Rueda acusa á oposición de dar unha "imaxe lamentable" do Sergas: "Funciona moi ben"

Nega que exista manipulación das listas de agarda tal e como denuncia o CESM e a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/11/2023 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A sanidade pública galega "é unha das mellores" do Estado. O presidente galego está convencido desta afirmación e non porque o diga el, senón porque o din, asegura, os informes do Goberno español. Por iso, destaca que "funciona moi ben" e nega manipulacións das lista de agarda.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago.. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago.. DAVID CABEZÓN

Precisamente, esta semana tanto a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia como a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) denunciaron que a Xunta "manipula" os datos da lista de agarda, unhas acusacións que Rueda desminte. "Son cifras que non son nosas --a da lista de agarda-... Son cifras a nivel estatal e nas que, en varios sectores, Galicia ocupa postos punteiros en canto a listas de agarda", destacou.

Por iso, presumiu do "rigor" do Servizo Público de Saúde, un rigor, dixo, "que vai acompañado co rigor nos datos". E, aproveitou para atacar á oposición á que responsabilizou da mala prensa da sanidade pública galega. "Eu estou francamente satisfeito dos datos por moito que algúns partidos políticos da oposición se empeñen en dar unha imaxe lamentable e irreal da sanidade pública galega, creo que, con todos os defectos que ten, funciona moi ben", concluíu.

DENUNCIAS

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia acusou este xoves ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "blanquear" e "manipular" as listas de agarda cirúrxica ao non publicar as non estruturais, que son as de pacientes que rexeitan ser intervidos por razóns non atribuíbles ao sistema, é dicir, que non queren ser derivados a outros centros nin a outras áreas por diferentes motivos.

Tamén hai uns días transcendía que a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS presentara un recurso ante un Xulgado do Contencioso-Administrativo para que o Sergas publique toda a información sobre as listas de espera, estruturais e non estruturais, despois de solicitala pola Comisión de Transparencia de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta