O Sergas destinará en 2024 máis de 250 millóns a infraestruturas de hospitais e outros 61 ás de Atención Primaria

Os próximos orzamentos consignarán 3,5 millóns para ampliar o centro de saúde de Conxo, cuxas obras se licitarán este ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Xunta para 2024, que esta semana foron aprobados polo Goberno galego antes de iniciar a súa tramitación parlamentaria, consignarán unha partida de máis de 250 millóns de euros para construír e mellorar infraestruturas e equipamento na rede de hospitais públicos. Para centros de Atención Primaria, resérvanse outros 61 millóns de euros. Así o destacou a xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Estrella López-Pardo, ao responder a unha pregunta da deputada do BNG Iria Carreira na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, do Parlamento de Galicia.

A nacionalista mostrou na súa intervención varias noticias sobre deficiencias en infraestruturas sanitarias, con exemplos concretos como o caso de tres teitos derrubados no Hospital Gil Casares e o de Conxo, en Santiago de Compostela. Todo iso ademais dos "recortes" e o "desvío de fondos" ao sector privado que, criticou, acomete a Xunta. Na súa resposta, a xerente do Sergas ofreceu detalles sobre os orzamentos autonómicos para o próximo ano, que en total destinarán máis de 400 millóns en investimentos no Sergas, unha barreira que se supera "por segunda vez", tras a deste 2023.

Entre elas, están as obras xa en marcha nos hospitais das cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela. De feito, esta lexislatura iniciouse, destacou López-Pardo, "duplicando o capítulo de investimentos" da Consellería de Sanidade, ao pasar de 175 millóns a 350 entre os anos 2020 e 2021. En infraestruturas de Atención Primaria, reivindicou que desde 2009 (cando o PP volveu gobernar a Xunta) reformáronse un total de 115 centros de saúde e investíronse máis de 132 millóns neste campo.

Para 2024, nas infraestruturas e equipamento no primeiro nivel asistencial haberá 61 millóns de euros e continuarase nas actuacións actualmente en marcha en Lalín, O Porriño, Moaña e o centro integral de saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo. Así mesmo, a xerente do Sergas refugou as críticas da deputada do BNG e reduciu as deficiencias mencionadas a cuestións "puntuais" que se solucionan de forma "urxente".

INFRAESTRUTURAS EN SANTIAGO

No caso concreto de Santiago, López-Pardo tamén anunciou que a Xunta licitará antes de que conclúa o 2023 a reforma do centro de saúde do barrio de Conxo. Para esta actuación, que implicará en total un investimento de máis de 5 millóns, os orzamentos de 2024 reservarán unha primeira partida de 3,5 millóns.

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego
A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego | Fonte: XUNTA

As obras permitirán adaptar esta infraestrutura "ás necesidades do século XXI". En concreto, actuarase nas unidades de saúde mental, que pasará a contar con cinco consultas médicas, tres de Psicoloxía, dúas de Enfermaría e unha sala de técnicas; á vez que se creará unha área de Psicoxeriatría con catro consultas. A maiores, incorporaranse ao centro de saúde unha consulta de Medicina de Familia, outra de Enfermaría, unha de Farmacia e unha sala de cirurxías menores.

En canto aos hospitais composteláns, o proxecto de orzamentos para 2024 consigna 16,6 millóns para financiar a anualidade da ampliación do Hospital Clínico (15,2 millóns) e dotar dunha nova resonancia magnética ao de Conxo (1,3 millóns). Todas as actuacións na capital galega avanzounas ao responder a unha pregunta da deputada do PP Carmen Pomar, quen aproveitou para dar o "parabén" á Administración galega polo seu traballo ao "mellorar a atención sanitaria dos galegos", en xeral, e dos composteláns, en particular.

CONTRATACIÓNS

Por outra banda, a xerente defendeu a legalidade das contratacións realizadas polo servizo sanitario despois de que a deputada do BNG Montse Prado esrgrimiese o informe de Conta Xeral do Sergas do Consello de Contas correspondente ao ano 2022. Segundo este documento, o Sergas concentrou o ano pasado o 90 % das adxudicacións directas 'a dedo' de toda a Administración autonómica e dedicou a iso ata 889 millóns de euros, 233 millóns máis con respecto ao ano 2021.

A xerente lembrou á deputada nacionalista que "xa interpelou nestes termos" ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun pleno do Parlamento o pasado mes de abril, polo que, na mesma liña, defendeu a legalidade deste modelo de contratación que, ademais, está marcado polas "particularidades" da sanidade. Así, achacou o alto volume destas adxudicacións a que hai produtos farmacéuticos que "só os fornece un único provedor". Non en balde, Estrella López-Pardo afirmou que "case o 30 por cento" destes contratos non chegan a 500 euros e que "o 50 por cento" non alcanzan os 1.000.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta