Máis de 1.200 incidencias en Galicia tras o paso de Ciaran, a maioría nas dúas provincias atlánticas

As estacións de Meteogalicia notificaron os ventos máis fortes --de máis de 160 quilómetros por hora na montaña de Lugo-- nas primeiras horas do día, sen que se superasen ao longo da tarde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2023 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

A borrasca 'Ciaran', que azouta Galicia con fortes ventos e choivas --mesmo neve-- desde o mércores, provocou ata as 18,00 horas deste xoves polo menos 1.265 incidencias. A maior parte están concentradas nas dúas provincias atlánticas, Pontevedra (461) e A Coruña (444), aínda que tamén se contabilizaron 220 na de Lugo e 133 en Ourense.

Son cifras ofrecidas pola central do 112 Galicia, que indica que nas últimas doce horas, entre as 6,00 da mañá e as 18,00 da tarde, rexistráronse 709 destas emerxencias por meteoroloxía adversa.

As máis frecuentes (766) foron as caídas de árbores e ramas en vías de circulación, seguidas de diversas actuacións dos servizos de emerxencias coa finalidade de previr riscos (136), por exemplo a retirada de tellas, postes e cables de electricidade nas estradas (135), restos de accidentes e corrementos de terras ou pedras (75), e carteis e sinais de tráfico desprazadas (30). Menos frecuentes foron os alagamentos (16) e as vivendas alagadas (12), de acordo coas cifras do 112 Galicia.

Os concellos con máis incidencias rexistradas foron Vigo (49), A Estrada (39) e Pontevedra (37), o tres na mesma provincia. Na Coruña, destacan Santiago (35), Ferrol (20) e a propia capital provincial. En Lugo, Vilalba (16) e a capital (18); e en Ourense, Muíños con oito incidentes, a cidade das Burgas con sete e San Cibrao das Viñas, con cinco.

As estacións de Meteogalicia notificaron os ventos máis fortes --de máis de 160 quilómetros por hora na montaña de Lugo-- nas primeiras horas do día, sen que se superasen ao longo da tarde.

En canto ás precipitacións, a peor parte leváronlla as zonas altas de Ourense e Lugo, onde caeron as primeiras nevadas da tempada. Os principais valores rexistráronse en Vilariño de Conso (59,2 litros por metro cadrado ata as 20,00 da tarde), Manzaneda (46,2 l/m2) e Pedrafita (42,6 l/m2).

ESTRADAS CORTADAS

Foron múltiples os particulares que deron aviso ao 112 Galicia ao longo da tarde para informar de obstáculos para o tráfico, como a AG-46, a PO-315, a PO-313, a PO-230 e a AP-9. As estradas secundarias sufriron, principalmente, caídas de árbores e ramas.

O maior incidente deste xoves foi un accidente laboral ocorrido sobre as 11,00 da mañá en Guitiriz, na parroquia de Mariz, onde un eucalipto caeu ecima dun camión de transporte de madeira. Un operario resultou ferido e tivo que ser trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Así mesmo, os servizos de emerxencias tiveron que intervir en numerosas estradas por derrubamentos, aínda que sen provocar danos persoais. Por exemplo, no quilómetro 95 da AP-9, á altura de Pontecesures.

Algo similar, aínda que sen gardar relación co tráfico, ocorreu en Covelo. No lugar de Cascardoso, un particular chamaba ao 112 pasadas as 15,00 horas para informar de que, por mor dun corremento de terra estaba a entrarlle auga na súa casa. Ademais, rexistráronse caídas de muros na Acenida Quiroga Palacios de Santiago e outro na rúa Faustino Santalices de Ourense, onde alcanzou a varios vehículos.

En canto á circulación ferroviaria, a última actualización da web de Renfe, ás 19,00 da tarde, mantén interrompida a circulación dos trens de Santiago e Vigo cara a Ourense. A operadora habilitou un plan de transporte alternativo por estrada. Tamén están cortados pola borrasca os servizos de proximidade e a Media Distancia de Ancho Métrico entre Ferrol e Oviedo.

UNS 4.400 CLIENTES SEN LUZ

Por outra banda, segue habendo en Galicia miles de persoas que se quedaron sen luz por causa do temporal. Segundo datos achegados por Naturgy, quedan uns 4.400 clientes afectados na tarde deste xoves, pero chegaron a ser 9.800.

Por provincias, as principais damnificadas foron Ourense (1.900 clientes sen subministración) e Lugo (1.100), seguidas da Coruña (690) e Pontevedra (670).

Desde onte mércores, a compañía mobilizou por centos de persoas, entre brigadas e operadores de rede, para facer fronte aos problemas de subministración eléctrica causados pola meteoroloxía adversa.

Varios Bombeiros traballan en quitar unha árbore caída da estrada, a 2 de novembro de 2023, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). A borrasca Ciarán está a provocar ao seu paso por Galicia un reguero de incidencias, máis de 500 xestionadas desde a central. Javier Vázquez - Europa Press
Varios Bombeiros traballan en quitar unha árbore caída da estrada, a 2 de novembro de 2023, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). A borrasca Ciarán está a provocar ao seu paso por Galicia un reguero de incidencias, máis de 500 xestionadas desde a central. Javier Vázquez - Europa Press | Fonte: Europa Press

INCENDICAS EN FERROL

En Ferrol, os servizos de emerxencias municipais recibiron máis de 80 incidencias polo temporal. O alcalde, José Manuel Rey Varela, reuniuse ao mediodía con efectivos da Policía Local, os bombeiros e Protección Civil, aos que agradeceu o traballo, igual que destacou as "medidas de precaución" adoptadas polos veciños.

A maioría das emerxencias estiveron relacionadas con árbores e ramas caídas, incidencias en tellados, carteis e sinais, bolsas de auga e cables de luz e telefonía.

A pesar da melloría das condicións meteorolóxicas nas próximas horas, o Concello de Ferrol manterá o plan municipal de emerxencias en fase de alerta debido á previsión de que entre unha nova borrasca o sábado. Así, seguirán pechados parques infantís e biosaudables, os parques caninos e o Castelo de San Felipe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta