25 de xullo, unha oportunidade de futuro

Seguramente, nun país medianamente normalizado, unha celebración como a do 25 de xullo sería un motivo de festa e de orgullo do conxunto da poboación. En Galicia esa situación por desgraza non se dá, porque dende idades temperás, o ADN deste pobo fai que o evidente sexa accesorio, e o necesario, unha simple fonte de problemas.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 25/07/2015

Comparte esta noticia
Na Galiza desta segunda década do século XXI, conviven dúas almas certamente irreconciliables; a dos galegos que consideran a esta terra como un apéndice necesario, e imprescindible da gran España, e a dos que consideramos que é unha nazón debido ás súas características diferenciadoras do resto de realidades do Estado. Ambas posturas lexítimas.
 
Probablemente non sexan posible neste caso puntos intermedios de acordos; seguramente non exista vontade de acadalos tampouco... O que é pouco discutible é a necesidade do liderado dunha nova xeración non viciada por tantos anos de odios case tribais, que fan imposible que as dúas almas convivan en beneficio desta terra.
 
Defender os intereses de Galicia por riba dos egos cansinos de idólatras das cadeiras de poder ben mantidas é unha responsabilidade histórica dos que consideramos esta terra como a nosa “nai e señora”.
 
As mensaxes de unidade baleiras, as proclamas a modo de berro sen contido, e a hipocrisía dos actuais actores principais, fan que moitos esteamos desexando un cambio de rostros, e sobre todo de vontades, para que o que son desexos dende a boa fe, teñan a mínima posibilidade de pasar a ser realidades tanxibles das que sentírmonos orgullosos.
 
De todos e todas nós depende este traballo e esta ilusión coa que imos celebrar un Día da Patria que ten que ser o berce dun futuro que algúns nos negaron.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.