Rueda pide por carta a Sánchez que cumpra as demandas de Galicia: a chegada do AVE e a mobilización dos Next Generation

Cuestionado novamente sobre cando levarán a cabo as eleccións á Xunta de Galicia, chanceou con que "hai uns prazos", polo que se realizarán "no primeiro semestre do ano que vén".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/11/2023 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enviou este venres unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, solicitándolle que "cumpra as demandas de Galicia", entre as que se inclúe a chegada do AVE ao resto de cidades galegas, xa que na actualidade a alta velocidade só está dispoñible en Ourense. Así o trasladou o líder autonómico aos medios de comunicación tras visitar as obras do novo centro de saúde Olimpia Valencia, que se situará nun dos antigos edificios dos xulgados de Vigo.

Rueda dixo que se dirixiu a Sánchez para felicitarlle pola súa toma de posesión e para ofrecerlle a colaboración de Galicia. "Interésanos ter boa relación con todas as administracións", subliñou, engadindo que esa "boa relación" tamén depende do cumprimento de certas demandas "que nos últimos anos non foron atendidas".

Desta maneira, destacou que na misiva explicou a Sánchez todas aquelas reclamacións que a Comunidade necesita, entre as que se atopa o coñecer cando chegará o AVE ao resto de cidades ou a mobilización dos fondos Next Generation da Unión Europea, para que, entre outros, o grupo automobilístico Stellantis poida acollerse ás novas axudas. Despois de admitir que espera poder reunirse co presidente, Rueda mostrou o seu temor sobre as "concesións" do Executivo central a outras comunidades. "Teño clarísimo que van ser á conta de non darnos aos demais o que sinceraimente creo que nos corresponde", lamentou.

Alfonso Rueda apostilou que tamén enviou ao presidente as cartas que os conselleiros da Xunta remitiron aos novos ministros coas súas peticións en cada unha das súas responsabilidades. "Non vale dar a calada por resposta, como vimos estes anos dalgúns equipos ministeriais que hoxe en día xa non o son", sentenciou.

VOX NAS ELECCIÓNS GALEGAS

Entre outros temas, Rueda tamén foi preguntado sobre as declaracións do vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, quen suxeriu que Vox non debería concorrer ás eleccións galegas. Respecto diso, Rueda dixo que cada partido é libre de presentarse ou non aos comicios. "Non é algo sobre o que eu teña que opinar", engadiu.

Con todo, destacou que o seu obxectivo é pedirlle aos galegos que volvan depositar a súa confianza nel, para seguir gobernando "desde a estabilidade". Tamén foi cuestionado sobre cando levarán a cabo as eleccións á Xunta de Galicia, chanceando con que "hai uns prazos", polo que se realizarán "no primeiro semestre do ano que vén".

Alfonso Rueda este venres en Vigo
Alfonso Rueda este venres en Vigo | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta