Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/01/2024 | Actualizada ás 22:00
A gran preocupación agora que os pellets están esparexidos por case todas as praias de Galicia é saber ata onde pode chegar a súa toxicidade, para comprender que efectos poden ter nos ecosistemas mariños. Dende a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o grupo de Ecotoxicoloxía xa recolleu mostras de pellets da praia de Riazor que pretenden analizar, para ver realmente cal é a súa composición e os aditivos que poden ter e se estes son ou non contaminantes para o medio. Tamén pretenden recoller mostras doutras zonas, porque aínda que nun principio non debería haber diferenzas, ao proceder todos da mesma vertedura, "máis vale previr".
Zulema Varela Río, investigadora postdoutoral de Ecoloxía, pertencente ao grupo de Ecotoxicoloxía da USC, explica a Galicia Confidencial que nesta problemática hai dous puntos que son fundamentais respecto ao impacto dos pellets: "Por un lado, os problemas que pode causar a súa acumulación nos organismos, sobre todo agora que se están a ver moi xuntos, e que hai moitísimas boliñas xuntas que poden ser inxeridas por algún organismo e, pola acumulación das mesmas no seu tracto dixestivo, remate por perxudicarlle; e, por outro lado, a posible toxicidade das substancias químicas, dos aditivos, que se lle botan aos pellets no seu proceso de produción". Como apunta, polo momento, "nin sequera a Xunta coñece a composición" destes pellets.
De ter algunha substancia tóxica na súa composición, con todos estes pellets dispersos no medio, os organismos que estean en contacto con estes plásticos si se poderían ver afectados, pero "ata que non sepamos a ciencia certa a súa composición nos podemos dicir nada". Iso si, cre que se deberían instalar colectores especiais para a súa recollida, pois botalos no amarelo, no de plástico, non é o adecuado: "É que co plástico o que se reciclan son os envases, realmente".
Sobre o que si fan un chamamento especial é sobre ter coidado coa masificación das praias e os elementos usados na limpeza. Zulema asegura que "o impacto que pode haber polo de agora, polo que estamos a ver nas imaxes, ten máis que ver con como se están a recoller estes pellets, pois en moitos casos faise con restrelos". E "se hai dúas ou tres persoas angazando non pasa nada, pero se hai 500 ou 600 persoas nunha praia con angazos, removendo toda a area, pode ser un gran problema, pois esa area é hábitat de moitos organismos, polo que vaise producir un impacto medioambiental", advirte a experta.
"Evidentemente os voluntarios fano por ben, pero deben ter moito coidado", alerta Zulema, que asegura que tamén deben ter coidado con como van ataviados para recoller os pellets: "Que se poñan sempre guantes, aínda que supoñemos que as máscaras non son precisas". "Se pasan por enriba de dunas nas que haxa vexetación poden danar o medio e danos un pouco de medo o impacto que de súpeto poida ter sobre estes ecosistemas o que chegue tanta xente a eles", indica a investigadora da USC. Ademais, ao pasar sobre os pellets, pois moitos non se vén ben, pódense introducir aínda máis na area.
Así as cousas, dende o seu punto de vista, a Xunta "debería reunir a un comité de expertos que elaborase un protocolo unificado para a recollida dos pellets en todos os lados de Galicia". Pois, un a un, como se está a facer, vai ser moi díficil. De feito, Zulema é consciente de que "vexo difícil limpalos todos, por desgraza isto vai ser moi difícil de limpar". Con todo, apunta que "isto non é chapapote, como aconteceu co caso do 'Prestige', que era moi tóxico e que nada máis tocalo ou inhalalo quedabas perxudicado ao momento, este tipo de contaminación igual se ve máis a longo e medio prazo".
O que tamén hai que ter en conta é que máis aló dos voluntarios que se achegan para a recollida dos pellets, non é convinte pasear pola praia porque si, xa que precisamente ao pisar os pellets pódense afundir na area e dificultar a súa posterior recollida. Tampouco debería ser recomendable levar animais, como cans, ata os areais, pola súa seguridade, pois poderían inxerir as boliñas. "En principio non é recomendable o contacto cos pellets para ningún animal", explica Zulema. Aínda así, cre que o efecto dos pellets sobre a fauna, en caso de producirse, "sería máis a longo e medio prazo", non agora mesmo.
Con todo, a investigadora da USC apunta que "a pesares de que os microplásticos crean moitísima alarma, porque non terían que estar nestas zonas, contaminándoas, hai que ter en conta que non son algo raro para nós, pois na propia auga da billa que bebemos hai microplásticos, e bebémolos e non pasa nada, non hai problema para a saúde humana porque van en pequena cantidade". E é que, segundo indica, "por desgraza, os microplásticos están en todos os lados, e estamos en contacto con eles". Por iso a preocupación "está máis nas substancias químicas que poidan ter eses plásticos que no material en si".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.