Marisol Soengas, investigadora, pide ao novo Goberno situar a España na media europea en investimento en I+D+i

Demanda políticas "a longo prazo" tanto a nivel estatal como autonómico ao recibir o Premio Fernández Latorre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2023 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A xefa do grupo de melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, Marisol Soengas, solicitou ao novo Goberno investimento en investigación para lograr que "por primeira vez na súa historia" España alcance a media europa en I+D+i. Tamén pediu políticas nesta materia "a longo prazo" tanto a nivel estatal como autonómico.

Fíxoo ao recibir o Premio Fernández Latorre nun acto celebrado na sede do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, e con presenza de numerosas autoridades. Nel, reivindicou a ciencia como "investimento e motor de futuro". Como presidenta da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (Aseica) reclamou "políticas para atraer e reter talento, particularmente novo" e salientar procesos competitivos de excelencia. A iso, sumou apoiar unha innovación "aínda moi deficitaria neste país".

"Unha mellora substancial no I+D+i é máis necesaria se cabe en Galicia", expuxo tamén ao remarcar que é "a sétima comunidade" en investimento nesta materia. Por outra banda, fixo unha demanda á cidadanía ao incidir en que "un terzo dos factores" que provocan cancro "pódense controlar", en referencia ao tabaco, o alcol ou a dieta.

TRAXECTORIA DA GALARDOADA

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou a biografía de Soengas, en particular os seus "éxitos científicos" e o seu "espírito de equipo". "Ciencia e civilización avanzan superando muros", manifestou. O acto contou coa presenza de representantes do ámbito empresarial, social e político.

Entrega do Premio Fernández Latorre á investigadora Marisol Soengas
Entrega do Premio Fernández Latorre á investigadora Marisol Soengas | Fonte: M. DYLAN - Arquivo

Entre eles, estiveron o presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo; o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, entre outras autoridades.

Soengas foi premiada pola súa "brillante traxectoria e prestixio que a confirman como unha das científicas españolas máis influentes e recoñecidas a nivel mundial na investigación sobre o cancro de pel", segundo o xurado. Na mesma liña, destacou "o seu comprometido activismo en defensa do liderado das mulleres na ciencia e da necesidade de incrementar o investimento en I+D+i".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta