance do Coro da Rá na Praza da Quintana de Santiago / Foto: Ramón Escuredo

Em algum momento tu que tes colaborado com mil e um nomes da escena galega e espanhola mesmo Sr. Serrat no disco "Utopia", em algum momento pensaches em fazer um disco em solitário Bermejo?

 A verdade é que nunca me considerei un cantante moi relevante. Creo que son mellor profesor e director. Iso non quere dicir que non o teña pensado, pero sempre fun máis de percibir o encanto do canto n@s outr@s que en min mesmo. Debe ser que son moi crítico, e sobre todo conmigo, pero claro, é algo que non descarto.

Qual crês que é a linha que une as distintas estéticas dos cantos sejam clássicos ou populares? Conheces o mundo do canto clássico, jazz, músicas tradicionais, por isso pergunto-che.

Bueno, ao final, como dicía alguén, hai dous tipos de música, a boa, e a mala, e co canto, pasa igual. Estou seguro que unha cantante lírica que escoite unha música tradicional ben cantada vaise emocionar, e ao contrario, tamén. Quero dicir, o sentimento é algo transversal e a vivencia musical está ao alcance de calquera espíritu sensible. Pero me preguntas por esa liña que une estéticamente estilos diferentes. Eu creo percibir cousas parecidas en todos os estilos: a línea de canto, o fraseo, os controis dos dinámicos, a afinación, a colocación da voz (tan diferente dependendo do estilo!), e sobre todo, a emoción e a capacidade de transmitila. Tod iso, fagamos o que fagamos, é o que baixo o meu parecer, eleva o canto de alguén á categoría de arte.

552139_396151673825712_999837618_n

Qual é o dia a dia do profesor Bermejo a nivel profesional pois segues a formarte e formando, imagino. Pergunto-che tanto a nivel escénico como didáctico.

 Teño que confesar que son un ser un tanto indisciplinado, perezoso e desorganizado, así que teño que loitar permanentemente contra todo iso, que non é pouco. Pero si que estou sempre buscando novas formas de ensinar, aprendendo de novos profesores, e lendo todo o que podo sobre a voz e o canto. Ademais cada alumn@ é un mundo, e moitas veces tes que inventar exercicios exclusivos para alguén en concreto. A nivel escénico creo que é unha cuestión máis espiritual que formal, quero dicir, considero que se consegues ser ti mesmo en escena, estás moi cerca do que se require. Outra cousa é se buscas algo máis coreográfico. Iso si que o practico cos coros. Nese caso tes que conseguir que o efecto comunicador se sume para conseguir chegar á xente.

Dificil recomendar e aconselhar músicas neste mundo de músicas mas qué te chama atenzom de novas técnicas vocais ou dinámicas musicais novas, ou neurociéncia ou musicoterapia. Qué coissas te tam chegando á tua vida que te chamem a atenzom para abrir novos espazos arredor da música?

Sempre escoitas cousas que che sorprenden, e iso é o marabilloso deste mundo da voz, que é infinito e non para de evolucionar. Ultimamente, e por varias razóns, interésame a nivel técnico o canto de armónicos, cada vez máis practicado e integrado en estilos que antes nin por asomo aparecía. Ademais, é unha técnica que axuda moito a atopar os ámbitos de resonancia facial que tan útiles son para todo. Por outra banda, todo o que se refire ao beatbox e o uso que fan os raperos da voz paréceme fascinante. Esa conxunción da voz falada e cantada, onde atopas complexísimos ritmos dentro dun discurso moitas veces tremendamente vivo e interesante, creo que é un dos grandes campos da música vogal de hox en día. E en Galicia temos bos exemplos de todo iso.

552139_396151673825712_999837618_n


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque