Picos de demanda en urxencias "nunca vistos" pola gripe: os pacientes aumentaron un 26 % este martes, con outros 30 ingresos

Todas as áreas sanitarias teñen activos os seus plans de continxencia e o pico da gripe espérase para esta semana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2024 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A gripe, a covid e o resto de infeccións respiratorias non dan tregua aos hospitais galegos, que manexan estes días nos seus servizos de urxencias picos "nunca vistos" de asistencia, segundo apuntan distintos profesionais a Europa Press, coincidindo coa que xa se esperaba que fose a semana na que estes casos se agrupasen, tras as festas, e levasen a un pico que se prevé nos próximos días. Servizos de urxencias como o de Santiago ou o do Álvaro Cunqueiro de Vigo sufriron estes días unha forte presión asistencial, con numerosos pacientes esperando a ser vistos e profesionais que afirman sentirse "ao límite".

Con todo, desde Sanidade descartan que se trate dunha saturación nos servizos de urxencias. Tal e como dixo o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, nunha entrevista á Radio Galega, "o problema non son as persoas ingresadas, se non as persoas que acoden aos servizos de Urxencias", onde se están producindo "picos de demanda". "Aquí, por agora, non hai colapso en Urxencias e espero que non o haxa. Non chegamos ao colapso, se non á retardación de procesos banais", dixo Aboal, tras o que pediu "desculpas" ás persoas que estes días "teñen que esperar máis" nos hospitais.

MÁIS DE 3.500 URXENCIAS

Segundo os datos de vixilancia proporcionados pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, nos hospitais galegos atendéronse este martes, día 2, 3.522 urxencias, un 26 % máis que a xornada anterior, cando foron 2.788, aínda que en cifras similares ás do mesmo día de 2023 (un 1 % por enriba).

Delas, 2.898 son consultas de urxencias de adultos, dos que o 19,4 % ingresaron en planta; mentres que 624 son de pediatría, dos que o 3,6 % ingresaron en planta. Seguen, por tanto, baixando as urxencias pediátricas, pero aumentan as de adultos con respecto ao día 1 (cando foron 2.153 e 635, respectivamente).

Segundo os datos da triaxe, o 0,32 % dos pacientes asistidos en urxencias en Galicia este martes eran cor vermella (risco vital, atención inmediata), o 11,15 % cor laranxa (moi urxentes, cunha espera duns 20 minutos), o 37 % cor amarela (urxentes, con hora e media de atención) e o 37 % cor verde (menos urxentes, con atención en dúas horas). Ademais, o 0,87 % eran casos azuis, non urxentes, cun tempo de atención de catro horas, e o 13,66 % cor branco, para a tramitación de procesos administrativos.

En canto aos ingresos, a día de hoxe hai en Galicia ingresadas 925 persoas con gripe, dos que 47 están na UCI. Son 29 en planta e 1 en UCI máis que o día anterior. Con respecto ao ano pasado, hai menos nenos ingresados, pero un 1 % máis de adultos. Con respecto á covid, hai na actualidade 173 persoas ingresadas con esta patoloxía, das que 9 están en UCI. Estes datos supoñen 10 pacientes máis que onte en planta e os mesmos en coidados intensivos.

O Sergas ten activados nas súas sete áreas sanitarias os plans de continxencia para dar resposta á maior demanda asistencial desta época do ano, habilitando camas e reforzando os seus cadros de persoal. Tamén lembrou que continúa activa, ata o 12 de xaneiro, a campaña de vacinación de gripe e covid.

Unha enfermeira inocula a unha menor de 13 meses unha dose contra a gripe
Unha enfermeira inocula a unha menor de 13 meses unha dose contra a gripe | Fonte: EUROPAPRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta