Canto ten de mental a alerxia alimentaria?... Un 30 % da poboación eliminou lácteos e cereais da dieta

Con todo, as intolerancias alimentarias son comúns no 20 % da poboación, é dicir, en dez puntos menos da cantidade de poboación que retira eses alimentos da súa dieta, advirte o doutor Javier Molina Infantes, especialista en Aparato Dixestivo. De tal xeito que non todos os que os eliminan padecen estas irritacións.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A alerxia alimentaria semella ser un fenómeno que cada vez afecta a máis xente. Canto máis avanza a sociedade máis intolerancias adquire. Lactosa, frutosa, gluten... Son só algúns dos múltiples exemplos de substancias que afectan a unha gran parte da sociedade. Pero, é de todo certo que existan tantos intolerantes? Que papel xogan as redes sociais e os medios de comunicación na creación destas intolerancias? As dores de barriga sempre están relacionadas coa alerxia aos alimentos? E, sobre todo, canto hai de mental nesta alerxia? O doutor Javier Molina Infantes, especialista en Aparato Dixestivo no Hospital Universitario de Cáceres, explícao nunha mesa redonda que tivo lugar no XXXIV Congreso Nacional da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC) celebrado a pasada semana en Santiago.

Intolerancia alimentaria
Intolerancia alimentaria | Fonte: Commons

"Moitas veces tendemos a agrupar aos pacientes e a dar solucións simplistas aos seus problemas, como recetar antibióticos aos alérxicos ao gluten, pero isto de encasillar aos pacientes case nunca funciona", asegura. Os alergólogos, como detalla, adoitan recibir nas súas consultas moitos pacientes con intolerancias alimentarias (ou crendo telas), "arredor do 50 % das consultas totais que recibimos". O medo e a sintomatoloxía asociada é tan frecuente que asegura que "entre o 15 e o 30 % da poboación mundial xa eliminou da súa dieta o consumo de lácteos e cereais, que adoitan ser os principais elementos sospeitosos nas intolerancias". Con todo, as intolerancias alimentarias son comúns no 20 % da poboación, é dicir, en dez puntos menos da cantidade de poboación que retira eses alimentos da súa dieta. De tal xeito que non todos os que os eliminan padecen estas irritacións.

Podemos dicir, por tanto, que nos atopamos ante unha especie de epidemia global, totalmente nova, pero cada vez máis frecuente. O doutor Molina invita a pensar "por que ocurre isto, por que os pacientes se quitan os alimentos da súa dieta de xeito voluntario". A día de hoxe, sobre todo, é habitual que moita xente deixase de consumir gluten, cando a realidade é que "só o 5 % da xente que xa non o consume é celíaca diagnosticada", mentres que "o 40 % di que o deixou de consumir porque tiña síntomas dixestivos compatibles coa intolerancia (sen saber certamente se era intolerante) e cría que deste xeito se verían aliviados", pero "case un 60 % da xente quitouno da súa dieta porque pensa que é malo ou porque quere perder peso", é dicir, por simples "crenzas".

En paralelo a isto, o mercado e a presión do marketing vai crecendo e facendo que cada vez aparezan máis e máis produtos que afirman estar libres de gluten e encarecen o seu prezo. No mundo da lactosa pasa o mesmo. "Trátase dun problema complexo no que interveñen factores que non teñen nada que ver coa medicina", conclúe o doutor. "Sempre se di que somos o que comemos, pero iso está ligado a todos os síndromes, non só ao que ten que ver coa intolerancia alimentaria, e o síndrome do intestino irritable non pasa necesariamente por ter un problema directo coa comida, senón con como esta nos afecta", explica o doutor Molina, que considera firmemente que detrás desta patoloxía están cuestións que residen tanto no cerebro como no diafragma das persoas afectadas. 

"FACTORES COMO O ESTRÉS OU A ANSIEDADE PODEN DERIVAR EN INTOLERANCIA"

Pan
Pan | Fonte: Arquivo

No que respecta ao cerebro, o doutor Molina asegura que "está demostrado dende fai moito tempo e por parte de moitos estudos que hai un exe directo entre cerebro e intestino, pero esquécesenos sempre". Deste xeito, cando un paciente chega á consulta do médico de Atención Primaria "sempre pensa que as súas dores están relacionadas directamente co estómago, pero dende os 50 sabemos que non ten por que ser así, porque o cerebro atópase no centro de todas as patoloxías funcionais". Neste senso, advirte de que "é certo que a microbiota (o conxunto de bacterias e microorganismos que se localizan de xeito normal nos distintos órganos do noso corpo e que serven para previr a colonización dos mesmos por parte doutros microorganismos patóxenos, entre outras funcións) pode producir 200 enfermidades distintas, pero este é un eixo bidireccional, e factores como o estrés, a ansiedade e outro tipo de condicións psicolóxicas negativas poden derivar en intolerancias alimentarias". "Está demostrado", asevera o doutor.

Asimesmo, ao igual que o estrés ou a ansiedade poden derivar no síndrome do intestino irritable, tamén o feito de padecer este síndrome pode xerar no paciente ansiedade, comorbilidade psicolóxicas e unha vida máis estresante, é dicir, é como unha 'pescadilla' que se morde a cola, unha cousa leva a outra e a outra leva á unha. Como saber se un paciente ten realmente intolerancia alimentaria ou é cousa do seu cerebro? "Cando os pacientes se someten a tratamentos de intolerancia alimentaria que están controlados con placebo, hai un 40 % deles que desenvolven o que se coñece como efecto nocebo, é dicir, desenvolven síntomas cando se expoñen ao placebo, asegurando que melloran, cando realmente non están a recibir tratamento algún", explica o doutor Molina.

Isto non só ocorre no caso do gluten, tamén no da histamina (presente en alimentos como o salami, os tomates, o chocolate ou o viño tinto). No caso da histamina, de feito, "o 62 % dos pacientes di mellorar co placebo, acabando por descartarse a intolerancia á histamina no 85 % deles". En conclusión, o doutor ten moi claro que "o primeiro que lle hai que mirar aos pacientes é o cerebro, a saúde mental e as súas condicións". "Estos pacientes que teñen problemas mentais cando entran na consulta podemos dicirlle con seguridade e certeza que non se van curar, pero poden mellorar moitas das súas patoloxías se aplican unha serie de ferramentas", asegura, incidindo en que "é difícil que se curen totalmente porque a mente é moi poderosa, moito máis que nós". 

"ALGUNHAS PACIENTES SEMELLAN EMBARAZADAS CONFORME AVANZA O DÍA"

Por outra banda, é moi importante que se teña en conta tamén o poder do diafragma sobre os síntomas que din experimentar as persoas que consideran que padecen intolerancia alimentaria. "O caso arquetípico que nos chega á consulta é o dunha muller (no 90 % dos casos son mulleres), xoven (de entre 20 e 50 anos), e que di que se levanta con ventre plano e ao longo do día lle vai inchando, asociando este suceso á comida, e notando un empeoramento progresivo durante a tarde deica a noite", apunta o doutor Molina, que asegura que algunhas destas pacientes mesmo comentan que "moita xente lles pregunta se están embarazadas", polo grao de inchazón que chega a presentar o seu ventre.

Un estudio revolucionario do Instituto Vall d'Hebron, en Barcelona, utilizou un 'software' para facer un TAC a varios pacientes que tiñan estes síntomas para medir o gas que tiñan dentro da tripa, e observouse que nun episodio de distensión abdominal os pacientes non presentaban máis gas, pero si se observaba unha contracción patolóxica do diafragma. "Se o diafragma baixa e se mantén abaixo o contido abdominal ten que redistribuírse por algún sitio e só pode facelo cara adiante", explica o doutor Molina, que asegura que a día de hoxe "existen técnicas de rehabilitación do diafragma que poden curar aos pacientes, porque o paciente sofre tamén dun sobreesforzo respiratorio, por iso amosa certo grao de disnea, dor na zona do suxeitador e resulta practicamente imposible meterlles a man debaixo da costela flotante para manipularlles o diafragma". "Cando se fai unha rehabilitación abdominal conséguese relaxar o diafragma e isto vai ligado a unha mellora sintomática", conclúe o especialista en Aparato Dixestivo.

Deste xeito, o doutor Molina incide en que "antes de falar de alimentos hai que falar desa confusión que provocan as redes sociais, dos intereses económicos que hai detrás, da presión mediática, do malestar emocional, da contracción diafragmática e do efecto nocevo, entre outras cousas". Seguidamente, para detectar unha intoleracia alimentaria, a día de hoxe cóntase con test. Hai estudos nos que se compara a pacientes aos que se lles somete a unha dieta propia da intolerancia alimentaria frente a outros aos que se lles somete a unha dieta fantasma, é dicir, non fan dieta. Iso si, a todos se lles quita o leite, o trigo e o ovo, porque "nós pola nosa constitución somos mal absorbedores de azucres, de feito a lactosa dixerímola peor cando nos facemos maiores, o mesmo que a frutosa e todos os polisacáridos complexos en xeral, os malabsorbemos". Os resultados obtidos foron moi similares para os dous grupos de pacientes.

DIETA FODMAP: "SE QUITAS TODOS OS AZUCRES, CLARO QUE MELLORAS"

Ata fai moi pouco unha dieta coñecida co nome de FODMAP (en referencia a un grupo de carbohidratos de cadea curta e alcois relacionados que son mal absorbidos no intestino delgado) semellaba ser a revolución no mundo das dietas e, aínda que agora se segue a empregar, xa se veu que presenta problemas. Nesta dieta sacábanse todos os azucres. "Se ti quitas todos os azucres claro que melloras", argumenta o doutor Molina, que explica que a dieta consistía en "empezar polo máximo, quitando todos os azucres, quitando con iso tamén a retención de auga do intestino delgado e a fermentación bacteriana do intestino groso". Seguidamente, reintroducíanse os azucres de forma individual para ver cales afectaban máis ao paciente, e íase customizando así a dieta. "O 80 % dos pacientes quedábanse na segunda fase, na de reintrodución, porque sempre que se volven meter alimentos van aparecer síntomas, así que abandonaban a dieta", conclúe.

O SIBO É A NOVA PANDEMIA SILENCIOSA OU TODO É COUSA DAS 'INFLUENCERS'?

Na actualidade parece que entre as 'influencers' e as redes sociais están metendo medo á poboación. "Todas están a falar da pandemia silenciosa: o SIBO (sobrecrecemento bacteriano do intestino delgado)", apunta o doutor Molina, que explica que "o SIBO aparece cando aumenta a proliferación das bacterias dentro do intestino delgado, presentando alteracións". Pero afirma que "cando hai enfermidades relacionadas co intestino delgado existen uns factores de risco ben descritos entre os cales hai que estimar o SIBO, que pode darse no intestino delgado, fígado, páncreas e pouco máis, pero non é o único".

Con todo, advirte que "o 99 % das rapazas que saen no Tik Tok non ten ningunha destas enfermidades", aínda que din que "toman antibióticos e melloran". "Os antibióticos non teñen un efecto concreto sobre o intestino delgado, pero actúan sobre o colon, así que esa mellora non quere dicir que teñan SIBO, senón que están a reducir a carga bacteriana, principalmente no colon", apunta. Concluíndo, polo tanto, que "se a paciente non mellora con antibióticos probablemente non sea un caso de SIBO, pero o feito de que mellore con antibióticos tampouco fai que necesariamente teña SIBO".

Sección de iogures e lácteos nun supermercado
Sección de iogures e lácteos nun supermercado | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta