Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 17/11/2023 | Actualizada ás 18:41
Ninguén cociña á súa mascota, porque as relacións que se establecen con ese ser vivo son humanas. Somos conscientes dos seus sentimentos, do sufrimento que lles producimos co noso maltrato, da dor física que padecen se as mancamos... impórtannos e, por iso, as protexemos. Para explotar a un ser vivo precisamos deshumanizalo, cousificalo, desvinculalo do que consideramos a súa humanidade. Iso é o que fan os promotores da explotación sexual ou reprodutiva das mulleres, separar o seu corpo da súa humanidade e tratalo como unha ferramenta produtiva.
Pero, se queremos ás nosas mascotas, máis aínda ás nosas familias, por iso, esa táctica da deshumanización non é aplicable "ás nosas", só "ás outras", ás fillas, irmás ou nais dos demais. Así opera o branqueamento da explotación disfrazado de libre albedrío ou mesmo de empoderamento. Así funciona o mercado de seres humanos. O ser humano é produto e cliente deste novo mercado de consumidores e consumidos no que os desexos individuais convértense en dereitos fundamentais e os dereitos colectivos en privilexios. Todo está á venda, incluso a impostura de resignificar ou mutilar a materialidade física para fuxir dos condicionamentos sociais vinculados a ela, antes que reformular eses condicionamentos.
Pero, para que cheguemos a aceptar principios eticamente reprobables ata hai pouco, é preciso un cambio de paradigma, novos valores, nova linguaxe, a reformulación de conceptos como opresión e privilexio. E iso require unha estratexia de comunicación, progresividade e a cancelación do cuestionamento baixo o sinalamento público dos que erguen a voz. Este será o eixo vertebrador do I Congreso Feminista 'Mulleres en Loita', organizado pola PFRG - Plataforma do Feminismo Radical de Galicia, que terá lugar esta fin de semana no auditorio Constante Liste de Teo. O programa do congreso contará coas ponencias de académicas, xuristas, docentes, psicólogas e profesionais de diferentes ámbitos que abordarán o presente e previsible futuro dunha sociedade transhumanista.
Entre outras, contaremos con Alicia Miyares que definirá este novo paradigma; Juana Gallego, que expoñerá como opera a cancelación do discurso crítico; Silvia Carrasco e Ana Hidalgo, que documentarán a irrupción deste novo pensamento nos espazos frecuentados pola mocidade; Paula Fraga, que tratará da pegada que esta nova filosofía xa está a deixar nas nosas leis; Rosa Arcos, Paz Filgueira e Laura Redondo, que debaterán sobre o avance da violencia machista e a súa relación coa resignificación da mesma; Berta O García que documentará o avance imparable do comercio de seres humanos mediante o alugueiro de ventres ou Paula Dapena, que opinará sobre a coexistencia do machismo tradicional dentro do deporte das mulleres coa ocupación dos seus podios por deportistas que proveñen doutras categorías.
Ademais, na que será a primeira edición dos premios 'Mulleres Imprescindibles', recoñecerase o labor de Paz Filgueira Paz, xuíza cunha longa traxectoria na especialidade de violencia de xénero, tanto a nivel profesional como persoal e a súa implicación na difusión e sensibilización sobre esta lacra. Dado o interese dos contidos e a excelencia profesional e académica do equipo de ponentes, as prazas dispoñibles para o evento xa están esgotadas.
Así, o evento encherá este sábado o Auditorio Constante Liste, cun público pronvinte de máis de 40 concellos galegos (A Coruña, A Estrada, Allariz, Ames, Arteixo, As Pontes, Boiro, Bóveda, Brión, Cangas, Carballo, Cerceda, Chapela, Coristanco, Culleredo, Cuntis, Ferrol, Fisterra, Gondomar, Lugo, Monforte de Lemos, Nigrán, O Carballiño, O Porriño, Oleiros, Oroso, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Porto de Santa Cruz, Riotorto, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Tomiño, Vedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Xinzo da Limia), de fóra de Galicia (As Palmas, Madrid, Valladolid, Barcelona e Vilanova i la Geltrú) e mesmo de fóra da península (Suiza).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.