Ollo con pagar a prazos as compras do Nadal: os intereses de préstamos rápidos como Aplázame chegan ao 18 % TAE

Dende Galicia Confidencial fixemos o experimento de solicitar financiación para a compra da PlayStation 5 (uns 500 euros de media) dividindo o seu pago. No Corte Inglés, a dez meses, rematábamos pagando case 100 euros máis. En PC Componentes, con Aplázame, a doce meses, case 50 euros máis; e con Cetelem, case 40.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As festas de Nadal son sinónimo de alegría, pero tamén de gasto. Segundo unha enquisa da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), cada español gastará unha media de 745 euros durante este Nadal, 10 euros máis que o ano pasado. O groso deste dispendio levarano os agasallos, que acadarán os 396 euros, mentres que as comidas e as ceas que celebramos estes días deixarannos con 150 euros menos nos nosos petos.

Agasallos
Agasallos | Fonte: Commons

A ninguén lle gusta vivir o espírito navideño con estreiteces económicas, por iso resulta moi tentador recorrer a créditos ultrarrápidos e tarxetas 'revolving', uns produtos que "resultan fáciles de conseguir porque a súa concesión non implica unha análise de solvencia exhaustiva, basta con non estar nun listado de morosos, e, ás veces, nin sequera iso", revela Estel Romero, avogada do despacho Sanahuja Miranda Abogados.

A facilidade coa que se obtén este diñeiro exprés é tal que mesmo se ofertan 'online', enchendo un simple formulario. "As entidades que hai detrás deses produtos non comproban a capacidade de endeudamento do usuario, nin sequera se ten unha nómina", comenta Romero. O problema chega á hora de devolvelo. "Canto máis rápido se recibe o diñeiro e menos trabas se poñen para obtelo, maiores serán os intereses", asegura Romero.

INTERESES USURARIOS

Se a pesares dos riscos, o consumidor decide saltarse o circuito bancario tradicional e solicitar un microcrédito ou unha tarxeta 'revolving', "atoparase atado a un produto financieiro ao que terá que respostar, en moitas ocasións, sen ter claro cal é o prazo de vencemento, extendendo un compromiso de pago onde o tipo de interés é tan alto que é usurario", apunta a avogada.

PlayStation 5
PlayStation 5 | Fonte: Commons

Ademais, Romero recorda que, en caso de demora, "aos xa de por si altos intereses da cuota mensual, sumaríanselle os intereses do impago, que suman unha porcentaxe por cada día de retraso, ademais dunha comisión fixa na maioría dos casos". É por iso que a avogada recomenda "non contratar un produto tan gravoso e tan pouco transparente porque estariamos a facerlle un flaco favor ás nosas finanzas", puntualiza Romero.

NIN EN CASOS EXCEPCIONAIS

A avogada recomenda descartar todas as alternativas posibles antes de recorrer a este tipo de financiación, que non debería entrar nos nosos plans "nin sequera de forma excepcional". Romero indica que "moitas familias piden o seu primeiro crédito rápido como algo puntual e, debido ao seu fácil acceso, acaban asimilándoo coma un costume, encadeando un con outro e, cando toman conciencia, danse conta de que deben facer fronte a unha débeda inasumible".

"Recorrer a un profesional e iniciar un proceso de reclamación é o camiño para que este tipo de contratos de préstamo sexan declarados nulos", manifesta a letrada. Romero matiza que "xa son moitas as sentenzas que dictan que o TAE destes produtos supera o normal do diñeiro e é notablemente desproporcionado".

EXPERIMENTO GC

Dende Galicia Confidencial quixemos comprobar se realmente son tan elevados os intereses que se deben pagar nestes préstamos. E, lamentablemente (alerta 'spoiler'), comprobamos que si. Tomamos como referencia dous dos agasallos estrela máis caros deste Nadal: a consola de videoxogos PlayStation 5 (que tras a crise no suministro de 'microchips' que impediu a súa fabricación o pasado ano estase a vender coma churros) e o móbil iPhone 15 (o novo modelo da empresa de Steve Jobs). E buscámolos nalgunhas das páxinas que consideramos fiables e moi empregadas á hora de mercar por parte dos usuarios e que, ademais, ofertan flexibilidade de pago.

Así, El Corte Inglés é unha das empresas que oferta a compra a prazos como reclamo. En concreto, nesta coñecida firma a PlayStation 5 (slim standar) custa 499,90 euros. Se a poñemos a pagar en seis meses teriamos que abonar un montante final de 575,84 euros (TAE ao 13,13 %); se a pagásemos a dez meses, sería unha suma total de 591,03 euros (TAE ao 14,35 %); e se o fixésemos a 18 meses (ano e medio), sairíanos polo pico de 622,18 euros (TAE ao 15,41 %), é dicir, uns 120 euros máis cara que o seu custe orixinal. No caso do iPhone 15 libre (normal con almacenamento de 128 GB), a cousa non é mellor. O custe base é de 959 euros. Se o pagamos en seis meses o montanto final ascende a 1.004,26 euros (TAE ao 13,13 %); en 10 meses, a 1.030,73 euros (TAE ao 14,35 %); e en 31 meses, a 1.177,11 euros (TAE ao 16,07 %).

Miramos tamén nunha coñecida tenda de venda de electrónica 'online', PC Componentes. Alí a financiación vén dada por compañías  financieiras externas que colaboran coa web. Así, hai dúas opcións para o pago a prazos: Aplázame (Wizink Bank S.A.U.) ou Cetelem (Banco Cetelem S.A.U.). A PlayStation 5 custa na páxina 549 euros. Con Aplázame se decidimos pagala a doce meses (un ano), sairíanos finalmente por un total de 591,36 euros (TAE ao 17,95 %), pagando cada mes 49,28 euros; mentres que en Cetelem sairía a 581,94 euros (TAE ao 12,09 %), pagando 45,75 euros cada mes. No caso do iPhone 15, este custa 929 euros. Pagándoo en 12 meses con Aplázame sae a un montante total de 1.000,68 euros (TAE ao 17,95 %), abonando 83,39 euros ao mes; e con Cetelem sairía a 984,74 euros (TAE ao 12,10 %), 77,42 euros ao mes.

Finalmente, tamén nos fixamos no custe que ten a PlayStation 5 na web de Amazon nunha tenda que permite financiala cun crédito de Cofidis. O custe base da consola é de 549 euros e só se oferta a posibilidade de dividir o pago en catro meses. Deste xeito, solicitando este sistema de flexibilización de pago, Cofidis obriga ao consumidor a abonar 128,11 euros ao mes (co TAE ao 23,38 %). Por se aínda non sabes se estas porcentaxes son moi altas ou moi baixas, cabe sinalar que o interese actual dun préstamo bancario, segundo os datos do Banco de España, non superaría o 9 %. Estamos a falar, por tanto, de préstamos rápidos que ata triplican os intereses normais dunha financiación bancaria.

iPhone 15
iPhone 15 | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta