Por Galicia Confidencial | Tomiño | 29/06/2015 | Actualizada ás 16:00
Hai máis de 350 anos, galegos e portugueses sementaron a fronteira común de fortíns, atalais e fortalezas e unha guerra que duraría case 30 anos, a guerra da Restaruraçao, como é coñecida no país veciño, e que serviu para que os portugueses se independizaran da coroa española logo de case 80 anos de convivencia obrigada.
É unha historia que provocou traumas a un carón e outro da fronteira, sobre todo, en lugares onde había unha longa tradición de contactos comerciais e de boa veciñanza; A Guarda e Caminha, Tomiño e Vilanova da Cerveira, Tui e Valença ou Salvaterra e Monçao. Traumas que chegaron ata case os nosos días, cunha fonda ignorancia entre un lado e outro da fronteira.
Algúns pobos, como o da Barca de Goián quedaron reducidos á nada. Alí vivían máis de 200 persoas antes da guerra ata que a zona converteuse nun auténtico campo de batalla; tres fortalezas da beira galega e outras tres da beira portuguesa fixeron de Vilanova-Goián o punto de lanza do exército portugués para atacar o territorio galego.
Os galegos contraatacaron e conquistaron outra praza en territorio portugués, a de San Luis Gonzaga, que xunto co castelo-fortaleza de Amorín (Tomiño), serviu para contrarestar os ataques portugueses.
A historia deses anos de guerra, 1640-1668, é aínda descoñecida pero está moi presente na tradición popular da zona. Agora, un traballo da arqueóloga viguesa Rebeca Blanco-Rotea acaba de sacar á luz todo ese complexo sistema defensivo que hai a un e outro lado da fronteira galega e que viviu esquencido durante centos de anos.
Este traballo, que é produto dunha tese, serviulle ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para poñer en marcha unha páxina web onde se pon a disposición do público xeral máis de 50 fichas informativas sobre estas fortificaciones da fronteira luso-galaica na zona de Baixo Miño.
O traballo "Arquitectura y paisaje. Fortificaciones de frontera en el sur de Galicia y norte de Portugal", que a investigadora realizou no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e no Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Universidade do País Vasco-EHU, iniciouse en 2003 co obxectivo de entender de forma conxunta este tipo de edificacións e identificar a estrutura de defensa que se construíu na zona.
Este sitio web, www.fortalezas.es, ofrece información sobre cada unha das máis de 50 fortificacións estudadas, así como de cada un do oito conxuntos defensivos nos que se articulan e unha síntese dos principais acontecementos históricos que tiveron lugar nese periodo.
O sitio consta dun buscador para facilitar a consulta da información e da ferramenta Google Earth para a navegación.
Dos conxuntos estudados, a experta destaca o de Goián-Vila Nova de Cerveira, situado nos municipios de Tomiño e Vila Nova, o de Amorín-Tui-Sao Pedro da Torre- Valença, situado nos concellos de Tomiño, Tui ou as fortalezas de Forte de Santa Cruz da Guarda ou Forte de Santiago de Aytona de Salvaterra do Miño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.