Galicia plantará árbores autóctonas en 500 quilómetros de estradas para "previr lumes e reducir emisións"

Tamén creará unha oficina de asesoramento contra o cambio climático durante cinco anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou dúas medidas vinculadas co clima e a ecoloxía que o seu goberno abordou este xoves no Consello. Por unha banda, activarase un servizo "pioneiro" para asesorar a entidades públicas e privadas sobre medidas ou proxectos para adaptarse para os efectos do cambio climático e, por outro, impulsarase o proxecto de "estradas verdes", para reforestar as marxes das vías de alta capacidade galegas con especies autóctonas, tras a experiencia piloto da autovía de Cangas do Morrazo.

Así, na súa comparecencia ante os medios posterior ao Consello, Rueda deu a coñecer o investimento de 25 millóns de euros na próxima década e que estará destinada á Estratexia de estradas verdes nos preto de 500 quilómetros de vías de alta capacidade autonómicas, tras a experiencia piloto da autovía do Morrazo.

"Vanse a reforestar marxes das estradas autonómicas con especies frondosas autóctonas", explicou Rueda, quen indicou que esta medida, que xa avanzou no debate sobre o estado da autonomía, ten como obxectivos "incidir na prevención dos lumes, gañar en eficiencia na conservación nas marxes das estradas autonómicas e contribuír a reducir as emisións" para avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

"Trátase de converter 500 quilómetros da rede viaria autonómica en corredores verdes", salientou Rueda, quen explicou que a primeira parte será, de feito, eliminar especies pirófilas como acacias, eucaliptos ou a herba da Pampa. Logo implantarase unha cuberta vexetal para impedir rebrotes e, unha vez realizadas todas as intervencións, plantaranse especies frondosas autóctonas.

Un bosque de castiñeiros, na Ribeira Sacra, en Ferreiros de Abaixo, O Courel
Un bosque de castiñeiros, na Ribeira Sacra, en Ferreiros de Abaixo, O Courel | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

OFICINAS DO CAMBIO CLIMÁTICO

Tamén anunciou o acordo para pór en marcha a oficina de asesoramento contra o cambio climático a principios de 2024, coa que se consolidará a posición da comunidade como rexión "líder e referente" na loita contra o quecemento global.

O obxectivo da Xunta é que Galicia alcance a neutralidade climática entendida como o equilibrio entre as emisións e as absorcións de gases de efecto invernadoiro derivadas da actividade humana. De feito, así o recolleu a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050), en liña co establecido no Acordo de París, aprobado no marco do Cume do clima de Nacións Unidas de 2015.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta