Unha lei prohibirá a publicidade das farmacias con 'influencers' ou nas redes sociais

Tampouco poderán realizar actividades publicitarias a través de persoas de relevancia científica, médica, cultural ou social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

Un novo decreto regulará a sinalización, información, publicidade e actividades promocionais das oficinas de farmacia e boticas anexas e no que, por primeira vez, incorporarase ao marco normativo os requisitos aplicables ao ámbito dixital --páxinas web e redes sociais--.

O Goberno galego abordou este xoves, na súa reunión semanal, un informe sobre o proxecto de decreto. Conforme detallou a Xunta, aínda que as oficinas de farmacia poderán dispor de páxinas web propias, estas deberán estar rexistradas a nome da persoa titular --ou cotitulares--. Ademais, no ámbito das redes sociais, a información que se publique nos seus perfís deberá cumprir un mínimo conxunto de requisitos conforme á nova normativa.

En concreto, e co ánimo de limitar todo aquilo que poida favorecer o consumo de medicamentos ou produtos sanitarios, queda prohibida a publicidade e promoción da prestación de calquera servizo profesional farmacéutico que realice a oficina de farmacia --en particular naqueles relacionados cos medicamentos--; e de forma expresa a publicidade dos establecementos de farmacia realizada a través de cartelaría, marquesiñas, medios de transporte ou eventos sociais e deportivos; así como mediante calquera dos medios de comunicación.

Farmacia. EUROPA PRESS - Arquivo
Farmacia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

CONTROL DA PUBLICIDADE

Así mesmo, as páxinas web e redes sociais das oficinas de farmacia non poderán ofrecer ou enlazar ferramentas de autodiagnóstico ou automedicación. O proxecto de decreto tamén contempla que non poderán realizar actividades publicitarias a través de persoas de relevancia científica, médica, cultural ou social, así como coa colaboración con 'influencers', ou calquera outra persoa con impacto mediático. Tamén quedan restrinxidas as promocións vinculadas ás rebaixas, blackfriday, cibermonday, ou datas similares.

Tampouco se permite a organización de eventos ou actividades --físicas ou virtuais-- que teñan por obxectivo a promoción das farmacias e boticas, cando a súa finalidade sexa o incrementar vendas, e cuxo resultado poida condicionar o exercicio do dereito á libre elección de oficina de farmacia por parte da cidadanía.

O texto normativo entra agora na fase intermedia de tramitación, coa apertura dos trámites de audiencia e información pública.

SINALIZACIÓN DAS OFICINAS DE FARMACIA

O novo decreto, que substituirá ao Decreto 107/2008 do 15 de maio, tamén regulará as disposicións relativas á sinalización e identificación das oficinas de farmacia e boticas anexas.

Neste sentido, definirá e estandarizará os elementos de rotulación e soportes a empregar polos establecementos farmacéuticos, co obxectivo de facilitar a súa localización por parte da cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta