Por Galicia Confidencial | Ferrol | 19/07/2015 | Actualizada ás 10:51
A delegada da Xunta na Coruña deu o sábado a noite unha rolda de prensa para comunicar que a auga da traída é salubre en Narón, Ares, Mugardos e Fene. A prohibición de consumir, lavarse ou limpar os pratos coa auga da billa está levantada nestes municipios.
Segue vixente en Ferrol, malia que o alcalde anunciou o sábado polo serán "datos definitivos de agora mesmo, dos laboratorios Socamex e Iproma, acreditados pola normativa internacional ENAC, todos por debaixo de 100. Estamos á espera do resultado da Xunta que o confirme para levantar a restrición".
O optimismo Suárez desmontouno Belén Docampo na rolda de prensa cos resultados do SERGAS. Varias analíticas tomadas nun edificio da Xunta daba un valor de 130 trihalometanos, un subrpoduto do cloro que prolifera favorecido pola calor. "Dado que estes resultados oscilan entre 120 e 136 microgramos/litro de Trihalometanos, cando o máximo permitido é 100, Sanidade mantén a recomendación de non consumir agua para a súa inxesta nin o seu uso en preparación de alimentos, posto que as analíticas confirman que segue sen ser apta para o consumo", explica un comunicado do Goberno.
A polémica é onde se tomou esa mostra. O alcalde de Ferrol denuncia que "a Consellería só tomou unha única mostra por concello. Os técnicos de EMAFESA [a empresa pública propiedade de varios municipios que xestiona a auga] tiñan múltiples datos de laboratorios acreditados con valores moi inferiores. A cata da Xunta en Ferrol foi nunha oficina da cuarta planta do edificio da Xunta, servizos farmacéuticos, de pouco uso e menos en fin de semana, co que a rede de auga non se moveu. O valor superou os 130. Que cadaquén saque as súas conclusións".
Analizou Sanidade unha billa con pouco movemento para manter a prohibición no Concello que goberna a esquerda? A xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, xustificou a diferencia do seu dato co de EMAFESA argumentando que probablemente a empresa municipal tomara as mostras en puntos da rede de distribución, pero que eles tomáronas nunha billa de acceso final, como obriga a Lei.
A polémica entre Xunta e Concello non deixa pois de aumentar. O propio Suáreaz admitiu nas redes sociais que houbo momentos de tensión na reunión do sábado. O edil insiste en que a Xunta non informaba dos resultados aos alcaldes directamente, que chegou tarde a crise malia ser competencia súa e que non lles ofreceu máis apoio que análisis diarios. Antes, o alcalde pedira ao Goberno que declarara a situación de emerxencia para traer auga doutros municipios. O vicepresidente Alfonso Rueda respondeulle inmediátamente, dicíndolle que tales estados non se poden decretar "alégremente".
Este domingo está prevista outra xuntanza entre representantes do Executivo galego e os cinco alcaldes dos municipios afectados. "Mañá continuará no concello e na casa solidaria o subministro. Ás once reunímonos de novo coa Consellería, que tomará mostras ás dez, tendo os resultados cando decidan anuncialo", explico Suárez.
A Fiscalía abriu dilixencias polo caso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.