O persoal das discotecas galegas poderá formarse sobre violencia sexual e LGTBIfobia

O obxectivo é "xerar un modelo festivo e de lecer nocturno baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas de todas as persoas, sen cargas sexistas nin discriminatorias na publicidade, na política de prezos ou nos accesos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2024 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O persoal de locais de lecer nocturno poderán formarse en cursos organizados pola Xunta sobre a atención a casos de violencias sexuais e LBTBIfóbicas. Así o recolle o protocolo elaborado polo Goberno galego para actuar contra este tipo de violencias nos negocios nocturnos, que foi abordado nun encontro este mércores con representantes do sector.

A reunión, encabezada pola secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, e na que participaron directivos de Galicia de Noite, Feprohos, Fesdiga, Apcap e Apehl; serviu para que as entidades representativas dos negocios de lecer nocturno coñezan o protocolo antes de que comece o período para adherirse. O documento porá o foco na prevención e o tratamento deste tipo de episodios coa atención a vítima, a confidencialidade e a inmediatez como eixos de actuación, segundo explicou a Xunta nun comunicado emitido tras o encontro.

O obxectivo é que os establecementos conten cun protocolo que permita unificar actuacións para combater e atender as situacións de violencia que se poidan rexistrar nos seus negocios, onde, ademais, poderán organizar iniciativas de prevención e sensibilización. Todo para "xerar un modelo festivo e de lecer nocturno baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas de todas as persoas, sen cargas sexistas nin discriminatorias na publicidade, na política de prezos ou nos accesos".

CURSOS FORMATIVOS

Para potenciar os mecanismos de detección deste tipo de situacións, a Xunta ofrecerá aos negocios que se adhiran ao protocolo cursos formativos en liña orientados tanto aos equipos directivos como ao persoal de barra ou de seguridade. As actividades terán unha duración de dez horas durante catro semanas na que se aborarán cinco módulos temáticos sobre violencias contra a muller e persoas LGTBI, análises de contexto no que se producen, pautas de actuación, prevención ou sensibilización.

Interior dunha discoteca
Interior dunha discoteca | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta