O seguemento da folga no ensino non universitario galego é cifrada polo sindicatos nun 60 % e pola Xunta nun 15,3 %

O secretario de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que a folga en protesta polo acordo de redución de cocientes (número de alumnos por aula) e horario lectivo asinado entre a Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE e UGT está a ser "masiva" en secundaria cun seguimento "do 80 %" e que está a ter menos impacto en infantil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, situou nun 15,3 % a participación na folga na educación non universitaria galega convocada para este martes 24 de outubro. O titular de Educación no Goberno galego apuntou que "afortunadamente" durante esta xornada de folga non houbo incidencias destacables e "os centros funcionaron con gran normalidade" aínda que "obviamente, sempre hai algunha molestia".

"Un 15 % tampouco é unha porcentaxe tremendamente excesiva", comentou, "non xera problemas na organización dos centros". Polo que concluíu que esta xornada de protesta do profesorado "levouse a cabo con total normalidade e respectándonos todos". En declaracións aos xornalistas no transcurso dun acto oficial en Pontevedra, o conselleiro destacou que "máis aló da participación, punto arriba punto abaixo, o importante é o acordo de mellora que asinamos hai uns días".

Román Rodríguez cualificou como "histórico" ese acordo asinado o pasado día 11 de outubro entre Educación e "tres das catro organizacións sindicais que están na Mesa sectorial" que son os sindicatos UGT, CCOO e ANPE xa que CIG desmarcouse. O conselleiro sinalou que "o importante" é que este acordo "se comeza a aplicar de maneira efectiva no próximo ano" avanzando en cuestións como melloras nos cocientes e salariais "mellorando a calidade e a atención educativa". "Xa neste orzamento están unha serie de medidas económicas contempladas para dar cumprimento aos acordos que aí se asinaron", remarcou.

Román Rodríguez insistiu en que, tanto a Xunta como estes tres sindicatos asinantes "entendemos que é un grandísimo acordo" e lamentou que "por desgraza cun foi imposible negociar". Segundo o conselleiro, por parte dos representantes da CIG-Ensino na Mesa Sectorial "non se expuxeron propostas de negociación" senón que "se partía dunha postura de todo ou nada".

Román Rodríguez apuntou que "nunha negociación, creo que modélica como foi esta, todas as partes temos que achegar posturas" xa que "se somos inflexibles non é unha negociación, é unha imposición". "Creo que ao final o sentido común, a altura de miras e a responsabilidade tanto dos negociadores da Xunta de Galicia nesta Mesa como tamén das organizacións sindicais permitiron alcanzar un acordo que temos que cualificar de histórico", concluíu.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura a xornada formativa para o profesorado
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura a xornada formativa para o profesorado | Fonte: XOÁN CRESPO

OS SINDICATOS CONTRADÍN Á XUNTA

Con todo, os sindicatos que secundan a folga en educación (CIG, CSIF, STEG e CUT) cifran o seguimento dos paros nunha media entre primaria e secundaria do 60 %, unha porcentaxe que a Xunta reduce substancialmente ata situala no 15 %.

A falta de cifras "definitivas", o secretario de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que a folga en protesta polo acordo de redución de cocientes (número de alumnos por aula) e horario lectivo asinado entre a Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE e UGT está a ser "masiva" en secundaria cun seguimento "do 80 %" e que está a ter menos impacto en infantil.

"Son datos absolutamente provisionais, pero está claro que, na media, excedemos folgadamente o 60 % de participación", afirmou o representante da central nacionalista en declaracións aos medios ao comezo da manifestación que reuniu a uns 2.000 docentes en Santiago de Compostela.

A CIG, convocante dunha folga á que máis tarde se adheriron STEG, CSIF e CUT, estima o seguimento da folga en secundaria, FP e ensinos de réxime especial nun 70 % e do 40 % nos centros de infantil e primaria. Por contra, fontes da Consellería de Educación reducen o impacto da folga e cifran o seu seguimento no 15,38 %.

Segundo Bermello, o departamento que dirixe Román Rodríguez "deu instrucións a todas as direccións dos centros de que non desen ningún dato posterior ás 09.30 horas da mañá", momento no que "a maioría" do profesorado de secundaria "no están". Todo para, segundo o sindicalista, mostrar porcentaxes de seguimento da folga "irrisorios".

MANIFESTACIÓN

Na mañá da folga asinada contra o acordo de Xunta con Comisións, UGT e ANPE, uns 2.000 profesores marcharon polas rúas da capital galega para demandar a Educación a reapertura das negocaciones do novo convenio ao entender que non supón avances suficientes na redución dos cocientes de alumno por aula nin na "recuperación" do horario lectivo de 21 horas para primaria e 18 en secundaria. A manifestación transcorreu baixo a choiva desde a Praza de Cervantes ata as inmedaciones do edificio administrativo da Xunta en San Caetano baixo cánticos como 'aínda que se molle, o ensino non encolle', 'non o decreto da vergoña' ou 'máis docentes e menos cocientes¡.

"O acordo implica renunciar ás demandas que durante 14 anos no corpo de mestres e doce anos nas distintas etapas educativas vimos defendendo as organizacións sindicais que hoxe (este martes) convocamos e tamén os que asinaron o acordo", sentenciou Suso Bermello, que apelou a que a "unidade" do profesorado supere a ruptura entre as organizacións sindicais maioritarias. CIG, STEG e CSIF demandan a "recuperación" do horario lectivo "que este goberno impuxo e ampliou" a comezos da década de 2010 e que se reduzan os cocientes por aula "a partir do próximo curso e para todas as etapas educativas, sen exclusión", así como unha limitación das tarefas burocráticas encomendadas ao profesorado.

E é que entenden que o calendario recolleito no acordo e que estende o proceso de redución paulatino de alumnos por aula ata o curso 2032/33 é "impresentable" ao limitarse a "adaptar" os cocientes á caída de poboación, especialmente nos municipios rurais. "Temos un profesorado farto, cansado de soportar recortes e sobrecargas de traballo. É absolutamente necesario rebelarse contra a acción dun goberno que non só non deu resposta ao que demandamos senón que quere condenarnos a que sigamos nesta situación durante moitos anos máis", aseverou Bermello.

Así, considera que existe marxe para "superar" o acordo para non eliminar os aspectos "positivos" que, aínda que "insuficientes", ten o convenio que, segundo Bermello, "divide" ao profesorado ao tratalos de distinta forma "nunhas e outras etapas educativas". "Só se podería producir unha unidade sindical se se nos pide aos que estamos en contra que renunciemos a defender o que sempre defendemos. Esa unidade de profesores é a que nos vai a levar a obrigar á consellería a superar este acordo", resolveu o responsable de CIG-Ensino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta