Denuncian que a Xunta non colabora nunhas xornadas sobre o papel de San Simón como "illa da memoria"

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 06/11/2023 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

Que actividades son acaídas para celebrarse na illa de San Simón e cales non, tendo en conta o seu pasado como cárcere franquista, é a cuestión que centrará as xornadas que se van celebrar no Centro Multiusos de Domaio o vindeiro sábado 18 de novembro. A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), responsable da organización do encontro, tivo que pedir axuda ao Concello de Moaña tras negarse a Xunta de Galicia a habilitar os barcos para o traslado de participantes á propia illa, onde querían terse realizado.

Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista
Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista | Fonte: Deputación de Pontevedra

Precisamente, unha das razóns que leva ao movemento memorialista galego a debater sobre os usos da illa é a total ausencia nela de actos de memoria, máis alá da homenaxe anual que a propia IGM realiza cada xullo e para a que a Xunta si pon os barcos, denegados desta volta. Así as cousas, a Iniciativa Galega pola Memoria, plataforma que reúne a meirande parte dos colectivos do país, solicitou a colaboración do Concello de Moaña, que dispón dunha concellería de Memoria que lidera a nacionalista María Ortega.

A alcaldesa, Leticia Santos, será a encargada de dar a benvida ás persoas participantes, no acto de apertura que terá lugar ás dez e media da mañá. A continuación será a quenda da investigadora Iria Morgade, especialista no estudo de lugares de represión como Camposancos ou o Mosteiro de Oia, que impartirá a charla 'A importancia dos lugares de memoria'. Tras ela, tomará a palabra o profesor de dereito de Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, especialista en dereito patrimonial que, na súa ponencia “O marco legal da illa de San Simón”, aclarará cal é normativa que limita os usos da illa, declarada Ben de Interese Cultural.

Tras cada unha das quendas, abrirase un coloquio entre as persoas participantes e, a partir das 12.30 horas, haberá unha mesa redonda que pretende dar cabida a distintas visións sobre a illa: A organización convidou unha representación das navieiras que operan na ría, e como representante das actividades culturais que se celebran nela estará tamén na mesa Julio Gómez, organizador do festival SinSal.

Por parte do movemento memorialista falarán Matías da Torre, voceiro da IGM, e a tamén integrante do colectivo e investigadora Montse Fajardo. Por último foi convidada a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como representante do territorio no que se asenta o antigo cárcere. As xornadas pecharanse ás dúas da tarde cunha intervención do poeta Xosé Álvarez Cáccamo, activista en pro da memoria histórica e neto de Darío Álvarez Limeses, asasinado polo fascismo en outubro de 1936.

UNHA PREOCUPACIÓN DO MEMORIALISMO E AS FAMILIAS

Con estas xornadas, a IGM pretende dar resposta a unha preocupación vella tanto do movemento memorialista como das familias das vítimas: o uso da illa de San Simón que, malia o seu pasado como cárcere franquista e a restrición normativa que supón a súa consideración como Ben de Interese Cultural, acolle actividades de todo tipo. De feito, foi o propio movemento memorialista o que impediu que se celebrase nela unha festa de disfraces na noite do Samaín, como pretendía unha navieira hai só un par de anos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta