Rueda sospeita que o PSdeG xa ten na man o ditame do recurso contra a lei galega do litoral interposto polo Goberno

Volve pedir este informe do Consello de Estado para poder "defender" a norma no Tribunal Constitucional e asegura que se está sometendo á Xunta a un "descoñecemento intencionado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2023 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sospeita de que hai "reprentantes socialistas" que xa teñen nas súas mans o ditame do Consello de Estado no que se sustenta o Goberno central para recorrer ante o Tribunal Constitucional (TC) a lei de xestión do litoral aprobada polo Parlamento de Galicia.

Así, Rueda preguntouse, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, por que o PSdeG xa conta con ese informe (así llo suxiren declaracións dalgúns dos seus representantes nos últimos días) cando "o Parlamento e a Xunta non". O presidente galego lamentou que aínda non teñen ningunha "notificación" dese recurso que foi aprobado a semana pasada polo Consello de Ministros. "Estamos como ao principio", respondeu, interpelado sobre se hai algún avance nesta cuestión.

O único que sabe a Xunta, dixo, é a través dunha chamada da ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, e do extracto dos asuntos abordados no Consello de Ministros do 10 de outubro. "Levamos desde esa mesma tarde, onte fixo unha semana, pedindo ese informe no que se baseaba o recurso", apuntou Rueda. Por iso, e ante as súas sospeitas de que membros do Partido Socialista si contan co ditame do Consello de Estado, reprochou o "descoñecemento intencionado" co que, ao seu xuízo, o Goberno central somete á Xunta.

A petición do documento é para que "polo menos" o Executivo autonómico poida "defenderse ou argumentar". "É insólito, pero isto é o que hai", resolveu Rueda. O recurso do Goberno a esta lei, aprobada este ano, céntrase na impugnación de 31 artigos por entender que invaden competencias estatais.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello | Fonte: XUNTA

OS CONSELLEIROS DIN QUE O RECURSO DEIXA A GALICIA "DESPROTEXIDA"

Pola súa banda, os conselleiros de Medio Ambiente e do Mar, Ángeles Vázquez e Alfonso Villares, respectivamente, argumentaron que o recurso ante o Tribunal Constitucional do Goberno en funcións contra a Lei 4/2023 de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia, deixa á comunidade autónoma "desprotexida".

Fixérono con motivo dun encontro con representantes dos concellos do litoral da provincia da Coruña e no marco dunha rolda de encontros despois de que o Goberno en funcións formalizase o recurso porque, ao seu xuízo, "invade competencias estatais" en distintos ámbitos e porque "incorpora de maneira unilateral o mar" ao seu territorio.

"Resulta ilóxico, é insensato", sinalou o conselleiro, quen apelou ao "consenso" na redacción da lei galega e a "defensa" desta de sectores como o pesqueiro ou o acuícola. "Ata o punto de que calquera proxecto que se quixese desenvolver tería que ter en conta estes sectores". "O feito de que sexa recorrida polo Goberno central déixanos totalmente desprotexidos en canto a nosa defensa do noso sector pesqueiro e ante calquera proxecto, sexa público ou privado, que se queira facer", apostilou.

Na mesma liña, a conselleira de Medio Ambiente rexeitou que haxa "ideoloxía" nesta lei e asegurou que os concellos, co recurso, "quedan nunha situación que devolve a inseguridade xurídica". "É un grave erro por parte do Goberno central", sentenciou Vázquez, quen engadiu que o Executivo galego non ten "aínda" o recurso de inconstitucionalidade. "Nin o ditame do Consello de Estado", criticou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta