Galaxia elixe a un home da casa para dirixir a editorial

Amplo consenso no consello editorial sobre a persoa que vai substituír a Francisco Castro tras a súa abrupta saída.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 20/10/2023 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Xa é oficial. Xosé Manuel Soutullo é o novo director xeral de Galaxia. Un mes despois da tormentosa dimisión de Francisco Castro, o consello de administración da editorial acordou este venres o nomeamento de Soutullo, segun vén de informar nun sucinto comunicado. Actual director da Fundación Penzol e conselleiro de Galaxia, Soutullo desenvolveu na editorial que agora dirixe unha dilatada vida profesional no ámbito da edición e da produción cultural ata febreiro do ano 2021, cando pasou a retiro como adxunto á dirección e responsable de produción.

Xosé Manuel Soutullo, novo director de Galaxia
Xosé Manuel Soutullo, novo director de Galaxia | Fonte: Galaxia

Durante a maior parte dun período de máis de corenta anos, a súa función principal na editora consistiu en coordinar os equipos relacionados co departamento de edición (correctores e asesores lingüísticos, deseño, maquetación e preparación de probas) das producións de Galaxia. Realizou estas mesmas actividades para Mar Maior, selo de Galaxia que publicou, principalmente, en castelán e portugués do Brasil.

Tamén para Merlín Comunicación (sección de Galaxia centrada en produtos culturais non bibliográficos) se encargou de labores de dirección, deseño e coordinación centrados fundamentalmente na realización de exposicións. Para ela, coordinou o deseño, produción e montaxe de máis de 15 exposicións, entre elas: 'Fermín Penzol. Unha obra para un país' (2013) e 'Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito' (2013).

A partir de 1989, na etapa que se inicia coa dirección de Carlos Casares, fíxose cargo da secretaría de dirección do Consello de Redacción de Grial, Revista Galega de Cultura, continuando no cargo ata 2019, durante o período en que dirixiron a revista Víctor Fernández Freixanes e Henrique Monteagudo. Actualmente, forma parte do seu Consello Asesor.

Entre outras actividades, foi membro do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e coordinou para a Fundación Otero Pedrayo numerosas publicacións relacionadas coas personalidades galardoadas co premio Trasalba. Desde decembro de 2017 é membro do Padroado da Fundación Penzol, da que foi nomeado director en xuño de 2021.

Na reunión do 9 de abril de 2022 a Asociación de Premios da Crítica acordou, por unanimidade, convidalo a formar parte dela, o que aceptou decontado. Desde o 17 de xuño de 2022 forma parte do Consello de Administración de Editorial Galaxia. Francisco Castro fixo público o 18 de setembro a súa decisión de presentar a súa dimisión. Declaraba que tomaba ese camiño pola falta de apoio “reiterada” da editorial ao seu traballo tras as críticas vertidas polo escritor Alberto Ramos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta