O que hai detrás das bebidas como Monster, Red Bull, Powerade ou Aquarius

"Unha boa bebida deportiva vai ter un sabor salado que non nos resulta tan agradable como o que pode ter un refresco ou unha bebida enerxética", explica a nutricionista Eva Anca. "Eu traballo con nutrición deportiva e cando é preciso que unha persoa recorra a esa suplementación de bebida de esforzo, dende logo, o último que recomendo é un Powerade ou un refresco".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Monster e Red Bull son dúas marcas de bebidas enerxéticas que se puxeron moi de moda polo feito de que moitos mozos e mozas as empregaban para ter unha dose extra de enerxía en momentos puntuais, cando ían realizar exercicio físico ou precisaban concentración. Hoxe por hoxe o seu consumo é xeralizado, e xa non se busca unha excusa para tomarse unha lata, senón que os adolescentes toman unha, dúas ou catro sen importar o momento nin a hora do día. A cuestión está en que hai quenes seguen usando estas bebidas para antes de ir ao ximnasio, como se fosen boas para o deporte. E iso, tal e como conta a nutricionista Eva Anca a Galicia Confidencial é un erro, pois nin Monster nin Red Bull son bebidas deportivas, como tampouco o son, non hai que enganarse, nin o Powerade nin o Aquarius, pese a que en non poucas ocasións se pensa que si.

Bebidas enerxéticas vx. refrescos vs. bebidas deportivas
Bebidas enerxéticas vx. refrescos vs. bebidas deportivas | Fonte: Arquivo

Anca explica que o Monster e o Red Bull (entre outras marcas como o Burn ou o Rock Star) son bebidas enerxéticas "no sentido de que poden aportar unhas doses de cafeína moi alta que dan un chute de enerxía". Ademais, apunta a que "tamén teñen unha alta cantidade de calorías por volume, xa que son moi azucaradas, e levan dextrosa, ou sexa, glucosa, azucres simples". E, aínda que ben é certo que hai algunhas destas marcas que ofertan alternativas sen azucre, non por iso son máis sanas: "Que sexan 'zero' obviamente baixa un pouco o risco do seu consumo, porque cunha lata de 300 ou 500 mililitros destas bebidas xa estamos nas cantidades recomendadas de azucres simples para todo o día nun adulto sán, e se a lata é 'zero' estámoslle quitando ese risco de pasarnos no exceso de azucres simples na inxesta diaria, pero seguen a ter un efecto moi negativo porque o exceso de cafeína segue aí".

Pero se aportan esa enerxía extra, xa sexa a través da cafeína ou dos azucres, non serían realmente bebidas deportivas? A resposta da nutricionista é clara: "Non", ao igual que "tampouco os refrescos tipo Aquarius son bebida deportiva, aínda que moitos menores e adultos a confundan". Por que? Anca indica que "a bebida deportiva ideal vai levar unha cantidade de glucosa, de sodio, moi semellante á que temos nun soro oral, é dicir, o soro que nos dan cando estamos cunha diarrea ou temos vómitos para que nos hidratemos". Así, "as concentracións de glucosa-sodio nunha bebida de hidratación ou de esforzo que se usa no deporte teñen que ser moi concretas, e nin un Aquarius che vai levar esas concentracións, nin tampouco unha bebida enerxética", advirte a nutricionista, que ademais é especialista en nutrición deportiva.

De feito, asegura que "unha boa bebida deportiva vai a ter un sabor salado que non nos resulta tan agradable como o que pode ter un refresco ou unha bebida enerxética". Con todo, precisamente do sal vén a virtude. "Iso é o que realmente precisamos para hidratarnos, as sales, que as nosas células precisan nunha concentración determinada de glucosa-sodio só presente en bebidas deportivas deseñadas para tal fin, para a hidratación", apunta Anca, que engade que "eu traballo con nutrición deportiva e cando realmente os nutricionistas vemos que é preciso que unha persoa recorra a esa suplementación de bebida de esforzo, dende logo, o último que recomendamos é un Powerade ou un refresco". Concede que "si che poden aportar algo de azucre e hidratación, porque á fin e ao cabo levan auga, pero en ningún caso é o mesmo que unha bebida deseñada para os deportitas".

"GÚSTALLES A SENSACIÓN DE EUFORIA E EMPEZAN A TOMALAS HABITUALMENTE"

Bebidas enerxéticas e refrescos considerados para deportistas adoitan estar xuntos nos supermercados
Bebidas enerxéticas e refrescos considerados para deportistas adoitan estar xuntos nos supermercados | Fonte: Arquivo

E aínda que a día de hoxe non é preciso ter dunha excusa para tomarse un Monster ou un Red Bull, ben é certo que hai adolescentes que din que o toman cando teñen exames para poder pasar máis tempo estudando sen cansarse ou para concentrarse máis e reter mellor os coñecementos. Canto hai de certo nisto? "É certo que o 'chute' de cafeína llo dá, ao igual que a un adulto llo pode dar un café", explica a nutricionista, que engade que "son substancias que nos estimulan a nivel cognitivo, de atención, e que nos manteñen despertos". Así, "o efecto comézase a notar máis ou menos aos 15-45 minutos de tomalo, pero dependendo de cada corpo vaise a eliminar pasadas entre 3 e 7 horas".

Así as cousas, Anca defende que, "se se trata dun uso puntual, porque o adolescente precisa estar desperto para un exame, non teñen tanto efecto negativo, pero o problema parte de que cando os adolescentes consumen moito este tipo de bebidas porque lles gusta esa sensación de euforia que lles dá aos 15 minutos de tomala, empezan a consumila de forma habitual, porque a cafeína vai a xerarlles dependencia e tolerancia a partir de certas doses". O resultado? "Alteración do comportamento, da atención, ansiedade, alteración dos patróns do sono...", enumera a experta, que explica que "xusto nesas idades, nas que o rapaz ou a rapaza aínda está en desenvolvemento, é un risco". Precisamente, por ese perigo de dependencia é que se está pensando en prohibir estas bebidas na comunidade galega.

"UN NENO DE 40 QUILOS VAI TER MÁIS TOXICIDADE CUNHA LATA QUE OUTRO DE 80"

Outro dos pretextos de moitos para consumir está en que cando teñen que ir a entrenar ou cando van xogar un partido de fútbol a fin de semana, tomarse unha lata antes de comezas os pon a tono. Nestes casos, os problemas cardiovasculares pola aceleración que lles provocan estas bebidas tamén poden manifestarse. "O peso corporal dos adolescentes, que aínda están en desenvolvemento, adoita estar por debaixo moitas veces dos 50 ou 60 quilos, entón, como ocorre con calquera outro fármaco, a capacidade de detoxificación (de eliminar esas bebidas do organismo) vai a depender do peso da persoa, e a pesos máis baixos maior toxicidade", puntualiza Anca, que exemplifica que "un neno de 40 ou 50 quilos vai a ter máis toxicidade cunha lata de 300 mililitros que outro que pese 80". Iso explica tamén por que as doses á hora de administrar medicamentos para certas enfermidades son menores en nenos que en adultos.

O verdadeiro problema aquí, con todo, está en que "tomar bebidas enerxéticas é unha conduta que pola capacidade de adicción que ten eles repiten". Anca por outro exemplo: "Ti dis: vale, teño un partido, tómome unha lata, teño esa enerxía, ese 'chute' de glucosa e cafeína e atópome ben, polo azucre rápido en sangue, e porque o exceso de cafeína me senta ben. Pero, entón, que pasa no teu cerebro? Que vai volver pedir esa recompensa, e entón comezan a consumir estas bebidas día si e día tamén". Ademais, esta nutricionista tampouco se esquece de que hai outro comportamento asociado ao consumo destas bebidas enerxéticas en adolescentes: a súa mestura co alcol: "Hai datos de estudos que son incríbles, que falan de que os nenos de 14 anos, nunha porcentaxe moi alta, de arredor do 16 %, consumen bebidas enerxéticas combinadas con alcol ou con tabaco, entón xa non só son as bebidas, senón outro tipo de condutas de risco que levan moitas veces asociadas".

"QUE TEÑEN EN COMÚN REFRESCOS E 'COMIDA BASURA'? O PRACER RÁPIDO"

Outra conduta asociada ao consumo destas bebidas, cada vez máis, é a súa combinación coa coñecida como 'comida basura'. Franquicias como McDonald's ou Burger King xa permiten substituír o refresco ou a auga do menú por unha bebida enerxética por pouco máis de prezo. Anca plantexa: "Que teñen en común a comida basura e este tipo de refrescos?" E a resposta tena clara: "Esa sensación pracenteira rápida, que é a que a calquera ser humano lle provoca ese 'enganche', esa adicción". Ao final, apunta que esta comida tamén "é moi alta en azucres, en graxa, o que tamén a fai máis palatable, é dicir, que nos resulte máis agradable e que nos apeteza ir a comela". Combinando 'comida basura' con bebidas enerxéticas, "vaia subidón che pode dar", evidencia a experta, que indica que "aí si que vas ter esa cantidade de calorías alta, porque se a cantidade de azucre recomendada a diario xa a cubres cunha lata de bebida enerxética, se a iso lle sumas patatas fritas, hamburguesa e xeado de regalo, é unha bomba".

Pódese evitar que ese consumo vaia asociado? Aínda que a base estaría na educación nutricional dende pequenos, a cousa non está fácil na actualidade, coa sociedade na que vivimos. Anca asegura que "os adolescentes moitas veces procuran a accesibilidade, a rapidez e que lles guste a comida, e eses sabores están deseñados pensando en que lles gusten e lles volva a apetecer tomalos". Ademais, también asegura que está a parte económica: "Se no descanso das clases os menores van a calquera sitio a pedir unha ensalada ou un filete á plancha cústalles moito máis que se van ao supermercado e mercan bollería industrial". E é que "nos institutos ao mellor non lles facilitan o poder mercar un bocadillo de xamón ou tortilla, ou non a prezos que sexan asequibles para eles".

"NON PODE SER MÁIS BARATO UN MENÚ DO MCDONALD'S QUE UNHA TAPA DE TORTILLA NA CAFETERÍA DO COLEXIO"

Neste punto, Anca fai fincapé na problemática dos prezos destes produtos: "habería que subirlle impostos a este tipo de comida, porque non pode ser que resulte máis económico que un neno se vaia a un McDonald's e se pida un menú con patatas e bebida gratis que irse á cafetería do instituto e perdirse unha tapa de tortilla". Así, pon o foco tamén nas máquinas de 'vending' que pode haber en colexios e institutos: "Aínda que nalgúns xa están comezando a traballar niso, non hai unha regulación que os obrigue a mirar o que se oferta nelas". "Ti vas á máquina e hai galletas, palmeras, bollería, zumos, refrescos... Pero non atopas unha ensalada preparada", afirma, apuntando que "habería que regular os prezos, porque non che pode saír máis barato case comerte unha hamburguesa que unha peza de fruta". De feito, en moitas destas máquinas por só uns céntimos máis podes tes unha lata de Coca-Cola en lugar dunha botella de auga, que supera xa o euro.

Vinculado a isto está o tema da publicidade. E é que franquicias como McDonald's ou Burger King copan os anuncios publicitarios en carteis, televisións ou plataformas e redes sociais, mentres que poucos restaurantes verás que poidan permitirse pagar este tipo de campañas masivas. Deste xeito, como apunta Anca, "os adolescentes xa se saben de memoria o menú destes sitios e cando pensan en comer algo ou pedir algo xa directamente pensan neles". "Cambiar iso non é cuestión só de dar información, senón de implantar políticas educativas xa dende que son pequenos, e tamén educar ás familias sobre iso", considera a nutricionista, que cre que "queda moito traballo por facer a nivel político", aínda que concede que a prohibición do consumo de bebidas enerxéticas en menores é un bo primeiro paso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta