Escavadoras e tractores nas praias ante a falta inicial de protocolos claros para a limpeza dos pélets

O famoso Plan Camgal expón como medida fundamental nos procesos de limpeza "non utilizar medios mecánicos porque poden afectar á biodiversidade da zona". Mais o descoñecemento nun primeiro momento levou a varios concellos a cometer erros.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 19/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A crise dos pélets segue moi presente nas nosas praias, a pesares de que os últimos avisos de MeteoGalicia prevían que un cambio nas correntes mariñas afastase os microplásticos das costas galegas cara a zona do Cantábrico. Despois de semanas nas que os únicos efectivos de limpeza que había nas praias eran os propios voluntarios, veciños de cada zona que collían unha vasoira, un recolledor e un capacho con auga e se baixaban aos areais a facer o cribado, agora semella que xa hai persoal contratado pola Xunta e pola propia cargueira do 'Toconao' traballando nos concellos afectados. E tamén dende os propios concellos se están a poñer medios para a retirada dos pélets. A pregunta é: como o están a facer? Teñen indicacións claras?

Tractores traballando na retirada de pélets en Malpica
Tractores traballando na retirada de pélets en Malpica | Fonte: Diario de Bergantiños

Dende que comezou esta vertedura, dende os diferentes organismos en defensa dos ecosistemas mariños, se fixo moito fincapé en que non se debían retirar os microplásticos con area incluída, e moitos menos con algas, porque aí viven moitos microorganismos que son precisos como alimento dos seres vivos dese medio, polo que eliminalos podería alterar gravemente o ecosistema. E o propio Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (o famoso Plan Camgal, que tanto tardou en subir ao nivel de alerta 2) nas súas recomendacións de limpeza pide "onde os pélets están dispersos (menos de 150 microplásticos por metro cadrado), non recollelos con pas nin con outros instrumentos que alteren o substrato, xa que o dano ao ecosistema pode superar o beneficio da retirada das partículas plásticas".

Tamén inclúe de maneira destacada "non sacar da praia elementos naturais como algas, cunchas ou area" e, como medida fundamental, "non utilizar medios mecánicos (nos areais) porque poden afectar á biodiversidade da zona". Estase a cumplir? Pois remitímonos as fotografías que foron difundidas por distintos medios de comunicación e usuarios de redes nestas semanas, nas que moitos concellos, con boa vontade e ante a falta de indicacións precisas por parte da Xunta, meteron escavadoras e tractores nos areais para recoller os pélets. Descoñecemento, por tanto, por parte dos propios concellos, e descoñecemento tamén por parte dos voluntarios, que tiveron que ir separando os pélets un a un ou con métodos rudimentarios. 

Fai uns días, o presidente de Oceanógrafas de Galicia, Jorde de los Bueis, xa alertaba de que "vimos maquinaria pesada nos areais e toda unha serie de cousas que nos levan a preocuparnos moito". Para tratar de evitar que se siga caendo nestes erros, dende a asociación están a realizar "un listado de recomendacións para mandar canto antes aos concellos galegos con indicacións moi claras do que se debe facer". "Vemos que moitos concellos non saben ben que facer ou están actuando de boa fe, pero equivocándose en determinadas cousas, e parécenos importantísimo que teñan indicacións claras de como proceder, do que poden e non poden facer nos seus areais", dicía De los Bueis.

ÁNGELES VÁZQUEZ REIVINDICA O COMPROMISO CO MAR

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reivindicou o compromiso do PP galego e da Xunta cos produtos do sector primario e tamén do mar, unha actitude que contrapuxo cos pasos dados polo PSOE no marco da chegada dos pélets ás costas galegas. Vázquez, moderadora da mesa sobre o 'Sector Primario e Desenvolvemento Rural' da Interparlamentaria que os populares celebran en Ourense, reivindicou que Galicia conta cuns produtos do mar "fantásticos" e un sector da pesca que traballa duro e que merece "respecto".

"Esa pesca con eses produtos fantásticos que, nos últimos días, eses señores do Goberno, porque nós si que somos respectuosos e tratámolos de señores, tentaron defenestrar con imaxes irreais", reprobou, en relación a fotografías difundidas en redes sociais.

"Tomade esta noite pescado e marisco de Galicia", animou Vázquez aos asistentes á Interparlamentaria popular, antes de esixir respecto para "agricultores, gandeiros e para a xente do mar". O seu traballo, advertiu, é duro, como para ter que soportar "que saian por aí con 'fakes'".

Tractores traballando na praia de Orzán, na Coruña
Tractores traballando na praia de Orzán, na Coruña | Fonte: Javier Alborés - EIG

Pisadas de tractor na praia de Samil, en Vigo
Pisadas de tractor na praia de Samil, en Vigo | Fonte: Cedida por voluntarios
Tractor traballando na limpeza na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa
Tractor traballando na limpeza na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa | Fonte: Cedida por voluntarios
Operario traballa na limpeza de pélets nunha praia de Asturias cunha aspiradora
Operario traballa na limpeza de pélets nunha praia de Asturias cunha aspiradora | Fonte: EFE
Un tractor elimina algas da praia de Rianxo para evitar que os pélets que poidan chegar se enreden nelas
Un tractor elimina algas da praia de Rianxo para evitar que os pélets que poidan chegar se enreden nelas | Fonte: ECG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta