O PPdeG enmendará a lei de acompañamento para que Galicia sexa quen recade o imposto a grandes fortunas

O conselleiro de Economía, Miguel Corgos, foi o encargado de explicar esta modificación, que o presidente da Xunta "xa tiña na mesa o ano pasado, cando se aprobou esta medida" desde o Goberno de Pedro Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O PPdeG emendará a lei de medidas fiscais e administrativas de 2024, a que acompaña aos orzamentos da comunidade autónoma do ano que vén, co obxectivo de que sexa Galicia a que recade o imposto ás grandes fortunas. Así o destacou o portavoz do grupo parlamentario popular, Alberto Pazos Couñago, nunha comparecencia convocada de urxencia no Parlamento galego e na que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

De feito, Corgos foi o encargado de explicar esta modificación, que, segundo dixo, o presidente da Xunta "xa tiña encima da mesa o ano pasado, cando se aprobou esta medida" por parte do Goberno de Pedro Sánchez. Apuntouno a preguntas sobre se esta medida responde a unha estratexia do Partido Popular, tendo en conta que algo similar foi anunciado pola presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. En todo caso, precisou que non lles "pareceu sensato establecer esta contramedida antes de que se pronunciase o Constitucional", que agora resolveu en contra do recurso que interpuxo a Comunidade de Madrid.

Pazos Couñago en rolda de prensa / PPdeG / Europa Press
Pazos Couñago en rolda de prensa / PPdeG / Europa Press

A través desta emenda parcial, a Xunta pretende crear un "mecanismo temporal" co que deixa de bonificar á parte de contribuíntes que estarían obrigados a pagar co novo imposto do Executivo central, de modo que sexa a comunidade a que recade esta tributación. O obxectivo, subliñou o conselleiro, é recadalo na comunidade e que "se dedique a financiar servizos públicos" de Galicia.

Preguntado pola posibilidade de que o Goberno central recorra esta medida, o responsable de Facenda respondeu: "Non vexo que, se o Constitucional deu visos de constitucionalidade á invasión de competencias autonómicas e a modificar desta forma o imposto sobre o patrimonio vixente ata agora, que agora lle pareza mal que fagamos o contrario, que é o mesmo que fixo a Administración central".

AS EMENDAS

En primeiro lugar, Pazos Couñago expuxo tres aspectos "puntuais" que o PP emenda da lei de orzamentos, destinados, segundo dixo, a "reforzar" os recursos que reciben entidades de iniciativa social, as que atenden a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e deportivas, estas últimas "a través de patrocinios". En segundo termo, o portavoz dos populares galegos na Cámara autonómica sinalou a "outro bloque" composto por unha vintena de emendas, "na súa maioría" de carácter técnico.

Dúas destas emendas son as que "motivan", indicou, que o conselleiro de Facenda estivese presente na convocatoria de rolda de prensa. "Este grupo traballa en colaboración e coordinación co Goberno galego. Froito diso aparecen estas emendas con impacto na realidade fiscal da comunidade", destacou.

A continuación, Pazos Couñago criticou o "intento" do Goberno de Sánchez de "limitar" o autogoberno de Galicia con medidas como o imposto ás grandes fortunas, "que desvirtúan" as capacidades fiscais da comunidade. Neste contexto enmarcou estas dúas emendas, cuxo "fin último", subliñou, é "permitir que os impostos que pagan os galegos repercutan na facenda galega, para beneficio da sociedade galega no seu conxunto".

SEGUIRÁ A REBAIXA DO 50 %


A continuación pasou a palabra ao conselleiro, quen explicou en primeiro lugar o cambio relativo ao imposto sobre patrimonio. É unha decisión que xustificou polo sentido do pronunciamento do Constitucional e tras unha "análise en profundidade" realizada por xuristas da Xunta. A que entenden "máis beneficiosa" para o autogoberno, remarcou. Busca "crear de forma inmediata un mecanismo de carácter temporal para que os fondos recadados polo imposto de grandes fortunas queden en Galicia".

Isto farase, segundo proseguiu, a través dunha emenda do grupo popular no trámite parlamentario da norma de medidas fiscais e administrativas, a coñecida como lei de acompañamento. "Quero aclarar que aqueles galegos que non ían pagar polo imposto de grandes fortunas seguirán gozando da bonificación do 50 % que recolle a lei de medidas. E que aqueles que ían ter que pagar o imposto estatal non o farán", precisou.

Nun comunicado de prensa, o PPdeG precisa que deste xeito "aqueles que ían pagar en consecuencia deste novo imposto implantado polo Goberno de Pedro Sánchez farano agora na comunidade galega, co que ese diñeiro quedará en Galicia". A "vontade da Xunta", incidiu o titular de Facenda, é "manter a súa rebaixa e a súa política tributaria", pero neste momento actúa desta maneira "ante o que considera unha invasión da autonomía". É "unha vía á marxe do imposto estatal" e será un mecanismo "temporal" que estará "só en vigor mentres dure o imposto sobre grandes fortunas que creou o Goberno dicindo que sería temporal".

COMPRA DE INMOBLES

Por outra banda, o grupo popular rexistrará outra emenda dirixida a baixar o imposto de transmisións patrimoniais para a adquisición de inmobles que vaian ser obxecto de "inmediata" rehabilitación e que teñan ao terminar o uso de vivenda. O tipo xeral do 8 % pasará a ser do 6 % para estes casos e o reducido (para zonas consideras como pouco poboadas) pasará a ser do 4 %.

Segundo resaltou o conselleiro, a Xunta busca "incentivar o sector da rehabilitación, lograr a dinamización destas operacións e das contratacións e acompañar a medida do Goberno que acaba de entrar en vigor e que flexibiliza as condicións para que os baixos comerciais refórmense e sexan vivendas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta