Tempo de espera para conseguir unha cita na administración: 32 días para renovar o DNI na Coruña e 15 en Lugo

Un estudo da OCU amosa as grandes dificultades que hai nestas dúas grandes cidades galegas para acceder a certos trámites de xeito presencial. Hai que ter en conta que a fenda dixital en Galicia é moi acusada, o que fai preciso que moita xente teña que seguir acudindo presencialmente á administración.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Papeleos, burocracia, trámites... con só escoitar esas palabras xa hai quen comeza a ter sudores. E é que en non poucas ocasións requiren desprazarse ata unhas oficinas, xeralmente en horas de traballo porque non adoitan abrir polas tardes, facer longas colas e expoñerse a que ao final nos falte un papel ou un requisito e non poidamos completar a tarefa. A dixitalización, que supostamente viña para solucionalo todo, debía ter aliviado esas loitas, pero o seu efecto de momento é dubidoso. A pandemia deu un impulso decisivo aos trámites a distancia, pois era preciso atender aos cidadáns sen a súa presenza física nas oficinas. Semellaba que se iniciaba a era das xestións áxiles e sinxelas, pero por algunha razón o sistema administrativo amósase atascado e hai moitas queixas.

Unha persoa renovando o seu DNI
Unha persoa renovando o seu DNI | Fonte: EFE - Arquivo

Ademais, tamén cabe sinalar que nunha comunidade como a galega, na que a maioría da poboación que precisa acceder aos trámites é maior de 50 anos e mesmo vive en zonas do rural, plantéxanse outros dous problemas: a fenda dixital nos maiores, que non saben como acceder a estes trámites a través da rede porque moitas veces non é doado; e a falta dunha boa conexión en zonas alonxadas das cidades, algo que semella estarse a solucionar aos poucos. Deste xeito, en efecto, atopámonos na transición entre unha administración na que acudir en persoa era case sempre obrigatorio e un sistema totalmente dixitalizado no que a presenza dos cidadáns nas oficinas será algo residual.

Hai algúns obstáculos que entorpecen o paso á administración dixital: hai trámites nos que é fundamental autentificar o administrado ou que son intrínsecamente persoais como unha fe de vida ou unha licenza matrimonial. Noutros, entrégase un documento importante, como pode ser o DNI, que non é aconsellable mandar por correo. E, cando se require dun asesoramento personalizado, tamén é máis complicado prestalo a distancia. Por outra banda, a dixitalización vén acompañada tamén doutro fenómeno: o teletraballo dos funcionarios. Hai moitas tarefas que poden desempeñar nas súas casas, pero a porcentaxe de empregados públicos dispoñibles para atender aos cidadáns en persoa descendeu, o que nalgunhas sedes públicas con eleva demanda de trámites presenciais xa levou ao colapso.

Nos casos nos que a xestión debe facerse en persoa, raramente se permite xa presentarse nas oficinas sin máis, como se facía antigamente. O máis habitual é que haxa que pedir antes unha cita para un día e unha hora determinados, ben sexa por teléfono ou por Internet. En principio, isto debería ser unha vantaxa, pois debería evitar as colas e as longas agardas. Pero tamén se convirte nunha barreira se hai dificultades para obter a cita ou se o tempo de agarda é demasiado. Dende a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), comprobaron como de fácil é obter esas citas en diferentes administracións, para o que realizaron 1.800 peticións para 6 trámites distintos en 25 cidades diferentes. Xestións todas elas moi comúns que dependen de diferentes organismos para evaluar se as dificultades se concentraban nun servizo en concreto ou se trataba dalgo que afectaba a administración no seu conxunto. 

Desas 1.800 solicitudes de cita previa realizadas, conseguiron a cita desexada en dous de cada tres casos, aínda que non necesariamente moi próxima no tempo. Noutro 4 % dos casos, non foi posible pedila ao non existir un sistema de solicitude, senón que había que ir directamente a realizar o trámite. Sen embargo, nun 18 % das ocasións non lles deron cita ou a cita era nunha localidade distinta (11 %) á do demandante, o que implicaba un desprazamento. En conxunto, houbo problemas nun terzo dos intentos. Ademais, cando si se obtivo a cita, a agarda media foi de máis dunha semana. E as diferenzas non foron moi acusadas segundo o momento do ano, aínda que se atopou algunha dificultade maior en outubro que en xullo.

Agora ben, o que si quedaron patentes foron as grandes diferenzas segundo a cidade dende a que se solicitaba cita. Granada e Oviedo foron as capitais donde é máis sinxelo atopar un oco; Valencia e Alacante, as peores. E en Guadalaxara moitas veces non era preciso pedir cita. E que sucede en Galicia? As dúas cidades analizadas pola OCU dentro da comunidade galego foron A Coruña e Lugo e, aínda que nas dúas había bastantes citas dispoñibles (mesmo en Lugo había lugares nos que non era preciso pedila con antelación), os tempos de agarda para poder acudir a administración eran moito máis prolongados que na media do Estado. En concreto, se a media está en 7 días e medio, na Coruña non se obtiña cita, na maioría das ocasións, antes dos 11 días, sendo este un dos peores datos a nivel nacional (só estarían peor en Soria, con 12,6 días; en Pamplona, con 13; e en Bilbao, con 16). En Lugo, serína 9 días e medio.

Desglosando os resultados por tipo de trámites, na Coruña pedir cita para realizar trámites relacionados coa pensión na Seguridade Social conséguese sempre, pero cunha agarda media de 2,2 días. Se nos vamos ás citas para trámites relacionados co subsidio de paro no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), tamén se consegue cita, pero cunha agarda que xa sobe a unha media de 4,3 días. Para solicitar presencialmente antecedentes na delegación de Xustiza, a agarda cae aos 1,8 días. Pero, atención, se queremos pedir cita para trámites vinculados ao titular dun vehículo na Dirección Xeral de Tráfico (DGT), a agarda ascende a 14,6 días; e para renovar o DNI á frioleira de 32,3. As cifras, como pode observarse, son escandalosas para a cidade da Coruña, de feito, no que respecta á DGT, é a cuarta agarda máis longa do Estado (só superada por Albacete, con 18,5 días; Granada, con 15,4; e Lugo, con 14,8); e na renovación do DNI é a agarda máis acusada con diferenza (seguida da de Toledo, con 20,8 días).

No caso de Lugo as cousas non son moito mellores. Para pedir unha cita para realizar algún trámite relacionado coa pensión na Seguridade Social esperaríanse unha media de 1,2 días. Ben, ata o momento. Para trámites relacionados co subsidio do paro no SEPE xa se subiría a agarda ata os 3,8 días. No caso de ter que solicitar presencialmente unha fe de vida na delegación de Xustiza habería que agardar de media 14,3 días. Para trámites relacionados co titular dun vehículo na DGT a agarda subiría ata os 14,8 días. E para renovar o DNI o Ministerio de Interior faríanos esperar de media 15,4 días. Neste último caso a agarda é a metade que na cidade da Coruña, pero non por iso deixa de ser escandalosa. Ademais, hai que ter en conta que no tempo de agarda para trámites na DGT este esténdese ata o terceiro máis longo a nivel nacional (só o superan Albacete, con 18,5 días; e Granada, con 15,4). E para conseguir a fe de vida ocupa o cuarto posto con máis lista de espera (superaríano Madrid, con 19,4; Bilbao, con 39,9 días; e Soria, con 42,6).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Hoxe lin que Millei na Arxentina ía suprimir 5.000 contratos de novos funcionarios... O que foi un recurso extraordinario durante a Pandemia agora semella que viu para quedarse ! A cita previa obrigatoria debera suprimirse de facto e os funcionarios deberan tomar nota de que son eles e os seus Sindicatos os que deberan suprimir a Cita Previa (que non nos conten milongas da obediencia debida aos superiores) ! Non vaia ser que dentro de 10 anos vexan un recorte de prazas por INNECESARIAS ! A cita previa é unha extorsión aos dereitos da Cidadanía e ninguén abre a boca... Os funcionarios son os únicos culpables !