Acabou a peregrinación da 'Santa' de Asorey: queda de forma permanente nun museo de Uruguai

O Goberno galego trae a Galicia fondos documentais e bibliográficos tras adquirir boa parte dos bens do centro galego.

Por Europa Press / Redacción | MONTEVIDEO | 31/10/2023 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou este martes xunto co ministro de Educación e Cultura de Uruguai, Pablo da Silva, o Museo Zorrilla de Montevideo, onde desde hoxe pode verse a escultura 'A Santa', de Asorey, que pertenceu á Casa de Galicia de Montevideo e que foi adquirida este ano polo goberno galego.

A incorporación desta figura á colección da antiga casa de veraneo do poeta José Luís Zorrilla culmina con éxito un proceso de moitos meses de traballo entre a Xunta de Galicia e o Goberno uruguaio. Ademais, tal e como se explicou no acto, no que tamén estivo o embaixador de España no Uruguai, Santiago Jiménez, o acordo posibilita que, por primeira vez, a figura do escultor Asorey estea exposta ao público de maneira permanente.

Na súa visita, o responsable de Cultura do Goberno galego aplaudiu "o día de orgullo e celebración que supón para o pobo galego que A Santa estea por primeira vez e de maneira continuada exposta ao público nun museo". "Recuperamos para o patrimonio público esta icónica figura, unha obra cargada de simbolismo que supuxo romper con moitos estereotipos da época pola maneira no que se representa á muller galega", dixo o conselleiro, que aproveitou para tender lazos entre Galicia e a emigración.

Pola súa banda, o ministro de Educación e Cultura de Uruguai fixo un chamamento para que esta escultura se converta "nun lugar de peregrinación e de encontro para galegos de todas partes do mundo". "Esta é unha xornada de festa despois dun proceso amplo para construír acordos coa Xunta de Galicia para que esta obra tan icónica e tan representativa da colectividade galega teña un lugar aberto ao público no que poida ser visitada por xente de todo o mundo", destacou.

Ao amparo deste acordo, o Goberno galego adquiriu boa parte dos bens, entre os que se inclúen obras artísticas que teñen relación coa Galicia do exilio, como 'A Santa' de Asorey, integrada agora na colección permanente do Museo Zorrilla de Montevideo. Tamén se adquiriron fondos documentais e bibliográficos, entre outros obxectos. De feito, o patrimonio documental integrado por libros de actas viaxou xa a Galicia e permanece custodiado no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, en proceso de dixitalización.

VIAXE INSTITUCIONAL

O conselleiro de Cultura conclúe este martes a súa viaxe institucional a Arxentina e Uruguai para estreitar lazos en materia educativa, cultural e lingüística cunha visita o Colexio Español do Prado da Prata, en Buenos Aires, e un encontro coa embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso, para abordar novas vías de colaboración.

Nestes días, o representante autonómico compartiu varias xornadas de que incluíron reunións con representantes do padroado da Fundación Galicia-América, encontros con membros da entidade social Ospaña, participación nos actos do 124 aniversario do Centro Galego de Avellaneda ou do 80 do Centro Cultural do Partido da Estrada, así como visitas a centros educativos como o Colexio Santiago Apóstolo e o Colexio Cervantes ou a entidades como o Centro Lalín, Agolada e Silleda.

Román Rodríguez visita A Santa de Asorey, no Museo Zorrilla de Montevideo.. XUNTA
Román Rodríguez visita A Santa de Asorey, no Museo Zorrilla de Montevideo.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta