Os dólmenes abandonados da Costa da Morte

A Xunta anunciou en 1999 a creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo. 16 anos despois, só o dolmen de Dombate é o único preparado para a súa visita.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 17/08/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Que pasa cos dólmenes da costa da morte?. Desde 1999 os sucesivos gobernos da Xunta de Galicia levan anunciando de lexislatura en lexislatura a inminente posta en funcionamento do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, pero o certo é que o único que fixeron –dúas veces- foi declarar Ben de Interese Cultural (BIC), ademais do arquifamoso dolmen de Dombate, outras 14 antas pertencentes ós concellos de Carballo (Aldemunde), Malpica (Pedra da Arca de Cerqueda), Laxe (A Fornela do Aplazaduiro), Zas (Pedra Moura de Pedra Vixía e a Arca da Piosa), Vimianzo (Pedra Cuberta, Pedra Moura de Carnio, Pedra da Lebre de Serramo, Arca do Rabós de Baíñas, Arca de Vilaseco, Casota de Freán de Berdoias, a Mina de Recesindes de Carantoña e a Pedra da Arca de Regoelle –esta compartida con Dumbría-) e Mazaricos (A Mina da Parxubeira). E aí quedaron, esquencidas, sen ningunha outra protección nin coidado; tanto foi así que xa houbo denuncias polo deterioramento dun destes BIC (a Arca de Vilaseco) por parte dun tractor.

Pedra Cuberta hai uns anos e na actualidade-Foto-XMLS Pedra Moura de Carnio, arriba como estaba hai uns anos e abaixo, na actualidade-Fotos-XMLS
Pedra Cuberta hai uns anos e na actualidade-Foto-XMLS Pedra Moura de Carnio, arriba como estaba hai uns anos e abaixo, na actualidade-Fotos-XMLS

Desde a Dirección de Patrimonio responsabilizaron ó propietario do monte, que pode tela, pero a persoa responsable de tal Dirección Xeral tena aínda máis, máxime se se pensa que practican o “laiissez-faire” (ou, peor aínda, “il dolce far niente”) pola posta en valor da riqueza dolménica da Costa da Morte. E deste xeito seguiremos perdendo un dos nosos mellores atractivos turísticos, pero xa non estraña a ninguén pois para a Costa da Morte –a zona marítima máis deprimida de Galicia, malia o seu potencial monumental e paisaxístico- o Goberno galego só parece ter unha resposta negativa xeneralizada. Non ó Parque do Megalitismo, non á posta en valor do Penedos de Pasarela e de Traba, non á declaración do monte Pindo como parque natural…

O dolmen de Dombate pasou case vinte anos –os do goberno de Fraga, casualmente- agochado por unha burda lona de plástico (“o burka de Dombate”, chegou a chamárselle). Agora, unha  vez que hai uns anos se puxeron de acordo os técnicos da Deputación da Coruña e da Xunta, xa goza de protección e ten un centro de recepción á altura de calquera país europeo. Por fin se fixo algo decente, ¡pero hai que ver os anos que botaron para se poñeren de acordo: polo menos vinte! Algo e algo, e ben que se nota na economía da zona, como o testemuña o alto número de visitantes que recibe anualmente. Pero Dombate, a chamada “catedral” das antas galegas, non debe escurecer o resto dos “templos” da súa redonda, que nalgún caso ten a mesma categoría: caso de Pedra Cuberta e da Pedra da Arce de Regoelle, estudadas en 1933 polos arqueólogos alemáns Georg e Dora Leissner. Dombate acadou sona por unha poesía de Pondal, pero a Arca da Piosa tamén mereceu a atención do bardo bergantiñán, pois nela situou a tumba dun gran guerreiro celta, “o valente Brandomil”.

Arqueólogos da categoría de José Mª Bello, Antón Rodríguez Casal ou Manuel Lestón, por citar só algúns dos galegos, traballaron arreo polos megálitos da Costa da Morte. Antes fixérano os alemáns Georg e Vera Leisner (anos trinta), a irlandesa Elisabeth Shee (anos setenta), entre outros. No Seminario de Estudos da Costa da Morte publicamos guías en galego, castelán e francés, e mais un documental. O noso megalitismo é coñecido de sobra polos arqueólogos de toda Europa, pero a Consellería de Cultura parece dalo a esquecemento incumprindo a obriga que ten de poñer en valor eses monumentos tan pomposamente declarados BIC: hai que restaurar as antas que teñen as tampas e lousas desprazadas, limpar as zonas de monte onde se atopan, facilitar os accesos…, e tamén abrir un centro de recepción axeitado. O investimento, desde logo, vai ser máis ben modesto, pois non require a construción de ningún macroedificio nin nada semellante.

Hoxe xa non se aprecia a forma semicircular da mámoa da Arca da Piosa 4-7-15-Foto-XMLS
Hoxe xa non se aprecia a forma semicircular da mámoa da Arca da Piosa 4-7-15-Foto-XMLS

Por pouco que un viaxe verá que noutros lugares se lles presta a estes monumentos das “grandes pedras” de hai máis de 5.000 anos un coidado que non vemos en Galicia. Actualmente, vese o estado deplorable de tres destes BIC: Pedra Cuberta, a de acceso máis doado, con agún piñeiro caído sobre el; a Pedra Moura de Carnio hai que adiviñala, pois está totalmente oculta pola herba alta do herbal onde se atopa. E a Arca da Piosa, a mítica tumba do Brandomil pondaliano, rodeado de toxos grosos e altos medrados na súa mámoa que xa non deixan ver as súas dúas ciclópeas tampas de 6 toneladas cada unha. Aquí a única entidade que cumpriu co seu cometido foi a empresa madeireira que explota o monte de Muíño (Zas), que se comprometeu a non plantar nin piñeiros nin eucaliptos nunha ampla área circundante para non danar a mámoa e así o fixo. Para que logo critiquen a falta de colaboración dos particulares.

Xosé María Lema Suárez (lemasuárez@quepasanacosta.com) en Que pasa na costa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 José

si home si, vaille lamber o ku a norfor, que o único que fai é cumprir a lei, e non digas que hoxe iso xa é bastante

2 galegoexiliado

Na Galiza as altoridades e políticos sofren una epidemia do virus Caminitis falsoperegrinensis e todo o que non teña que ver co Camiño está abandonado e esquecido. Haberá que facer como en Teruel e decir tamén que mais aló do pesadelo do Camiño GALICIA EXISTE.

1 expañol = gorila urco

pero de que se queixan si en cea fixeron un merendeiro cunhas tampas sepulcrais... desde que o poloitico chamado -vieiras abandonou o nacionalismo e transformouse nun fascista expañol mais... os mais envalentonados da dereita pretenden destruir o pasado celta dos galegos... pretenden destruirnos! - http://www.laregion.es/articulo/o-c...

1 nubeseclaros

Que terá que ver o cú coas témporas. De verdade que pensas todo eso polas destrucións do patrimonio? Mira que vin desfeitas de todo tipo, pero non sabía a causa. Grazas pola información. haberá que pedirlle logo que volva ao nacionalismo senón quedamos sen nada.

2 as nubes telas tí

Esquece o Vi-ei-ras. Con Espanha temos destrucción do patrimonio, a lingua e incluso o pasado da GZ, e nos meten do catecismo de construcion nacional da felicidade das regions de Espanha.

3 Carme

As nosas pedras non necesitan nin merecen polític@s, partidos nin ideoloxías... Divulgación, coñecemento e respeto sí !!!