Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2023 | Actualizada ás 13:02
Decenas de bombeiros forestais concentráronse este luns ante o edificio da Xunta en San Caetano, en Santiago, para reclamar que se aumente o tempo de traballo dos brigadistas fixos descontinuos que só traballan seis meses ao ano, así como melloras laborais de forma xeral no servizo. En declaracións aos medios, a responsable de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, explicou que hai máis de 2.500 bombeiros forestais, dos cales preto do 40% --máis de 900-- só traballan seis meses, polo que "non chegan nin ao limiar de pobreza". "Non podemos permitir que empregados públicos na Xunta sexan pobres", denuncia.
Durante a mobilización, que se realizou baixo a choiva e cun amplo dispositivo policial ante a Xunta, realizáronse cánticos como 'Bombeiros forestais, dereitos laborais' ou 'Medio Rural estanos a incendiar'.
"NON TEÑEN DEREITOS LABORAIS"
Así mesmo, Burgos explica que "o plan da Xunta é funcionarizar a todo o persoal menos ao de seis meses", "que quedaría como persoal laboral". Sobre ese 60% de bombeiros forestais que se vai a funcionarizar nun prazo dun ano, a sindicalista da CIG apunta que xa se realizou unha primeira fase cos primeiros 500, pero avisa de que as súas condicións están "a empeorar en moito aspecto", pois "non teñen convenio" e "non teñen dereitos laborais". Avisa de problemáticas como un alongamento de xornada de oito a 12 horas ou "impór días de vacacións en libranzas". Por todo iso, a CIG incide en demandar unha ampliación do tempo traballado polo persoal fixo descontinuo e unha "profesionalización de todo o servizo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.