Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 26/11/2023 | Actualizada ás 20:35
Alexandre Sotelino Losada, profesor de Educación, no grao de Pedagoxía, na Universidade de Santiago de Compostela, sitúase de novo entre os mellores docentes de España na categoría de Universidade. Así o sinalan desde os Premios Educa que por terceiro ano consecutivo organizan estes galardóns para poñer en valor traxectorias docentes e académicas a partir da proposta do alumnado. Os ‘Goya’ da Educación no que o profesor ourensán repite por cuarta vez na listaxe e que xa sabe o que é gañar o primeiro premio, fai dúas edicións.
“Aínda que é a cuarta vez non deixa de ser unha sorpresa, pensei que coa terceira sería xa a vencida”, recoñece Sotelino lembrando que precisamente a terceira candidatura“foi moi bonita” porque foi na que se alzou co premio. Cando lle comunicaron que habería unha cuarta vez pensou “a xente dirá que son un pesado”, pero recoñece estar moi agradecido á par que sorprendido.
FUNCIONAMENTO DOS PREMIOS EDUCA
Preguntámoslle polo funcionamento destes premios? Sinala que é o propio alumnado o que realiza as candidaturas dos docentes “de maneira secreta” e logo seleccionan aos mellores 50 docentes dos milleiros que se presentan.“Non sei cantos me propuxeron, se foi un alumno ou 20”, asegura. Nunha segunda criba sacan aos 10 finalistas de cata categoría, no caso de Sotelino, sería Universidade. “Ata agora revelaban xa a orde dos 10 finalistas, pero este ano a organización dirá a orde e quen gaña na propia gala, ao estilo Grammy”, coméntanos.
“O que máis ilusión me fai é que o alumnado dedique o seu tempo e pense nun. Eu sendo alumno ao mellor non dedicaría o meu tempo a este tipo de cuestión. Para min ese feito ten un valor altísimo”, recoñece sobre a súa candidatura. Di que co seu traballo está cómodo e que ten sorte de ter contacto coa mocidade e nunha facultade de Educación. Non se considera ‘o mellor ou diferente’ porque recoñece que é “moi bonito” aprender doutros profesionais. “Aprendo moito destes premios, observo metodoloxías que me gustan e intento levalas á miña aula”. Como docente recoñece que existe unha necesidade de “formación constante”.
COMO É UN BO DOCENTE? E ALUMNO?
Alexandre Sotelino traballa non grao de Pedagoxía onde di que aplicar metodoloxías diferentes é clave. “Se non intentase empregar a pedagoxía para crear aprendizaxe sería case unha neglixencia”. Nas súas aulas realiza proxectos coa comunidade, emprega recursos das novas tecnoloxías, do audiovisual e incluso trae profesionais ás mesmas. “Un bo mestre é un bo profesional da educación, que intenta utilizar todos os recursos e metodoloxías para que alumnado aprenda máis e mellor”, apunta e un bo alumno é “o que se cuestiona o que está sucedendo na aprendizaxe e ten curiosidade por aprender”.
Como ve ao seu alumnado? Aos futuros docentes? “Na miña facultade vexo un alumnado que vén máis motivado, con máis ganas e as cousas máis claras”. De feito recoñece que o feito de ter tan claro o futuro pode levar a frustracións. “A nota de corte dos graos de Educación na USC medran e iso é un indicador do interese na titulación como primeira opción”, afirma e augura unha “Mocidade de bos profesionais” porque nas súas aulas se xeran “críticas, discursos e debates apaixonados”.
E o seu prognóstico nos Premios? Di que peca de humilde, pero real e que espera “que llo dean a outra persoa porque hai xente moi boa”. Di que o feito de levar o premio o ano anterior permitiulle vivir unha experiencia na que aprendeu moito e estivo moi agradecido, pero tamén se viu nun contexto mediático que non é o seu. “No mundo da Educación superior é moi difícil calibrar quen é mellor ou peor e oxalá outra persoa goce deste premio e do que supón”, conclúe. De todos xeitos, ata febreiro do vindeiro 2024 non saberemos que pasará. A Gala dos Premios Educa será na Coruña e Sotelino como bo ourensán só desexa que “non cadre co Entroido” como na derradeira edición que resultou un tanto “agridoce” por coincidir cunha data tan sinalada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.